Opinión
Martínez de Sousa, edición definitiva sen erratas
Entre os autores protestantes era frecuente, según Roger Chartier (Editar y traducir, Gedisa editorial, 2022, pp. 310-320), considerar a vida eterna como unha edición definitiva e sen erratas nomeadamente cando a elexía se refería a editores e impresores. Unha metáfora acaída para José Martínez de Sousa (O Rosal, Pontevedra, 1933- Barcelona, 2026), un galego ilustre esquecido na súa terra e admirado polo seu saber en todo o mundo. Ninguén dubidará da súa sabedoría e competencia despois de ler unha das súas obras (Ortografía y Ortotipografía del español actual, Trea, Gijón, 2008) que figura citada en todas as bibliografías que se achegan con autoridade ao mundo desta nova disciplina chamada Ortotipografía, que se ocupa esencialmente da ortografía do texto, distinta da da letra, da da palabra e da da frase. As súas numerosas obras, que se acollen con frecuencia ao formato dicionario (Diccionario de uso de las mayúsculas, Diccionario de tipografía y del libro, Diccionario de usos y dudas del español, Diccionario de información, comunicación y periodismo, etc.), con milleiros de entradas, disiparon, e seguirán disipando, dúbidas en todo o mundo hispánico. Non obstante o noso personaxe padeceu durante a súa frutífera vida numerosas inxustizas e algunha que outra «errata». Entre estas últimas o ter que facer, cando estaba en idade militar, un curso de topografía cando el tiña solicitado formarse en tipografía. Un erro tan contundente como o do meu veciño dos Castros que, procedente dos Peares, abriu taberna na Coruña na procura de mellor vida. Encargou rótulo subvencionado pola Coca-Cola e case lle dá un pasmo cando lle entregan o anuncio fachendoso que rezaba, luminoso, «Los Peores vinos», con maiúscula.
De calquera xeito non foi fácil a vida do noso bibliólogo que, orfo desde moi neno, estivo internado en colexios para orfos e nenos pobres en Sevilla, cidade á que chegou coa súa nai na procura de mellor vida. Quixo a fortuna que no ano 1948 chegase a un colexio de salesianos que lle permitiu ingresar nun dos talleres de imprenta dos relixiosos. Como é sabido a profesión de caixista ou linotipista require moitos anos de formación e non se adquire categoría de oficial ata a maioría de idade, razón pola que as familias necesitadas evitaban esta profesión, reservada en gran parte, por este motivo, para orfos e nenos recluídos nos hospicios.
Por estas circunstancias pasaron notables artistas gráficos e linotipistas, orfos e desvalidos economicamente, empezando por Pablo Iglesias (Ferrol, 1850-Madrid, 1926), ingresado aos doce anos no Hospicio de San Fernando en Madrid. De aquí as numerosas imprentas de Hospicios e centros de beneficiencia instalados en grandes cidades que chegaron a imprimir obras emblemáticas como El Álbum de la Caridad, impreso no Hospicio Provincial da Coruña (1862).
Con non poucos sacrificios Martínez de Sousa trasladouse en 1957 a Barcelona, capital da edición no mundo hispánico, e traballará na editorial Bruguera e La Vanguardia para ingresar en 1966 na editorial Labor onde permanecerá máis de vintecinco anos tendo como compañeiros e colaboradores a xente como Manuel Sánchez Sarto, Salvador Clotas, Carlos Barral, Mauricio Wacquez, etc. Non obstante, Martínez de Sousa foi un mestre autodidacta que se formou ao marxe do mundo académico pero chegou a impartir cursos e conferencias en universidades de distintos países. A raíz da súa morte ocorrida o día 26 de xaneiro de 2026 en Barcelona un dixital uruguaio (Letras, 6 de febreiro) publicou como homenaxe unha semblanza biográfica de Martínez de Sousa asinada por dúas admiradoras, Maqui Dutto e Pilar Chargoñia, do gremio editorial. Ten como título «José Martínez de Sousa, el sabio sin academia» e rematan o seu traballo deste xeito:
«¿Por qué don Pepe no integra la Real Academia Española si sus saberes sobre temas gramaticales son los más apropiados? Hice la consulta enviando una carta a la Academia y la respuesta no demoró. En pocas palabras, los académicos respondieron que don Pepe no era elegible por su falta de títulos académicos. Prefiero ahorrarme los comentarios». E nós tamén porque sabemos que as universidades son as grandes expendedorías de títulos e licencias para exercer de sabios.
- Una hostelera de Oleiros sufre un desmayo en su local y se queda sin baja laboral por ser autónoma
- 0-0 | AD Ceuta CF - RC Deportivo, en directo hoy: partido de la Liga Hypermotion en vivo | Primera parte
- La multinacional japonesa Resonac resucita la antigua parcela de Alu Ibérica en A Coruña, junto a Marineda: los trabajos empiezan este cuatrimestre
- Empieza un año crítico en la movilidad de A Coruña: la Xunta advierte de que un accidente grave puede llevar al 'colapso
- Así está la clasificación de Segunda: El Dépor duerme en ascenso directo pendiente del Castellón
- La Torre de Hércules permanecerá cerrada al público hasta junio por obras
- Comienzan las obras de 94 pisos protegidos en Xaz, con precios desde 199.000 euros: 'Es un ejemplo que ojalá se copie en otros sitios
- Arteixo rescatará el aparcamiento de la playa Repibelo después de 20 años
