Opinión | El Grupo Naturalista Hábitat opina
Cosme Damián Romay Cousido
Sobre algunhas noticias ambientais recentes
A última semana estivo repleta de noticias con relevancia ambiental desde o prisma galego: a primeira, que o Tribunal Supremo confirmou a sentenza de xullo de 2025 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en relación á inacción da administración (tanto autonómica como a Confederación Hidrográfica Miño-Sil) perante a contaminación de orixe agro-gandeiro do encoro das Conchas (en particular) e da comarca da Limia (en xeral). Na sentenza, que é xa firme, afírmase que este laissez faire da administración fronte a un atentado ecolóxico coñecido e continuado vulnera dereitos fundamentais. O dereito á vida, á saúde e á auga limpa na Limia deberán ser restaurados.
A segunda, que se anunciou que nos vindeiros meses vanse poxar os primeiros 3000 megawatts da eólica mariña a nivel español. No caso de Galicia hai vinte proxectos de parques eólicos flotantes no mar, e nada menos que once empresas candidatas a facerse con eles (todas de fóra de Galicia). A pesar desta poxa, o futuro destes parques eólicos non está garantido, e a loita xudicial será longa.
Por unha banda, o gran capital inversor (que inclúe fondos poderosísimos como Blackrock) e, por outro, entidades ambientalistas, confrarías de pescadores e boa parte da cidadanía, preocupada polo impacto sobre os cetáceos, as aves mariñas e as pesquerías destes xigantes eólicos no mar. Outra nova negativa é a abeirada masiva de araos papagaios (Fratercula arctica) e outras especies de aves acuáticas ao litoral entre Portugal e o Reino Unido, asociada aos sucesivos trens de borrascas atlánticas durante o inverno. Só no litoral galego se levan recollido máis de 3.000 aves mortas, todas elas moi delgadas, en especial araos papagaios pero tamén araíños atlánticos (Alle alle), mascatos boreais (Morus bassanus) e paíños europeos (Hydrobates pelagicus), por só citas algunhas especies.
Para rematar, unha noticia máis positiva: a Xunta de Galicia vai arquivar o proxecto da megacelulosa en Palas de Rei, esgrimindo a falta de conexión eléctrica pero, sen dúbida, lastrada por un proxecto con innumerables eivas ambientais e despois dunha continua e histórica mobilización da cidadanía. Así e todo, a entente promotora (Greenfiber, suma de Altri e Greenalia) estuda presentar alegacións ao arquivo do seu proxecto, e queda dirimir a autorización ambiental integrada e a concesión de augas. É case un punto final a este proxecto, ao que o Grupo Naturalista Hábitat alegou, pero a vitoria aínda non é total. A loita continúa.
Conclusión: o G. N. Hábitat segue pendente da actualidade ambiental e, como ven facendo regularmente, publicará posicionamentos e materiais informativos na súa web (www.gnhabitat.org) así como nas súas redes sociais.
Cosme Damián Romay Cousido é biólogo e escribe en nome do Grupo Naturalista Hábitat
- Una hostelera de Oleiros sufre un desmayo en su local y se queda sin baja laboral por ser autónoma
- Las alternativas para entrar y salir de A Coruña durante el corte total de A Pasaxe durante una semana
- La multinacional japonesa Resonac resucita la antigua parcela de Alu Ibérica en A Coruña, junto a Marineda: los trabajos empiezan este cuatrimestre
- El local de A Coruña que ha logrado el bronce a la mejor hamburguesa de Galicia: 'Vendemos 1.500 al mes
- El auge de las lavanderías en A Coruña hace que pasen de solución puntual a rutina semanal: 'Hay gente que ya no tiene lavadora en casa
- Comienzan las obras de 94 pisos protegidos en Xaz, con precios desde 199.000 euros: 'Es un ejemplo que ojalá se copie en otros sitios
- Arteixo rescatará el aparcamiento de la playa Repibelo después de 20 años
- Rechazado el traspaso de la licencia de un pub de A Coruña porque fue falsificada