Opinión | Olladas do país
O afundimento de Altri e unha nova política forestal
O éxito inapelábel da sociedade civil organizada a medio da grande mobilización plural, transversal e técnica da comarca da Ulloa e do país todo (a maior dende a de Nunca Máis en 2002-2003) que afundiu o proxecto Altri demostrou que Galicia xa non acepta o modelo caduco do «desarrollismo» de vella fasquía e quere pensar por si propia, fronte á Galicia que se deixa pensar dende os despachos de San Caetano e as estratexias de multinacionais sen arraigo.
No plano estritamente político, o de Altri é un fracaso total de Alfonso Rueda e o Partido Popular. O Goberno da Xunta xogou todo o seu prestixio industrial a unha única carta que resultou ser un castelo de naipes. A incapacidade para garantir seguridade xurídica e ambiental deixa ao PP nunha posición de debilidade narrativa, xa que o seu modelo de «alfombra vermella» amosouse ineficaz. Pola contra, o escenario consolida o crecemento do BNG e a figura de Ana Pontón. O nacionalismo soubo ler o malestar social e canalizalo institucionalmente, saíndo da foto como o garante do territorio. Porén, este éxito sitúa ao soberanismo galego diante dun espello esixente: xa non abonda coa impugnación. A madurez política do soberanismo obriga agora a formular, de xeito concreto, unha política industrial en positivo definindo como, onde e con que enerxía se deben transformar os nosos recursos. Se foi quen de resolver na fase de resistencia habería ser quen a resolver tamén na da gobernabilidade produtiva.
O fracaso de Altri obríganos a ollar cara ao sector forestal galego suxeito a prezos relativos deprimidos e a unha estrutura de propiedade (e, sobre todo de xestión do solo forestal que non foi allea ao arrumbamento da política forestal do conselleiro Suárez Canal-BNG- pola Xunta do PP, nomeadamente das Unidades de Xestión Forestais-UXFOR) que segue sen producir o valor engadido que o país podería dar. Mentres, o taboleiro empresarial está a moverse. Analistas financeiros e persoeiros do sector dan como moi probábel que o ERTE de ENCE para as factorías de Navia (Asturies) e Lourizán-Pontevedra estea relacionado cunha venda probábel da pasteira. Hai quen apunta cara a propia Altri como compradora e hai quen, pola contra, dá por certa a entrada da multinacional USA International Paper. A saída de ENCE da ría de Pontevedra é un imperativo ambiental e, tamén, de legalidade europea (en canto que a prórroga de Rajoy no 2013 non se someteu ao procedemento de concorrencia competitiva que os propios Tratados constituíntes esixen para prorrogar as concesións de dominio público e de servizos públicos; e a mesma doutrina que denuncia a ilegalidade das prórrogas da AP-9). Mais a absorción de ENCE pola multinacional portuguesa ou norteamericana podería mesmo agravar a consideración do eucalipto galego como reserva estratéxica —e barata— para terceiros alleos a Galicia.
Neste contexto, o país enfronta dous modelos de política forestal antagónicos que chocarán no vindeiro ciclo electoral. Por unha banda o modelo inercial do PP, baseado na «eucaliptización» intensiva, a desregulación e a subordinación á industria de pasta de papel de baixo valor engadido. Un modelo que deixa o futuro á gran industria extractiva. Por outra banda, un modelo forestal autocentrado, que aposte pola multifuncionalidade do monte, a recuperación de frondosas, a xestión común e, sobre todo, pola transformación da madeira en Galicia (téxtil e biotéxtil, construción, biomasa controlada...). Un modelo onde a industria se adapte ao territorio e non o territorio á industria.
O afundimento de Altri é unha tregua, mais non é o remate da historia. Galicia precisa unha estratexia industrial que non dependa de subvencións volátiles nin de proxectos sobredimensionados. É o momento de que as forzas políticas, nomeadamente o nacionalismo logo do seu éxito de lectura do pulso social, poñan sobre a mesa o deseño dunha Galicia produtiva que lle dea pulo a unha economía robusta e social e tecnoloxicamente avanzada dende a valorización do ambiente e do territorio.
Suscríbete para seguir leyendo
- El grupo de restauración La Penela, nuevo propietario de la antigua nave de Flex en Bergondo
- Un trabajador de Teléfonica en A Coruña, ante el ERE: 'Me siento telefónico y seguiré siendo telefónico
- Arteixo arranca su Feria de Oportunidades: 'Tenemos una comerciante que lleva 23 años seguidos participando
- A Coruña bate su récord de creación de empresas con el tirón de Inditex y los pequeños negocios de los inmigrantes
- Los embargos de viviendas en Galicia se disparan un 44% y alcanzan la cifra más alta en cuatro años
- Así está la clasificación de Segunda División: El Castellón pincha y el Dépor se queda a tiro del ascenso directo
- Charo se despide de Gadis tras 49 años de trabajo en A Coruña: 'Me siento muy querida
- Piscinas, diseño nórdico y lujo: entramos en las casas de A Coruña que triunfan en las revistas de decoración
