Opinión | O Grupo Naturalista Hábitat opina
Cosme Damián Romay Cousido
Sobre Martín Sarmiento e a evolución do naturalismo galego
Outro ano máis, o 9 de marzo celebramos o natalicio do escritor, relixioso e pioneiro naturalista Pedro Xosé García Balboa, máis coñecido como frei Martín Sarmiento (1695-1772). En efecto, Sarmiento interesouse na chamada «historia natural», tratando aspectos relativos á botánica, agronomía, faunística e mesmo etoloxía, a través de decenas de traballos dos cales unha parte permanece aínda inédita. Neste senso, é de agradecer o esforzo de moitos intelectuais galegos para rescatar, editar e divulgar o corpus documental producido por Sarmiento, desde o Consello da Cultura Galega, o Consello Superior de Investigacións Científicas e tamén a labor persoal de naturalistas como o mestre Rafael López Loureiro.
Para valorar a importancia do traballo de Sarmiento é necesario reflexionar sobre o contexto: na Galicia do século XVIII a historia natural era unha disciplina pouco explorada, que en todo caso replicaba discursos importados desde Francia ou dos clásicos gregos e romanos, e apenas afondaba na natureza do país. Sarmiento falou da flora galega, en especial dos usos medicinais dos vexetais, con pinceladas da súa fauna. Algunhas descricións da paisaxe e da relación da veciñanza co medio natural, foron tamén aportacións destacables. Así e todo, o eco da súa obra resoou apenas en círculos moi eruditos e na corte madrileña, e por non moito tempo.
Poucos anos despois sairían á luz os traballos do coruñés José Cornide Saavedra (1734-1803), destacando aqueles sobre o medio mariño.
Medio século despois volveríase falar de naturalismo en Galicia, coas publicacións en botánica, entomoloxía e zooloxía de Víctor López Seoane (1832-1900) e do botánico xesuíta Baltasar Merino Román (1845-1917). Só desde entón se pode falar dunha «estabilización» dos estudos naturalistas en Galicia, con notables contribucións no século XX en case todos os eidos da historia natural, desde a xeoloxía (por exemplo Isidro Parga Pondal), zooloxía (Luis Iglesias Iglesias, entre moitos outros), botánica (Santiago Castroviejo Bolíba r, xa na segunda metade do século), oceanografía (Ángeles Alvariño González), micoloxía (Luís Freire García), entre un longo etcétera. O século XXI vén marcado polos avances nos estudos xenéticos e toda unha revolución tecnolóxica (supercomputación, intelixencia artificial…) que está a supoñer xa un salto de xigante no coñecemento do noso medio natural, algo que Sarmiento dificilmente puidera soñar naquel século XVIII que lle tocou vivir.
Conclusión: repetindo o dito o pasado ano, o G. N. Hábitat fai súa a conclusión do comunicado lido o 9 de marzo de 2023 no Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela: «Esperamos que o 9 de marzo, como Día do Naturalismo Galego, sirva para iniciar un proceso de coñecemento do noso medio, que encete novos e máis profundos estudos naturalistas e científicos. Con esa información, rigorosa e de calidade, ogallá logremos protexer o que aínda se conserva e lograr restaurar o xa estragado. Este ano e sempre. Viva a Natureza! Viva a Ciencia! Viva Sarmiento!».
Cosme Damián Romay Cousido é biólogo e escribe en nome do Grupo Naturalista Hábitat
- 120 años de una tarta única en A Coruña: 'La hacemos igual que mi bisabuelo
- 0-1 | SD Huesca - RC Deportivo, en directo hoy: partido de la Liga Hypermotion en vivo | Gol de Luismi
- Casi ocho de cada diez colegios de A Coruña no cubren plazas: las solicitudes centro a centro
- La odisea de una familia vulnerable en Culleredo para encontrar piso: 'No nos importaría tener que dejar de comer si eso significa que tenemos un techo para los niños
- Una coruñesa, en huelga de hambre ante la Xunta para que atienda a las necesidades especiales de su hijo: 'Estaré hasta que le den una plaza, es su derecho
- Someso, del gran escándalo urbanístico de A Coruña a un lento despertar que da vivienda protegida a centenares de familias
- El Fabril asciende a Primera RFEF
- Defensa se abre a transferir al Concello de A Coruña parte de los terrenos del cuartel de automóviles, pero sin entregas gratuitas