Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | O Grupo Hábitat opina

Atocha Ramos Martínez

Sobre os bosques de ribeira

Bosque de ribeira.

Bosque de ribeira. / Marta G. Brea

Cada 21 de marzo, o Día Internacional dos Bosques convídanos a ollar con máis atención cara a eses espazos verdes que, por ser comúns, fican desatendidos.

Convén comezar cunha distinción importante: non todo o que ten árbores é un bosque. As plantacións forestais —a miúdo monocultivos de especies de crecemento rápido— responden a unha lóxica produtivista e carecen da complexidade estrutural e biolóxica dun ecosistema forestal natural. Pola contra, un bosque non é só unha suma de árbores: é unha rede viva de especies, solos, auga e procesos ecolóxicos que se autorregulan e evolucionan co tempo. Confundir ambos conceptos leva a erros de xestión e a unha falsa percepción de abundancia de bosques no territorio.

En Galicia, onde a auga e a vexetación dialogan de maneira constante, os bosques de ribeira constitúen un dos ecosistemas máis valiosos e, paradoxalmente, máis invisibles. Son os bosques que acompañan ríos e regatos, formando parte indispensable dos sistemas fluviais, e moitos deles son Hábitats de Interese Comunitario na UE segundo a Directiva Hábitats. Actúan como como corredores ecolóxicos que conectan hábitats, sosteñen a biodiversidade e manteñen o equilibrio ecolóxico do territorio nunha paisaxe cada vez máis fragmentada.

Nun bosque de ribeira galego pode haber máis de vinte especies de árbores, como freixos, ameneiros ou bidueiros, que se mesturan formando faixas diversas ao longo dos ríos. Baixo estas medra un vizoso sotobosque e unha rica comunidade de plantas herbáceas adaptadas á humidade, como narcisos e prímulas. Este conxunto de plantas protexe as marxes fluviais, estabiliza os solos e regula a temperatura da auga, permitindo que os ríos manteñan condicións axeitadas para especies como a troita ou a anguía, así como para anfibios, insectos acuáticos e unha ampla variedade de aves.

Na contorna da Coruña aínda conservamos exemplos valiosos destes bosques nas ribeiras do Mero e do Barcés —que nos aportan a auga que bebemos—, do Mandeo, do Anllóns ou do Eume. Tamén os pequenos regatos que inzan o territorio acollen retallos de bosque de ribeira que resisten entre infraestruturas e usos intensivos do solo. Son espazos discretos, pero imprescindibles para a saúde ambiental e tamén para gozar dunha boa calidade de vida.

A súa conservación está no centro de iniciativas desenvoltas por G.N. Hábitat como o proxecto Fragas Perdidas, dedicado á defensa e recuperación dos bosques húmidos atlánticos, entre os que se atopan moitos bosques de ribeira. Estes ecosistemas, raros a escala europea, son un tesouro que debemos protexer. Do mesmo xeito, programas como Vixías dos nosos ríos, promoven a participación cidadá na observación e coidado dos cursos fluviais, reforzando o vínculo entre sociedade e natureza.

Conclusión: Sirva o Día Internacional dos Bosques para lembrarnos que protexer os bosques de ribeira é protexer o futuro do noso territorio, e para animarnos a coñecelos e coidar deles os outros 364 días do ano.

Atocha Ramos Martínez é bióloga e membro do Grupo Naturalista Hábitat

Tracking Pixel Contents