Opinión | O Grupo Naturalista Hábitat opina
Cosme Damián Romay Cousido
Sobre as industrias e a auga nas Pontes e en Betanzos
Cada 22 de marzo, e desde o ano 1993, celébrase o Día Mundial da Auga. Este evento, establecido pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, é un recordatorio á cidadanía da necesidade de xestionar racionalmente a auga doce da Terra, un ben escaso e en constante proceso de degradación. Un dos principais focos de contaminación das augas son os procesos industriais mal dimensionados ou «relaxados» no cumprimento da normativa ambiental.
Poñendo o foco en Galicia, existen exemplos de industrias que foron denunciadas por poluír as augas, como a celulosa de Pontevedra, condeada por incumprir a normativa de verteduras ás augas e á atmosfera ata 1994. No caso do defunto proxecto de celulosa en Palas de Rei, sinalouse que se ían detraer volumes de auga inasumibles a nivel local, ademais de preverse unha contaminación seria ao río Ulla.
Os problemas de polución das augas asociados ao «progreso industrial» do noso país teñen máis exemplos: a mesma multinacional que está detrás da celulosa de Pontevedra ten como proxecto unha «biofábrica» (léase, unha fábrica «pintada de verde») de fibras recicladas a carón do lago das Pontes. A mal chamada «biofábrica» detraerá case 5.000 metros cúbicos de auga ao día deste lago, que a día de hoxe acolle especies ameazadas en Galicia (como o espiñento Gasterosterus aculeatus e a aguia pescadora Pandion haliaetus). Os efluentes residuais serán vertidos ao río Eume, ás portas do Parque Natural das Fragas do Eume.
Máis aínda, tras a recente obtención de 25 millóns de euros públicos para este proxecto (a quinta parte do necesario para poñelo en marcha), a devandita multinacional comezou a falar abertamente de dúas fases posteriores, cunha planta de coxeración «térmica e eléctrica» (que procederá de queimar eucalipto, segundo organizacións ecoloxistas) e logo unha fábrica de tisú (papel absorbente). Isto é, unha segunda celulosa, que retirará máis auga do lago das Pontes (e/ou do río Eume), aumentará o volume de verteduras ao medio acuático e aumentará a presión eucaliptizadora na zona.
Este panorama negro (pero pintado de verde) ten moitos paralelismos coa industria de fabricación de taboleiros situada en Infesta (Betanzos), que acumula denuncias nos últimos anos por contaminación atmosférica e verteduras ao río Callou, que desemboca no espazo protexido Betanzos-Mandeo. A loita da veciñanza de Infesta (pero tamén de Montellos, Xanrozo e doutras zonas próximas) vén de acoller con esperanza a denuncia da Fiscalía contra esta industria, tras ver «indicios suficientes de prácticas ilegais de xestión de residuos e de episodios de contaminación atmosférica e das augas».
Conclusión: sirva este Día Mundial da Auga para poñer o foco no impacto ambiental da industria en xeral —e das celulosas en particular— sobre os recursos hídricos, e para reafirmar o compromiso de Hábitat coa conservación da auga da nosa terra.
Cousido é biólogo e membro do Grupo Naturalista Hábitat
- Oleiros se niega a 'regalar dinero público' para que el 1A llegue a Santa Cristina
- Kevin Sánchez: 'En el Dépor estás en una burbuja muy bonita y cuando sales, ves que hay muchísimo fútbol, es una vuelta a la realidad
- Arteixo termina la demolición de cinco inmuebles para la construcción de una mini rotonda en el cruce de Morás
- Un San Bernardo de 90 kilos, Oso, estrella en la feria de mascotas Pata Pata 2026 de A Coruña
- Jevaso, proveedora de Inditex y Mango, reduce plantilla y refuerza su equipo directivo
- A la venta Bambina, la discoteca que marcó la noche de Santa Cristina en los 90
- Así está la clasificación de Segunda División: El Dépor baja a la cuarta plaza
- El Concello de A Coruña cambia de modelo de mercado navideño e invertirá 381.000 euros