Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Barreiro Rivas ou a dimisión intelectual fronte ao proceso de substitución

A tese que vén de soster hai poucos días Xosé Luís Barreiro Rivas (a medio da publicación dun seu artigo no xornal galego no que adoita escribir), postulando a inanidade ou mesmo o carácter contraproducente da política lingüística baixo o pretexto dunha suposta «libre elección» individual e o carácter efímero das linguas, supón unha proposta que, alén do seu falso verniz de pragmatismo liberal, agocha unha perigosa renuncia, non só ao autogoberno, senón aos dereitos fundamentais da cidadanía galega. A tese de Barreiro Rivas fornece dunha formulación teórica para xustificar a desprotección dun patrimonio colectivo e a vulneración de dereitos baixo unha falsa premisa de igualdade.

No plano xurídico, a tese de Barreiro Rivas choca frontalmente coa asimetría constitucional que define o Estado español. O artigo 3 da Constitución oficializou o «deber» de coñecer o castelán e só un «dereito» a coñecer o galego. Velaí a Sentenza do Tribunal Constitucional 84/1986 que declarou inconstitucional o deber de coñecer o galego, acordada pola unanimidade do Parlamento de Galicia na Lei 1/1983, de Normalización Lingüística, sendo Barreiro Rivas na altura vicepresidente da Xunta. Esta xerarquía normativa rompe calquera posibilidade de «libre elección». Cando a lei obriga a un idioma e só permite o outro, a balanza xa está trucada. O dereito á opción lingüística dos galegos non pode exercerse nun baleiro; se a administración desiste de intervir, a liberdade do falante desaparece ante a hexemonía coercitiva do castelán. A neutralidade que propón Barreiro sería, en termos xurídicos, un gravísimo incumprimento por omisión, pois o artigo 5 do noso Estatuto de Autonomía manda aos poderes públicos «garantir o uso normal» e «potenciar» o galego. Renunciar a isto é baleirar de contido o noso Estatuto, norma institucional básica que alicerza a nosa convivencia democrática.

Neste contexto, o Decreto de Plurilingüismo (2010) supuxo o maior ataque á liña de flotación da normalización. Aquela norma, que prohibiu o ensino de materias científico-técnicas en galego, non buscaba a igualdade, senón o desprestixio social do idioma propio. Ao expulsar o galego das matemáticas ou da tecnoloxía, o Poder Galego enviou unha mensaxe devastadora: o galego non serve para o futuro nin para o progreso. Este marco xurídico xerou un efecto de «guetización» que desincentiva o seu uso precisamente entre as novas xeracións, confirmando que a falla de política lingüística ou unha política deliberadamente enfeblecedora teñen consecuencias directas na desgaleguización.

Dende a análise económica, o argumento de que a xente escolle libremente ignora as fallas de mercado. As linguas compiten nun ecosistema asimétrico onde o castelán opera con economías de escala xigantescas. Nun contexto de globalización, unha lingua sen protección política sofre unha externalidade negativa: o falante pode optar polo castelán por utilidade inmediata, pero esa suma de decisións individuais leva ao empobrecemento colectivo. O galego é un activo económico que nos vincula á lusofonía, un mercado de 260 millóns de persoas. Renunciar á súa promoción non é liberalismo, é unha xestión neglixente de recursos públicos e unha perda de competitividade estratéxica.

En último de contas, no ámbito político a actitude intelectual de Barreiro Rivas só favorece a desarticulación da nación galega. Unha comunidade política defínese pola súa capacidade de decidir sobre o seu destino. Se a Xunta renuncia a xestionar o seu principal trazo de identidade, recoñece a súa propia irrelevancia. A política lingüística non é enxeñaría social coercitiva, senón un acto de soberanía e reparación fronte a séculos de exclusión. Dicir que «ningunha lingua é eterna» para xustificar a pasividade é dun nihilismo político non aceptábel. Tampouco as institucións democráticas son eternas e, xustamente por iso, temos a obriga ética e xurídica de defendelas cada día.

A liberdade que invoca Barreiro Rivas é a liberdade do raposo no galiñeiro. Sen un marco que equilibre as forzas e que corrixa a discriminación orixinaria da arquitectura constitucional, a suposta «elección» está predeterminada polo poder. A inacción proposta por Barreiro é a ferramenta necesaria para que o proceso de substitución lingüística culmine coa desaparición de Galicia como suxeito político e cultural. A ruína económica sería o seu inmediato corolario.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents