Opinión | O Grupo Naturalista Hábitat opina
Cosme Damián Romay Cousido
Sobre a Directiva contra o ‘greenwashing’

Protesta medioambiental contra o 'greenwashing'. / RONALD WITTEK/ EFE
O pasado xoves entrou en vigor a Directiva 2024/825 do Parlamento Europeo e do Consello, relativa ao empoderamento das persoas consumidoras para a transición ecolóxica, mediante a mellora da información e da protección contra prácticas desleais. Isto é, a Directiva contra o greenwashing. Este anglicismo, que se traduciría como «lavado verde», «ecobranqueamento» ou «ecolavado», refírese ás prácticas desleais de empresas que presentan as súas instalacións, estratexias, produtos ou servizos como máis ecolóxicos do que realmente son, empregando para iso unha linguaxe alambicada, confusa ou vaga, sen soporte verificable. A Directiva contra o greenwashing define aquelas prácticas consideradas desleais, e esixe que calquera afirmación ambiental (por exemplo, que o seu produto é «ecolóxico») estea respaldada por unha verificación contrastable e accesible. Cómpre lembrar que a propia Unión Europea xa prohibira o uso dos prefixos «eco-» e «bio-» hai décadas agás para produtos procedentes da produción ecolóxica certificada.
Os Estados membros da Unión Europea deberán adoptar esta Directiva contra o greenwashing desde xa, para aplicala completamente a partires do vindeiro 27 de setembro de 2026. No caso de España, este proceso comezou xa coa elaboración do Anteproxecto de Lei de Consumo Sostible, centrado na mellora da información ambiental, a loita contra o greenwashing e a protección das persoas consumidoras. Expresións xenéricas como «respectuoso co medio ambiente», «verde», «ecolóxico», «de orixe biolóxico» ou «inocuo en termos de carbono» deberán prohibirse cando non podan demostrarse con datos concretos, contrastados e accesibles. As empresas incumpridoras poderían ser apartadas de licitacións de contratación pública, e mesmo afrontar multas de alomenos o 4% dos seus ingresos anuais.
A pesar disto, non é difícil atopar nos medios de comunicación frases como que unha empresa «anuncia a construción dunha planta de biofertilizantes e biometano en Xunqueira de Ambía (Ourense)», ou que esa mesma empresa viuse beneficiada dunha axuda pública para un «proxecto de bioplanta de fibra reciclada branqueada nas Pontes». Ou que a «biofábrica» desa empresa en Pontevedra «produce pasta de papel libre de cloro e enerxía».
Conclusión: O G. N. Hábitat recibe con agrado esta nova Directiva contra o greenwashing e aproveita a ocasión para, unha vez máis, denunciar que os responsables principais da degradación ambiental de case unha quinta parte do territorio galego con estériles e inflamables plantacións de eucaliptos —especies exóticas catalogables como invasoras— seguen a pintar impunemente de verde a súa estratexia empresarial.
- Panadería Toñito expande su emporio de empanadas en Piadela con la construcción de sus nuevas instalaciones
- Las dos torres de cooperativas que se erguirán junto al Coliseum de A Coruña: casi 200 pisos y todos ya reservados
- Qué es Trison, la multinacional coruñesa afectada por un incendio en Sada que cuenta con Inditex entre sus históricos proveedores
- Un incendio en una nave de la multinacional Trison en Bergondo moviliza a bomberos comarcales, de Oleiros y de A Coruña
- La nueva pasarela peatonal en Alfonso Molina entre las estaciones de buses y trenes de A Coruña toma forma
- La Atalaya de los Jardines de Méndez Núñez de A Coruña acometerá trabajos de impermeabilización con la condición de acercarse a su estado original
- Luz, inclusión y vistas al pueblo: así será por dentro el nuevo Concello de A Laracha tras su reforma de 1,5 millones
- Las obras de urbanización de Visma en A Coruña descubren restos arqueológicos singulares