Opinión | Olladas ao país
Un sistema eléctrico centralista, inxusto e inviábel
O «cero enerxético» sufrido o 28 de abril de 2025 non foi un accidente fortuíto, senón o síntoma definitivo dun modelo esgotado. As investigacións posteriores e as teses do profesor Fernando de Llano (UDC) coinciden na diagnose: o sistema eléctrico español, deseñado baixo premisas centralistas do século pasado, é hoxe tecnoloxicamente ineficiente e socialmente inxusto.
O informe da axencia da UE ENTSO-e vén de considerar que o apagamento debeuse a unha «inestabilidade de tensión por oscilación de baixa frecuencia» que o sistema, pola súa excesiva centralización e falla de flexibilidade, non puido absorber. Contrariamente aos prexuízos amosados por algúns de primeiras, as enerxías renovábeis non foron as culpábeis. De feito, o sistema contaba con inercia dabondo, mais as trabas regulatorias impediron que as plantas eólicas e solares axudasen a estabilizar a rede.
Este fallo técnico derivou nunha situación de «modo reforzado» que aínda hoxe encarece a nosa factura. Para evitar novos sustos, o operador do sistema (Redeia) prioriza agora a seguridade sobre a eficiencia, mantendo centrais de gas «ao ralentí» cun sobrecusto que o consumidor doméstico paga con case 5 euros extra ao mes. O máis paradoxal é que, mentres territorios como Andalucía ou Castela-A Mancha achegan inestabilidade pola súa alta xeración solar sen baterías, o noso país actúa como unha áncora de seguridade grazas á súa flexibilidade hidroeléctrica.
De Llano afirma que o actual deseño estatal, operado dende Madrid, responde a un modelo político-económico da ditadura que vertebrou o Estado para que uns territorios asuman os custos mentres outros consumen a enerxía. Galicia é o exemplo máis sanguento desta disfunción: somos un territorio excedentario que produce un de cada catro MWh de orixe hidráulica en España, pero recibimos as migallas do investimento estatal en transporte (só un 1% fronte ao 35% das Illas Baleares ou Canarias ou case o 26% Madrid ), que acada os 1000 M€/ano.
A inxustiza é evidente ao analisarmos os tempos de recuperación tralo apagamento. Galicia, sendo produtora, tardou até 18 horas en recuperar a luz, mentres que Madrid, un nodo puramente consumidor, facíao de xeito prioritario. Como sinala De Llano, o deseño actual non atende á proximidade: a electricidade viaxa miles de quilómetros para que os territorios ricos non deixen de selo, mentres os produtores soportamos as externalidades ambientais sen ningunha caste de beneficio.
A solución ás devanditas evidencias non é un parche regulatorio, senón unha fonda remuda de paradigma, a medio da creación dun subsistema eléctrico galego interconectado, similar ao modelo europeo onde cada Estado funciona de xeito autónomo e solidario. Isto permitiría abandonar o inxusto «código postal único» na factura eléctrica.
Cómpre, neste senso, lembrar a necesidade da tarifa eléctrica galega. Se o noso país ofrece seguridade e enerxía barata ao sistema estatal, a economía galega ha recibir axeitada compensación. Un subsistema propio permitiría aplicar sinais de prezo que atraian investimentos industriais, compensando o esforzo ambiental xerador e eliminando a penalización histórica que sofren os nosos fogares e empresas.
O apagamento de hai case un ano demostrou que a soberanía enerxética e a seguridade real pasan por descentralizar, empoderar aos territorios produtores e recoñecer, dunha vez por todas, que Galicia non pode seguir a ser a batería do Estado, pagando a luz máis cara e sendo a última en recuperarmos a subministración cando o sistema falla.
Velaí tamén a importancia de garantirmos a plena independencia do TSXG, (arestora ameazada polo traslado forzoso dos seus maxistrados Luis Villares e María Dolores López) como derradeira garantía para que a produción eléctrica non supoña o sacrificio do noso territorio e das nosas comunidades locais.
- RC Deportivo - CD Mirandés, en directo hoy: partido de la Liga Hypermotion en vivo | Yeremay, Noubi y Riki, titulares
- A la venta Bambina, la discoteca que marcó la noche de Santa Cristina en los 90
- Del primer Zara del mundo a supermercado Dia: el emblemático local de Juan Flórez, en A Coruña, ya tiene nuevo inquilino
- Oleiros se niega a 'regalar dinero público' para que el 1A llegue a Santa Cristina
- Un juzgado de A Coruña perdona casi medio millón de euros a un empresario arruinado por la negligencia de sus socios
- El profesor de la UDC Carlos Jiménez, premio a la Excelencia en Química de Productos Naturales
- Javier Carrá Abad: 'En Londres tengo mucha calidad de vida, pero siempre pienso en volver a A Coruña
- Terrazas secretas en A Coruña: las 6 joyas de barrio favoritas de los vecinos (de Lonzas a O Portiño) para merendar al sol esta primavera
