Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Felipe Senén

Felipe Senén

Investigador da cultura galega

50 anos despois de ter atopado Xosé María Vicente Somoza o Casco de Leiro

Celébrase o medio século despois de terse atopado en Leiro, Rianxo, o que se di casco de ouro Leiro, aínda que podendo ser tamén unha cunca ou ambos, como foi o bacielmo para o Quixote. Sexa o que sexa útil cerimonial é, casta e rango que ven marcada po ese ouro que brilla, distingue, perdura e que se asocia co sobrenatural.

Alégrame e anima que teña chamado a quen isto escribe a familia de quen o atopou, o inesquecible Xosé María Vicente Somoza. É para participar nun parladoiro no que novamente volveran a saír as circunstancias casuais do achado e os trámites para adquirilo o Estado. Moito habería que falar do tema, sairían novelas como a de El escarabajo (1982) de Mujica Lainez, ou quizais mellores aínda, sempre cun xeito de realismo máxico que aureola aos que no popular deste cabodomundo se di tesouros dos mouros. E ben o poderamos contar, tal como o acontecido co torques de ouro atopado no castro de Xanceda, o que, ao atopalo, se lle puxo de colar a un can; a diadema megalítica de ouro Cícere, Santa Comba, a que serviu para ferrar a punteira duns zocos... a tabula do Monte Cido no Courel que se ofreceu en venta ao Britihs... é esoutra parte da arqueoloxía, a que se refire a lendas e ditos que contan de familias que se enriqueceron... asuntos que ben inspirarían a Cunqueiro. Sabemos polas crónicas que Xelmírez acumulaba un fantástico tesouro de pezas de que lle regalaban os paisanos, que Francisco de Asís, na súa estancia en Compostela, acompañado do carboeiro Cotolai, ao pe dunha fonte no Pedroso, atopou un tesouro que lle permitiu construír o mosteiro franciscano de Valdedeus...E tantas historias, mesmo as que temos escoitado entre a credulidade e a incredulidade. Asuntos moi comúns neste pais do Ciprianillo, páxinas que tanto dan conta de tesouros como de esconxuros para atopalos. Poucos países hai no mundo que poidan ofrecer tan rico e inspirador legado. Si acaso a competir cos irmáns países do panceltismo, o deses tesouros que, pola vía imperativa, pasaron ao Britihs Museum, tal como a capa de ouro de Mold (Norte de Gales) datada na Idade do Bronce, o 2000 a.C. atopada no Monte das Fadas por uns canteiros e que estaba revestindo un esqueleto, xunto cun enxoval de doas de ámbar. Sintomático nome o do lugar, na tradición en relación coa aparición , na noite, de trasnos vestidos de ouro. Non afastada unha mina de cobre do mesmo tempo que esta sorprendente peza e que e a arqueoloxía asocia con tal emporio mineiro. E todos se preguntan de onde procedía tanta riqueza de ouro, así como tal hábil e fráxil feitura, propia dun mago, dun xastre do ouro, quen poido vestila e cavílase nun neno, en que cerimonias... Como capa que cobre medio peito, feita en fina placa de ouro repuxado.

A riqueza arqueolóxica da Idade do Bronce de Leiro, Rianxo

Agora a veciñanza da parroquia de Santa María Leiro, a Comunidade de Montes, a Plataforma pola Defensa do Monte, as asociacións da Virxe do Carme de Leiro, os mesmos usufrutuarios de nichos e des sepulturas de Santa Mª. de Leiro, a Asociación do Monte Privado de Leiro, colectivos ben significativos que nacen do popular, convocan para homenaxear ao descubridor do casco de Ouro, Xosé María Vicente Somoza, proba de ser bo e xeneroso, querido na súa tribo e do que se dá boa fe aquí.

Foi un 7 de abril de 1976, cando Xosé María, O Peruco , no lugar do Curruncho dos porcos, na beira dese Ulla que se abre ao Mar de Arousa, cava un furado para colocar un esteo para un galpón... peta co pico e soa a oco, da cunha semicunca de barro basto, a que fende en anacos, deixando ver algo que asoma e brilla... limpa arredor e recolle aquel casquete adornado de círculos en paralelo e rematado por un pedúnculo...latexa a curiosidade co corazón. O certo é que era como unha boina de lata, púxoo sobre a cabeza a modo de boina e así, camiño da casa entrou na aldea.

Limpouse coidadosamente, brillaba... non faltou quen lle ofrecera un porco a cambio...deuse noticia, seguiu a declaración na Garda Civil, dando conta que o atopara a máis de 50 cmts. de profundidade. Deuse a noticia, era Delgado de Cultura na Coruña Caselles Beltrán, puxo o asunto en mans do Comisario de Bellas Artes en Galicia, Manuel Chamoso Lamas, o meu titor naqueles anos en arqueoloxía e museoloxía. A noticia saíu nos medios e conseguintemente a opinión de varios arqueólogos, coincidindo en datalo na Idade do Bronce final, polo 700 antes da nosa era... Chamoso puxo as xestións nas mans de quen isto sigue contando, a fin de que o casco ingresase no Museo Arqueolóxico Provincial da Coruña, mentres se trataba a súa adquisición por parte da Dirección G. de Bellas Artes, sendo ministro de Cultura Martínez Esteruelas, moi atento ao acontecer do centro coruñés.

Casco de Leiro pretendido polo Museo Arqueolóxico de Madrid

O feito de declarar que se atopara en terreo de Vicente Somoza outorgáballe a propiedade, máis ao estar máis abaixo da terra de labor, a máis de 50 cmts. de profundidade, habería que aplicarlle a Lei de minas, polo que unha parte lle corresponde ao Estado. Todos coincidían na bonhomía de quen o tiña atopado, declarado e entregado, o que non sempre acontece. Trámite, tras trámite, Xosé Maria visitoume moitas veces no Museo de San Antón. Non lle faltaban pretendentes: a un tempo o Museo de Pontevedra, dirixido por Filgueira Valverde, interesábase pola peza, como tamén o mesmo Director do Museo Arqueolóxico de Madrid, Martín Almagro Basch, o que nuns anos antes conseguira para o «seu» museo as dúas cuncas de ouro de Axtroki, na liña da de Leiro, igual que o tesouro de Villena (Alicante), atopado no 1963. Fixen boa amizade con Xosé María Vicente, tanta que mesmo me puxo en contacto cun veciño seu, Albino Gómez Vidal, que traballaba na forestal, trazando devasas no Monte Lioeiras e que atopara unha serie de pezas, posiblemente dun fundidor: espadas cortas, coitelos, unha alabarda de diferentes etapas da Idade do Bronce. Soubemos que Albino morreu novo e vive na nosa lembranza.

As xestións para a taxación e o cobro polo achado pasou máis dun ano. Ante o interese doutros museos, acordei con X. María asinar un documento en que dixera que vendía o casco coa ansia de que quedase no Museo da Coruña. Démoslle publicidade, saíu como portada na guía telefónica da Coruña, en almanaques, na guía do museo. O arqueólogo portugués Mario Cardoso pediu fotos, igual que Luengo Martínez, Almagro Gorbea abriu camiño á arqueólogo Marisa Ruiz- Gálvez ...sendo, posteriormente, Bea Comendador quen se parou máis no estudo de tan singular peza.

No andar arqueoloxías temos visto pezas, formas e símbolos moi semellantes aos da cunca de Leiro, coincidentes en datalos nunha Idade do Bronce Media: Norte de Italia, Centroeuropa, Balcáns... area con fortes raiceiras indoeuropeas, ou celtas... e penso nos gorros (Goldhut) de Schifferstadt, Ezlsdorf-Buch, nos conos de Avantón... como coroamentos decorados con circos concéntricos que se asocian con magos.

O casco ou cunca de Leiro sigue na espiral da historia da Arqueoloxía e asociada a ela X. M. Vicente Somoza, a parroquia de Leiro e ese Rianxo que tanto ten de máxico.

Tracking Pixel Contents