Opinión | O Grupo Naturalista Hábitat opina
Cosme Damián Romay Cousido
Sobre os (ignorados) morcegos galegos
O vindeiro 17 de abril celébrase o «Día Internacional de Apreciación dos Morcegos», impulsado pola ONG Bat Conservation International. Esta é unha data perfecta para dar a coñecer os morcegos que habitan o territorio galego, o seu papel imprescindible como eficaces controladores de poboacións de insectos prexudiciais para os humanos, e poñer o foco naquelas especies con estado de conservación máis delicado. Deste xeito, segundo a asociación Morcegos de Galicia, serían vinte e cinco as especies de quirópteros presentes en Galicia, das cales once precisarían de medidas urxentes de conservación, ao ter sido catalogadas como «Vulnerables» no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007* e Decreto 167/2011). Esta catalogación, iniciada en 2007, implicaría a redacción, aprobación e publicación por parte da administración autonómica galega dun «Plan de conservación» para cada especie (ou que agrupe especies con ecoloxía similar). Estamos en 2026, e estas once especies ameazadas de morcegos seguen sen este instrumento fundamental de xestión, que evitaría a degradación dos seus refuxios e hábitats. E, claro está, condicionaría a instalación de moitos (e polémicos) parques eólicos, unha vez que os aeroxeradores son letais para estes mamíferos alados —teoricamente protexidos, pero ignorados polos nosos gobernantes—. Este «Día Internacional de Apreciación dos Morcegos» é un momento perfecto para falar destas once especies ameazadas: dos morcegos das covas (Minipterus schreibersi), de Bechstein (Myotis bechsteinii), de Blyth (Myotis blythii) e de orellas fendidas (Myotis emarginata). Tamén do morcego rateiro grande (Myotis myotis), do morcego bigotudo común (Myotis mystacinus) e dos morcegos de ferradura mediterráneo (Rhinolophus euryale), grande (Rhinolophus ferrumequinum) e pequeno (Rhinolophus hipposideros). E, desde 2011, tamén se consideran ameazados en Galicia os nóctulos rubio (Nyctalus noctula) e grande (Nyctalus lasiopterus). Demasiadas especies ignoradas, necesitadas dunha protección real.
Conclusión: O G. N. Hábitat continuará realizando unha labor divulgativa do papel esencial dos morcegos nos distintos ecosistemas, e volverá reclamar á administración autonómica que cumpra co estipulado no Decreto 88/2007, isto é, a aprobación de plans de conservación efectivos para os morcegos galegos. E, claro está, que se aproben plans de recuperación para as 73 especies «En perigo de extinción» que aínda non o teñen, e plans de conservación para as restantes 114 especies «Vulnerables» que tampouco o teñen a día de hoxe. Estes documentos axudarían a conservar máis hábitats que tamén son empregados por morcegos, beneficiándoos significativamente.
*Decreto publicado na páxina do Diario Oficial de Galicia sen acceso á lista de especies ameazadas (!)
- 0-1 | Deportivo - Andorra, en directo hoy: partido de la Liga Hypermotion en vivo | Descanso
- Fin a 60 años de banca en la calle Orillamar de A Coruña: el Santander cierra las oficinas que empezaron con el Pastor
- Las cuentas del Deportivo para ascender a Primera División: podría sobrarle una jornada
- La alcaldesa Inés Rey envía una carta al subdelegado del Gobierno en A Coruña para 'exigirle explicaciones' por los controles policiales del Deportivo-Andorra
- Oleiros se queda sin casetas para los socorristas en las playas de Mera, Espiñeiro y Naval
- RC Deportivo - Andorra FC: Riazor busca el primer jaque al ascenso
- 2-1 | El Deportivo se abraza al fuego de Primera División
- Metrovacesa reclama al Ayuntamiento de A Coruña un pacto político como el del parque del Agra para construir en As Percebeiras