Opinión
Paddy en Fisterra
Dezaseis anos pasaron desde aquel congreso na cidade irlandesa de Cork na que coñecín por primeira vez ao poeta Paddy Bushe. Algúns membros do Instituto Amergin da Universidade da Coruña estivemos presentes alí, no que sería o inicio doutras moitas vistas ao territorio máxico de Paddy, en Irlanda. Falamos aqueles días desta fronteira atlántica na que vivimos, que non é en realidade fronteira, senón punto de encontro. De como el vivía a poucos metros do lugar no que Amergin deixara, se cremos no pasado mítico, a súa primeira pegada. E xa entón agromaron alí as palabras sobre Fisterra, sobre o noso fin do mundo, porque, dalgunha forma, Waterville, a pequena vila que Paddy e Fiona elixiron para vivir e para formar unha familia, era tamén o extremo de Irlanda, de Kerry, da península de Iveragh, de Europa, da Terra, do Universo, como diría Stephen Dedalus no Retrato do artista cando novo.
Xa entón, naquela reunión académica, a idea das múltiples fisterras atlánticas facíase moi presente. Medrou aínda máis nas nosas visitas anuais ao paraíso xa non tan secreto de Waterville, e ao Lough Currane, onde Charlie Chaplin acudía nos anos 60 e 70 a pescar. En fin, un lugar de fronteira e de encontro, un lugar liminar, que, a pesar das propostas máis comerciais dos campos de golf e as paisaxes da illa de Skellig Michael, utilizadas, non sen gran polémica entre os ecoloxistas da zona, na Guerra das Galaxias (era o planeta onde Luke Skywalker tiña o seu refuxio), segue solidamente ancorado no gran pasado mítico que o ilumina. Alí, presuntamente, desembarcou Amergin, alí pronunciou a invocación a Irlanda, alí foi o encontro definitivo de Galicia e Irlanda, a máxica terra esmeraldina que en días claros podía contemplarse desde a Torre de Breogán.
Hai exactamente un ano, Paddy Bushe e Fiona de Buis chegaron por segunda vez a estas terras de Fisterra para unha residencia literaria. Agora, poderíase dicir que, sobre todo grazas aos bos oficios de Antonio de Toro, xa coñecen toda esta costa, como no seu día foi tan coñecida, e da man do mesmo profesor De Toro, para o premio Nobel Seamus Heaney, tan próximo ao noso corazón. No último poemario de Paddy, Uncertain Passage, que teño nas miñas mans, hai referencias a todo isto, e, precisamente, á presenza de Seamus Heaney en Carnota. Bushe e Heaney son parte dalgunha forma deste lugar. Neste poemario, e nos que virán, a idea de Paddy sobre a viaxe e o resultado dunha reflexión romántica: a natureza fainos mellores persoas.
O sábado, no Hotel Bela Fisterra, no territorio do incasable Pepe Formoso, reuníronse grandes poetas do fin do mundo, non só para entregar a distinción de Marea Viva a Paddy Bushe (que recolleu de mans da súa anterior portadora, Marilar Aleixandre), senón para escoitar de novo a voz de todas as fisterras atlánticas. Merece a pena enumeralos a todos, porque penso que se está a acender aquí unha poderosa luz de poesía oceánica, que, como dixo o gran Corcón, «tenta facer neste extremo da terra algo bo e fermoso, nun mundo no que outros están a facer agora mesmo cousas terribles».
Vaia o meu brinde por Paddy, viaxeiro no tempo que trae a Amergin ao século XXI, Marilar, Modesto Fraga, Aleixandre Nerium, Rosalía Fernández Rial, Xavier Seoane, Xosé Iglesias, Rivadulla Corcón, Chisco F. Naval, polos músicos de Santi Bardullas, o gaiteiro do Solpor, por Antonio de Toro, David Clark e Charlie Jorge, por todos os que estivemos alí, de novo soñando cos mundos atlánticos que nos unen, que nos constrúen na gran beleza. E por Carlos Núñez, que veu visitarnos a Fisterra, como naquel solsticio de verán que vivimos en Waterville, e a tocar a mellor música do mundo. Xusto agora, que necesitamos derrotar o silencio terrible da morte.
- La panadería de A Coruña que cumple 75 años con colas en la puerta: 'Mis abuelos no tenían ni idea de pan cuando empezaron
- La confitería de A Coruña que lleva más de 40 años triunfando con sus sándwiches de miga: 'Todo el mundo dice que saben como los de Buenos Aires
- Juan Carlos Escotet recorre kilómetros: tercer partido consecutivo en la grada visitante con la afición del Deportivo
- A Coruña está hoy en aviso amarillo por lluvia y tormentas: este es el horario de la alerta
- La avenida de Santa Cristina ya es de Oleiros
- Sergi Quintela da el ascenso al Obradoiro y obliga al Leyma Coruña a pelear por la ACB en el ‘play off’
- El mesón con uno de los mejores calamares de A Coruña: 'Aquí la freidora nunca está parada
- El Puerto de A Coruña prepara la llegada a Langosteira de la última granelera de los muelles interiores
