Opinión | Olladas ao país
A teima de Rueda coas baixas laborais
Asistimos á construción dunha narrativa tan falaz como perversa. Unha caste de tripartito fáctico —formado pola presidencia de Alfonso Rueda, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e a priorización dun determinado xornal galego— decidiu situar no centro da diana o dereito á saúde dos traballadores galegos. A obsesión pola duración das baixas laborais (Incapacidade Temporal—IT—) non é un debate técnico nin económico; é unha andrómena mentireira deseñada para ocultar o deserto que eles mesmos sementaron na sanidade pública e a propia dureza estrutural do mercado laboral, nomeadamente na construción, hostalería, conserva, transporte de mercadorías por estrada, metal, coidados a persoas dependentes e actividades vencelladas cos distintos subsectores primarios.
No recente debate sobre o Estado da Nación, o PPdeG perpetrou unha moción que é un monumento á deslealdade cara ao paciente. Nela, instábase a un maior control e a unha maior facultade inspectora a respecto das IT. Pretenden que a solución ao incremento da duración das baixas pase polo látego e a sospeita, cando a realidade dos datos dinos que Galicia ten as baixas máis longas do Estado nomeadamente porque a asistencia primaria do Sergas está nunha situación de colapso. É dun cinismo absoluto que o Goberno de Rueda faga discursos a respecto da duración das baixas laborais mentres mantén listas de agarda que son o verdadeiro cárcere do traballador enfermo. Onde Rueda ve un «abuso», calquera observador honesto ve unha xestión neglixente que cronifica as doenzas.
Pero esta estratexia de criminalización agacha factores sociolóxicos que o Executivo de San Caetano prefire ignorar. Galicia padece un avellentamento moi substancial da súa poboación activa. Temos unha das idades medias máis altas do Estado entre os ocupados. Non recupera igual unha columna vertebral aos 60 anos que aos 30, e moito menos se o traballador pertence aos sectores que sosteñen o noso PIB: a conserva, o metal, o sector primario ou a construción. Nestes ámbitos, o esforzo físico é a norma, non a excepción. A política de «atopar o fraude» ignora que estamos obrigando a persoas con corpos castigados por décadas de traballo duro a seguir a pé de obra nunha contorna onde a saúde laboral non é unha prioridade real para non poucas empresas, malia que son cada vez máis as que asumen as súas obrigas neste eido.
A este cadro cómpre engadir o impacto da suba da idade de xubilación aos 67 anos. Unha persoa de 65 anos subida a unha escada ou limpando peixe en cadeas de montaxe frenéticas ten unha probabilidade altísima de caer en IT longas. Non son lacazáns (agás casos moi illados e concretos), son superviventes dun sistema que non ofrece saídas dignas.
O núcleo da mentira reside tamén no ataque á Atención Primaria. Dende a Xunta seica proxectan a idea de que o persoal médico de Atención Primaria do Sergas é accesíbel a recoñecer e alongar os partes de IT, mentres os asfixian con axendas de cincuenta doentes ao día. Son Rueda e o seu conselleiro de Sanidade os responsábeis de que os facultativos de Atención Primaria carezan de tempo para o seguimento clínico que permitiría altas máis rápidas. Queren que os doutores actúen como policías, pero néganlles as ferramentas para ser os clínicos que o paciente merece.
E mentres, Galicia está na cola no recoñecemento de incapacidades permanentes (IP), o que non é comprensíbel en termos comparativos con outros territorios se atendemos á duración das IT e á idade media das persoas traballadoras. Velaí o «limbo» galego: o Sergas non te cura a tempo, o INSS négache a invalidez por aforro orzamentario e Rueda cúlpache de non traballar coxo.
Esta campaña é un exercicio de desprezo á intelixencia da cidadanía. Non son os traballadores os que fallan, senón o Goberno galego na xestión da Atención Primaria e o Goberno do Estado na administración da Seguridade Social. Abonda pois, de andrómenas. A saúde xestiónase con recursos e dende o respecto á dignidade de quen ergue, día a día, este país.
- Juan Carlos Escotet recorre kilómetros: tercer partido consecutivo en la grada visitante con la afición del Deportivo
- La avenida de Santa Cristina ya es de Oleiros
- La panadería de A Coruña que cumple 75 años con colas en la puerta: 'Mis abuelos no tenían ni idea de pan cuando empezaron
- El veterano restaurante de A Coruña que conquista Riazor desde hace más de 25 años: 'El nombre significa albahaca en italiano y cuando llegamos no se vendía en los supermercados
- El Puerto de A Coruña prepara la llegada a Langosteira de la última granelera de los muelles interiores
- Las cuentas del Deportivo para ascender a Primera División: depende de sí mismo en la recta final
- El 'coruñesismo' de la fachada marítima: reflejar el 'carácter' de la ciudad, un factor clave para ser el diseñador del futuro de A Coruña
- La confitería de A Coruña que lleva más de 40 años triunfando con sus sándwiches de miga: 'Todo el mundo dice que saben como los de Buenos Aires
