Opinión

Investigador da cultura galega
O’Volter de Ourense e a recuperación das tradicionais tabernas galegas
Compre animar a tradición céltica das tabernas, onde antes do xantar ou da cea se xuntan mozos e vellos da tribo. Iso si, noutrora espazos moi patriarcais, para compartir viño en xerras e cuncas, con algún petisco propio do saber da casa, tradicións quen non traizoan.
Ben soubo a igrexa celebrar e reunirse en mesa, en Misa, en tabernáculo bendicindo o pan e o viño, produtos da Terra e do Traballo, símbolos de cultura e de saberes ancestrais, para facer deles sacramento. Pois nunca sobra a maxia con canto ten de poesía para seducir, e mellor se se adoba entre músicas, cantos e contos, cousa á que axudan uns grolos de viño.
Adega, bodega baiuca, taberna, bar, cantina, furancho, meixón, ou mesmo ermida... cada denominación cunha significación en relación coa orixe e a historia. Adega ou bodega coa mesma orixe léxica, en relación coas covas; a taberna, nome latino, en relación con táboas da súa construción...e así atopámolas na arqueoloxía deantigas cidades. Mesmo a palabra bar,establecida en Galiza a partires do século XIX pola influencia británica, deriva de barra, como os bartenders británicos. E o nome de meixón, quizais en relación con mesón, ou mesmo coa mestura de xantares... anguías, escabeches, polbo, caldeiradas, cocidos.. Alá onde foron galegos ou irlandeses abriron ou sumáronse a unha taberna ou casa de comidas...
Véxanse en Irlanda a gloria dos seus pub, abreviatura de public house, casa publica. Decorados coa enxebreza das tradicións, co ansia de crear ambiente. Onde se bebe cervexa, a bebida celta por excelencia, segundo os tradicionalistas, e onde non falta alguén que anime a cantar, acompañado de calquera instrumento, mesmo abonda co sinxelo bater nas táboas do mostrador, das mesas ou coas palmas da man. Taberna e pub, son a mesma cousa...si ben, en Galiza, a taberna, a cantina, foi degradada, refuxio da marxinación, na que se atufa o idioma, as tradicións, reducidas á escatoloxía, á blasfemia...a esas tonecherías que, en novos sainetes esperpénticos se burlan do popular e non de tanto da absurda burocracia endomingada.
Galiza é paraíso de inspiradoras tabernas: en Vigo Elixio, O Galo en Celanova, a Gazpara no Carballiño, Pilán en Marín, Os Carrisos en Padrón, Savoy de Pontevedra, a Pajón de Lugo... sendo toda Compostela é un homenaxe ás tabernas... na Coruña Enrique. E ben puideran tomar nota os poderes públicos en recuperar o espírito de O Fornos, na coruñesa rúa dos Olmos, decorada por Urbano Lugrís, pintor de tabernas atlánticas.

Ramón Otero Pedrayo e Matilde Llória en O’Volter. / LOC
Unha taberna de resistencia na ditadura, un referente na dignidade galega
E, como non, aquel referente, a taberna de O’Volter do Ourense dos anos sesenta, onde se xuntaban os mozos coas ansias dos sobreviventes, daquela patriarcas da Xeración Nós, Risco e Otero Pedrayo. E ao seu redor os artistiñas, Quessada, Acisclo, Xose Luis de Dios, Baltar, Virxilio, Baltar, Failde, Conde Corbal... a muiñar nesa interacción céltica, panteísta a da paisaxe-paisanaxe, a dignificación, esconxurando a tendencia fácil ao esperpento.... O’Volter, escrito así como cun prefixo irlandés, denantes coñecido tamén como O’Tucho. Aberto nun recanto do Eirociño dos Cabaleiros, corazón daquel Ourense perdurable, con halo propio, con música da Coral de Ruada de fondo, entre arrecendo a guiso.
O’Tucho era o hipocorístico do dono e rexente do bar, Vicente Rodriguez Fontenla-Dapena, nacido no 1923, en Vide, ribeiro da banda esquerda do Miño, cara a aquel Castrelo dende aqueles anos sesenta asolagado polo encoro de Castrelos. Ó Tucho asentouse en Ourense pouco antes da guerra. Leal seguidor de Risco e da súa dialéctica. Pois estudou maxisterio, coincidindo con Concha coa que casaría. Separados pola docencia, no 1952 acordaron xuntarse e montar un bar, primeiro foi na rúa dos Irmáns Villar, Ó Caldo. Logo, no 1960 , será xa O’Tucho, na cerna da rebuldeira Esmorga. Bar con algo da escola pretendida, presidida, tras o mostrador, por un magister ribeirao: calvo no centro na cabeza sobre a caluga dobrando as guedellas, ao xeito bohemio... de cara redonda, farta, fazulas avermelladas, bigote ao estilo inglés, espeso e baixo del sempre a fumegar un Celtas... vestido de traxe, chaleco, garabata e sombreiro... Ao final de rigoroso loito pola súa Concha, esbozando no sorriso a resignación. Home que sabe escoitar, máis que falar, que resumía moi ben o espírito daquel Nós, tan plural como aristocrático. Taberna especialista nos dedais de licorcafé e nas cuncas de branco de Astariz, daquel Castrelo de Miño, o que, denantes de ser asolagado, mesmo producía azafrán e pementos. E na cociña Concha oficiando saberes tradicionais: as luras fritas, os pementos da Arnoia, a anguías do Miño...Onde nunca faltou o queixo, o chourizo ou o xamón.
Risco morre un 30 de abril de 1963 e no 28 de setembro, xúntanse no Tucho, arredor de Otero Pedrayo os amigos do parladoiro, determinando facerlle un homenaxe e reconverter aquel espazo nun templo dedicado á sombra de Risco. Dende entón recibirá o nome que este tiña proposto, O’Volter. No fronte, como no altar, un mural realizado por Xosé Luis De Dios, A Porta de Palla, inspirado na novela de Risco, co seu rostro nunha esquina axexando dende as súas periscópicas gafas,enxergando unha nova Alba de Gloria de pasado e presente.
Un santuario dedicado a Risco, á liberdade, a Galiza e ao seu espírito celta
O’Volter era un templo de resistencia, tomando nome do ilustrado filósofo da liberdade, da xustiza, precursor da revolución francesa.Nome que no 1916 se lle dera enZurich ao cabaret no que se reunían, os diferentes, os inadaptados creadores dadás. Santuario ourensán que significa humanismo, o sentir barroco galego, tan propenso a dialécticas, a furar entre anxos e demos, sombras que asombran... Unha proba de que coa intelixencia e a creatividade se podían burlar os coutos do medo e da censura fascista. Mais velaí o paradoxo, como nos anos de democracia e deixa perder aquel herdo. Nun grafiti a xustificación, as sentidas verbas de Otero: Vicente Risco, amigo/ mestre, ergueita e pura/chama nas orelas/ do mar dos nosos destinos./Lampada mantida co/óleo dunha ialma de/ alborada e lembranza, / con nós, cos que han vir, ca Galiza, alumeando/seus vieiros. Sempre/ SEMPRE... Sentencia que debe enxergar quen se afane en separar a aqueles irmáns na causa de Galiza. Entre outras sentencias, esgrafiadas. todas encadradas en orlas pintadas.. como a nidia sentencia de Luis Cabo: Galicia Ceibe!/ Para nos foi un berro/pros mais unha argallada,/ pros memos a lus que alumeaba/ unha esperanza.../ Moitos morreron.../ .... E os versos de M. Díaz Rodriguez cantando ao Risco celta: Corazón sinxelo, mente poderosa/ de ollada aguda, fonda, vixiante/ de surrisa aberta, queda, garimosa,/ de cativo corpo, ialma de xigante/.... os de Blanco Amor, como os de Celso Emilio e outros, lembrando ao mestre... os de Bernardino Graña... E os categóricos de Tovar:ya no quedan piratas,/ rebeliones, ya todos somos bueyes,/ bueyes, bueyes/ para aguantar el yugo/ de las leyes que en tu provecho/ dan los piratones/¡Que resuciten los piratas!..E un Testamento do Santo Entroido manuscrito por Risco...noutro sitio outro sobre os espíritos dos árbores que na India chaman Yaksas, en Grecia Hamadryadas.
Obras de Virxilio, Quessada, Trabazo, Prego, Conde Corbal, Antonio Quessada, R. Rodríguez, Enrique Ortiz... Mesas de madeira, topografadas polas fregas con lixivia, sobre as que, nas horas nocturnas, algúns mozos tanto urdían algunha protesta, como convocaban pantasmas.
Un Tucho final que no sabe dicir non, xa todo parece darlle igual. Todo queda transtornado, acontece o peche, o abandono, o espolio, a destrución, soamente queda o recuncho reedificado e, pasando de man e man o cartel labrado en madeira por Acisclo co nome de O’Volter . O 4 de setembro de 1992, morre Ó Tucho, sumo sacerdote de Ó Volter, co que poideamos dar cuadratura e pechar a aura de Ourense: o Cristo, a Ponte, as Burgas e Ó Volter.
Quedando vivos algúns artistiñas, fotos e memoria, aínda se podería rehabilitar o espírito do lugar. Testemuños non faltan, velaí o estudo de Sofía Tros de Ilarduya O’Volter, aventura plástica y humana del grupo que revolucionó el arte gallego en los años sesenta (1998) ou máis recentemente, Ó Volter, fragmentos para a memoria, recolleita de JAlberto Almeida Rebollo (2009): un Dies ira polo perdido.
- La panadería de A Coruña que cumple 75 años con colas en la puerta: 'Mis abuelos no tenían ni idea de pan cuando empezaron
- La confitería de A Coruña que lleva más de 40 años triunfando con sus sándwiches de miga: 'Todo el mundo dice que saben como los de Buenos Aires
- Juan Carlos Escotet recorre kilómetros: tercer partido consecutivo en la grada visitante con la afición del Deportivo
- A Coruña está hoy en aviso amarillo por lluvia y tormentas: este es el horario de la alerta
- La avenida de Santa Cristina ya es de Oleiros
- Sergi Quintela da el ascenso al Obradoiro y obliga al Leyma Coruña a pelear por la ACB en el ‘play off’
- El mesón con uno de los mejores calamares de A Coruña: 'Aquí la freidora nunca está parada
- El Puerto de A Coruña prepara la llegada a Langosteira de la última granelera de los muelles interiores