Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Felipe Senén

Felipe Senén

Investigador da cultura galega

O monacato en Galiza, patrimonio por rehabilitar e revitalizar

Ermidas, igrexas, algúns antigos mosteiros con tellas caídas, chovendo, portas franqueadas, interiores espoliados... grandes mosteiros de amplos espazos desaproveitados para cumprir unha misión en beneficio da sociedade e do medio ambiente. Resultado dunha ruín xestión, de non saber acordar entre os poderes públicos, a Igrexa ou os propietarios. E entre esas sombras toda unha historia, as cicatrices, guerras, exclaustracións, desamortización, espolio... o pouso do pasado que singulariza o seu valor, lección do que ou non facer.

Para ben ou para mal, que de todo hai, a historia da cristiandade ofrece capítulos fundamentais na historia de Galiza, na organización social, política, económica e cultural, con base no achado e na singularidade da parroquia. Polo tanto nese transcendente feudalismo de casta e rango, o dun reino que foi cerna espiritual dun imperio, abrindo camiños a Europa e a unha misión polo mapamundi. Moito, pois, hai do que pedir perdón, mesmo como reclama a presidenta mexicana Claudia Sheinbaum, o que tampouco sobra entre tanta azucrada e apurpurinada arrogancia.

Bieitos, cistercienses, templarios, cóengos regulares, hospitalarios de San Xoán de Xerusalén, Cabaleiros de Malta, franciscanos, dominicos... todos inzaron neste cabodomundo. Con mosteiros que, a máis de contribuír aos seus fins relixiosos, á organización civil e administrativa, supuñan a creación de escolas, centros de beneficencia, potenciación das artes e do artesanado, da feira e festa, dos produtos da terra e do traballo.

E se, pese aos incendios, a humidade, ao espolio... aínda abundan os documentos, os monumentos, tamén abondan quen os estude, a investigación. O tema preocupou, como non podía ser doutro xeito, a quen pescuda nas orixes, en Compostela, sobre aquela tumba que se di ser do apóstolo Santiago, sen faltar os que din ser do heresiarca, mago, panteísta e druidista Prisciliano e argumentos, enriquecendo mitos, non faltan. Sexa o que sexa, entre arqueoloxías cristiáns de igrexarios, cenobios, cemiterios... o misterio sobreponlle unha atractiva aura de maxia a este confín. Ao respecto lembramos os estudos do arqueólogo e historiador da arte natural das terras de Boborás, Manuel Chamoso Lamas, o que escavando no subsolo da catedral compostelán, en xullo do 1955, atopou a lauda epigrafada do sartego de Teodomiro; até entón, bispo de Iria, figura asociada a lenda da aparición da tumba que se dicía ser do Apóstolo Santiago, alá polo 813, tempos do rei Alfonso II o Casto e dun Carlomagno, ansioso da creación do Sacro Romano Imperio Xermánico. Dende este achado a lenda terá máis visos de ser historia. Investigacións que levaron á area inmediata a Compostela, a Iria Flavia, aos Martores, Tins, Moraime, San Guillermo... cara esa Fisterra que ofrece tantos vestixios da primeira cristianización. Seguindo o estudo de eremitorios que cristianizan covas, fontes... coa súa capela, o sartego do ermitán... mesmo tamén polos ribeiros e ribeiras «sacras» con vestixios da conformación dun monacato. E velaí estudos, cos seus acertos e desacertos abrindo camiño a esa espiral que abonda na maduración científica e cultural dun pobo.

Portada da igrexa do mosteiro de San Paio de Abeleda.

Portada da igrexa do mosteiro de San Paio de Abeleda. / LOC

 Nesa aura de investigadores e divulgadores é fundamental a bibliografía do pontevedrés, formado inicialmente como franciscano en Herbón, en letras nas universidades de Salamanca e Madrid, Hipólito de Sa Bravo, autor de El monacato en Galicia. Obras que supoñen un paseo por esas estruturas, continentes arquitectónicos con sobranceiros e atractivos contidos.

A colonización, a cara e a cruz da misión da Igrexa

Os clásicos da cultura galega singularizaban a súa historia por tres momentos: a cultura castrexa, asociada co mundo prerromano, indoeuropeo, celta, fondamente romanizada e aínda así pervivindo tantas tradicións en relación co tribal, co panteísmo, co cosmogónico.... Outro momento relucente foi o Prerrománico e o Románico con canto supón Compostela e a peregrinación, inzándose o territorio de templos que supoñen unha organización social, unhas crenzas e arredor destas celebracións sobre a vida e a morte. Pondo o terceiro vértice desa singular trindade no Barroco, coa escola compostelán de arquitectura, tan visible no urbanismo como nos retablos e na imaxinería, promovendo os contrastes, a dialéctica de luces e sombras, de ángulos e curvas, da policromía... Entre períodos non menos florecentes, como o universo gótico mendicante, propagado por franciscanos e dominicos que tanto teñen que ver con devocións e celebracións, como o Nadal ou a Semana Santa, seguida do Renacemento, onde a fidalguía galega tanto pode na expansión imperial, polo sur peninsular, polo Novo Mundo, na misión, na administración, na universidade, pensemos no poder da Casa de Monterrey, de Lemos, de Gondomar, nos Fonseca, nos Deza... mesmo propagando o erasmismo. Así como entre o Barroco e o noso tempo o florecer da Ilustración, coas sobranceiras figuras de Feijoo, Sarmiento, Cornide, Pedro Antonio Sánchez, o cura reloxeiro de Ladrido, Raimundo Ibáñez, e tantos outros.

Feitos, persoeiros con pegada nas estruturas eclesiásticas, algo que compre saber aproveitar e para iso está a museoloxía: que é saber recoller, expoñer, informar para formar, dándolle valor a continentes e contidos, os que ademais servirán ás necesidades da contemporaneidade, facendo que tal legado se sosteña por si mesmo. Modelos de éxito haber hainos si se saben enxergar.

Herdo non sempre ben rehabilitado e revitalizado, tan en relación coa cultura, co turismo e polo tanto coa tan necesaria educación, a que si falta é causa deses fracasos que campan hoxe na nosa sociedade, máis metida nos asuntos materiais que nos espirituais que dirían os clásicos de cerna decadentista e cavilamos na sempre celebrada Xeración Nós.

Valoramos a recuperación e rehabilitación no seu día, por parte da Xunta de Galicia, para usos hostaleiros, do parador de Santo Estebo de Ribas de Sil, o de San Clodio de Leiro ou San Vicente do Pino en Monforte. E sempre a lección de teimosía do arquitecto Peridis para rescatar o seu mosteiro caído de Aguilar de Campoo e con il canto o arrodea. E iso foi máis que posible, sumando a crenza nas posibilidades, a ansia e o saber conducir o tema, sensibilizando e comprometendo aos poderes públicos. Patrimonio monacal palentino que hoxe é un referente no mundo por canto vimos dicindo. Servindo como instituto de formación escolar, como taller escola, como centro de Estudos do Románico con canto significa de actividades e difusión. Sen faltar o imprescindible para a súa actividade: espazos para recibir, atender ao visitante, onde xantar e ofrecer o merchandising cultural, a difusión.

Nunca sobrará a divulgación, coñecer para querer, defender e tomar nota do pasado

Galiza é un país célebre polas súas artesanías e máis debera selo hoxe, nos tempos da crecente industrialización, tan en crise: canteiros, carpinteiros, ferreiros, follalateiros, oleiros, teceláns, acibecheiros, ourives, vidreiros... todo un universo de técnicas, de receitas, de formas e linguaxe de símbolos. Tan necesarios para a rehabilitación e mesmo para a revitalización de monumentos. Algo que ben soubo entender Chamoso Lamas ao promover os museos de artes populares e, xunto co arquitecto Fontoira de Pontevedra, crear a Escola de Canteiros de Poio. Como o saber de Díaz Pardo levando saberes tradicionais ás Industrias da Memoria, o Castro, Sargadelos, o Instituto Galego da Información... a seguir na espiral do re-crear.

Lamentable ollar o estado de moitos destes sobranceiros mosteiros galegos. Velaí o de San Paio de Abeleda en terras de Castro Caldelas, espoliado... nun área vitivinícola necesitada de espazos para a súa potenciación. Velaí Monfero nunha ruta que dá moito de si nas Fragas do Eume, Montefaro sobre Mugardos... Alegrándonos ollar o traballo, feito de vagar, en Montederramo, como en Santa María de Oia... Somos o que facemos... ou desfacemos.n

Tracking Pixel Contents