Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | O Grupo Naturalista Hábitat opina

Roi Cuba Dorado

Sobre a compostaxe

Residuos orgánicos en un compostero.

Residuos orgánicos en un compostero. / NOE PARGA

A compostaxe é moito máis que unha técnica de reciclaxe: é unha porta de entrada para todas aquelas persoas con interese por cultivar os seus propios alimentos e entender mellor os ciclos naturais. Nun contexto de crise ambiental e de progresiva desconexión coa natureza, recuperar a capacidade de transformar os residuos en recursos convértese nun xesto sinxelo pero profundamente empoderador.

Levar a cabo a compostaxe implica asumir que unha pequena parte do esforzo diario pode orientarse a pechar o ciclo da materia orgánica que xeramos. A diferentes niveis, todas as persoas podemos implicarnos. Nas cidades, o primeiro paso é realizar unha boa separación dos residuos de orixe biolóxica no fogar, reducindo ao mínimo os impropios e depositándoos correctamente nos contedores de orgánico. Posteriormente, estes residuos serán tratados en plantas de compostaxe, onde se transforman en compost mediante procesos controlados.

Unha xestión máis cercana acontece nos centros de compostaxe comunitaria, cada vez máis presentes en zonas verdes de moitos barrios e vilas. Nestes espazos, despois de depositar os restos orgánicos, é preciso engadir estruturante (material leñoso) que permite un proceso aeróbico adecuado. Este pequeno xesto evita malos cheiros, reduce a presenza de insectos molestos e, sobre todo, facilita o traballo dos organismos descompoñedores.

O nivel máis avanzado é a compostaxe domiciliaria, indicada para quen dispón dunha horta ou xardín. Neste caso, pódese empregar unha gran variedade de residuos orgánicos da cociña e da propia horta. Mesturados con estruturante e cun mínimo mantemento (remexer ocasionalmente e controlar a humidade), créanse as condicións óptimas para que a biodiversidade faga o seu traballo. Miñocas, fungos e microorganismos encárganse de transformar os residuos nun material orgánico hixienizado e estabilizado: o compost.

O resultado final é unha emenda orgánica de alta calidade, rica en nutrientes e libre de patóxenos, que mellora a estrutura do solo e favorece o desenvolvemento das plantas. Grazas ao seu uso, redúcese a necesidade de fertilizantes sintéticos e praguicidas, promovendo así sistemas agrícolas máis sostibles e alimentos máis saudables. Ademais, a compostaxe contribúe a crear solos vivos, cheos de microorganismos beneficiosos, e a fomentar espazos onde se pechan ciclos biolóxicos esenciais.

Máis alá da súa utilidade práctica, a compostaxe representa un cambio de mentalidade: pasar de considerar os «biorresiduos» como un problema a entendelos como un recurso valioso. Supón tamén unha oportunidade para reconectar cos procesos naturais e asumir un papel activo na mellora da nosa contorna.

Conclusión: A concienciación ambiental que promovemos dende o G. N. Hábitat pasa por animar á cidadanía a participar nas iniciativas de compostaxe como unha acción sinxela, eficaz e transformadora.

Tracking Pixel Contents