Opinión
Do cuarzo ao chip
Antes de tomar o primeiro café do día, o meu corpo só é capaz de reproducir os automatismos aprendidos tempo atrás para preparar o almorzo. É como cando está a arrincar o sistema operativo dun computador persoal. Xa despois de almorzar, o meu cerebro vai incorporando outras rutinas e ata é capaz de saírse delas.
Un día, mentres daba ese primeiro sorbo de café do día, quedei pensando en como e a que prezo chega á casa cada cápsula de café. O prezo do café en orixe oscila bastante, pero un valor de referencia para un café tostado pode ser duns 5 euros o kg. Por tanto, os aproximadamente 5 gramos de café que contén unha cápsula valerían uns 2,5 céntimos de euro. Cando chega a cápsula ao cliente ese prezo facilmente se multiplica por 20. Polo medio hai moenda, aluminio, encapsulado, control de calidade, loxística, marca, mercadotecnia, comercialización e algunhas cousas máis.
Para o produtor de café vai unha moi pequena parte do beneficio que se produce ao longo da cadea de produción e comercialización. A maior parte de dito beneficio vai parar a quen posúe a marca, que adoita ser tamén quen distribúe e vende o produto final ao consumidor.
Pero non era realmente de café do que hoxe quería falarlles, senón de chips. Fareino comezando polo silicio do que se fabrican. Serrabal, moi preto de Santiago de Compostela, é unha mina de cuarzo de alta pureza. A súa calidade faino especialmente idóneo para acabar como soporte dos chips. Iso si, o cuarzo de Serrabal que ten no seu móbil, poñamos por caso, deu antes a volta ao mundo.
A primeira viaxe é moi curta. A Sabón, onde a factoría de Ferroglobe obtén silicio metálico de alta pureza (98%) mediante o uso duns fornos nos que son clave os eléctrodos desenvolvidos nesa planta na década dos 90, a partir da investigación liderada polo catedrático de matemática aplicada da USC Alfredo Bermúdez de Castro.
Pero para ser utilizado na industria dos semiconductores a pureza do silicio metálico terá que alcanzar o 99,9999999%, e isto faise en Alemaña, transformándoo en polisilicio. Este é o material co que se fan as obleas sobre as que se proxecta o deseño dun chip antes de ser fabricado nas chamadas «fundicións». Este camiño levaríanos primeiro a EEUU e logo a Taiwán. Despois, o pequeno anaco de oblea que contén o chip será encapsulado, probablemente en Malaisia, antes de acabar nun coche, un frigorífico, un teléfono móbil ou, desgraciadamente, nun mísil.
O valor en orixe do cuarzo que incorpora un chip é moito menor que o do café, como é doado supoñer. Xusto ao revés, claro, do que ocorre co valor do chip e o da cápsula de café. No caso do chip hai un encarecemento moi importante do produto a través da extrema purificación á que se somete o material, a fabricación da oblea e, sobre todo, o deseño do chip. É moi custoso igualmente o proceso de fabricación. O caso é que desde o cuarzo extraído na mina de Serrabal ata o chip que acaba nas nosas mans a través de calquera dispositivo electrónico, o material non só deu a volta ao mundo, senón que se encareceu miles de veces. De feito, un chip estándar para un móbil ten un prezo que está como pouco na orde de magnitude dunha tonelada do cuarzo de Serrabal.
Non é a miña intención en absoluto desprezar o valor que a mina de Serrabal achega ao noso país, pero creo que alén de aproveitarnos dos grandes recursos naturais que temos, deberiamos empeñarnos sobre todo en valorizalos aquí. A investigación desenvolvida polo profesor Bermúdez de Castro ou a que se realiza na Cátedra Chip USC-Televés que dirixe a directora adxunta do CiTIUS, Paula López, vale moito máis que o cuarzo, por moi puro que sexa. Vale, como pouco, o ouro do Perú. Téñano moi en conta quen ten a principal responsabilidade de fomentar a prosperidade do noso país e a creación de emprego de alta calidade.
Suscríbete para seguir leyendo
- El crucero de Burdeos confinado por norovirus, que causa gastroenteritis, hará escala este sábado en A Coruña con 1.700 pasajeros
- El oasis de carne a la brasa oculto en Oleiros: así es la terraza del mejor parrillero de Galicia
- Rosa Rodríguez de 'Pasapalabra' regresa a la Universidade da Coruña para un homenaje: 'Si ganaba, podía devolver a mis padres todo su esfuerzo
- García Seoane continúa con los derribos y pone en el punto de mira un edificio en ruinas de O Carballo
- Así queda el Parque del Agra, en A Coruña, después del acuerdo entre PSOE y BNG para permitir construir más de 300 nuevas viviendas
- El vecino de A Barcala al frente de la lucha por convertir bajos vacíos en vivienda: 'La urbanización va a tener un cambio brutal
- La Autoridad Portuaria de Ferrol deberá indemnizar al alcalde de Miño por 'degradarlo' profesionalmente
- Fan zone antes del Deportivo-Andorra: Así será la fiesta en Riazor
