Opinión | Olladas ao País
Carlos Mella: o home recuperado para o País
Para quen cremos que Galicia é un suxeito político de seu a figura de Mella eríxese como un dos persoeiros daquela transición que tentaron, entre a espada do centralismo madrileño e a parede da nosa propia indecisión, construír un Poder Galego merecente de tal nome.
Carlos Mella, nado no 1930, pertencía á xeración dos meus pais, cativiños canda a terríbel represión da guerra e da posguerra. E na súa xuventude e primeira madurez converteuse nun economista de prestixio no nivel estatal, europeo e internacional. Cando foi elixido deputado na primeira lexislatura do Parlamento de Galicia (1981) xa fora profesor de Economía Política na Universidade Complutense de Madrid, alto funcionario da OCDE en París e director xeral de Política Económica no Goberno do Estado. Porén, malia o seu acceso e recoñecemento polas elites funcionariais do Estado e das organizacións internacionais escolleu, xa pasado o seu medio século de vida, voltou a Galicia para se comprometer coa construción do seu autogoberno e do seu desenvolvemento. Velaí que Xosé Manuel Beiras, con quen partillou amor á Patria, dixera del que era «...un home do País e recuperado polo País».
En marzo de 1983, das resultas do pacto de AP co grupo independente (escollidos nas fileiras da UCD) Carlos Mella foi nomeado vicepresidente económico da Xunta e axiña convenceu ao presidente Albor e ao vicepresidente político Barreiro para aprobar unha proposta de modificación do Estatuto de Galicia para introducir o sistema de cota (chamado en castelán «cupo») no que Galicia recadaría todos os impostos, agás a renda das alfándegas. Dicía entón Mella, coa súa intelixente retranca «primeiro recado e despois, se cómpre, pregunto». En novembro de 1983 o Parlamento de Galicia aprobou por ampla maioría absoluta a proposta de reforma estatutaria. O Goberno galego de AP deixaríaa caducar despois da dimisión de Mella no verán de 1984.
Mella non se limitou a teorizar; baixou á lama de Madrid e arrincou 13.000 millóns das vellas pesetas (algo máis de 78 M€) para as arcas galegas. Como lle contou a Luis Pardo para a revista Luzes na derradeira entrevista da súa vida (maio de 2025) punteou coa súa equipa partida a partida os orzamentos do Estado e chegou á conclusión de que Madrid adebedaba a Galicia 13.000 millóns de pesetas, obtendo do entón secretario de Estado Borrell a súa transferencia. Mella planificou un moi matinado e potente plan de desenvolvemento galego con eses cartos, que Albor e Barreiro preferiron destinar a espallar obras e investimentos con propósitos clientelares. Mella, decepcionado, presentou a súa dimisión.
Despois Mella incorporouse ao proxecto galeguista de Coalición Galega á fronte da súa candidatura pola circunscrición de Pontevedra en novembro de 1985, con Mariñas candidato á presidencia da Xunta. Os once deputados que quitou CG puideron xubilar anticipadamente a Albor e abrir un camiño alternativo en ben mellores condicións a respecto das desenvolvidas dende outubro de 1987. Carlos Mella, canda Pablo G. Mariñas e Xosé Rodríguez Peña loitou esa alternativa, sendo derrotado nun Consello Político celebrado en xullo de 1986, que foi a sentenza de morte para a organización coaga. Velaí o seu pulo á fundación do PNG liderado por Mariñas. Mais, polas razóns que fosen, no verán de 1987 Mella xa non acredita nunha moción de censura que derrube Albor e declara diante da TVG que a iniciativa non é senón «marear a perdiz».
Un pensa que se Piñeiro non houbera liquidado o PG e este concorrese á vida política con forza dende 1977 persoeiros como Carlos Mella, Pablo G. Mariñas, Rodríguez Peña e tantos outros construirían dende o seu propio berce a autonomía como fixeron en Euskadi o PNV ou en Catalunya CiU. Si, xa sei o que me van dicir... «Deus nos libre dun xa foi».
No seu longo e derradeiro terzo de vida Mella construíu país dende o ensaio, a ficción e a presidencia da Fundación Castelao e representou a apertura do proxecto común do BNG sendo candidato ao Parlamento Europeo, do que lle separaron moi poucos votos. Neste derradeiro e longo treito vital Mella achegou dende un soberanismo integrador, crítico e intelixente a súa contribución senlleira para construírmos a Galicia deste século XXI.
Suscríbete para seguir leyendo
- El crucero de Burdeos confinado por norovirus, que causa gastroenteritis, hará escala este sábado en A Coruña con 1.700 pasajeros
- El oasis de carne a la brasa oculto en Oleiros: así es la terraza del mejor parrillero de Galicia
- Rosa Rodríguez de 'Pasapalabra' regresa a la Universidade da Coruña para un homenaje: 'Si ganaba, podía devolver a mis padres todo su esfuerzo
- García Seoane continúa con los derribos y pone en el punto de mira un edificio en ruinas de O Carballo
- Así queda el Parque del Agra, en A Coruña, después del acuerdo entre PSOE y BNG para permitir construir más de 300 nuevas viviendas
- El vecino de A Barcala al frente de la lucha por convertir bajos vacíos en vivienda: 'La urbanización va a tener un cambio brutal
- La Autoridad Portuaria de Ferrol deberá indemnizar al alcalde de Miño por 'degradarlo' profesionalmente
- Fan zone antes del Deportivo-Andorra: Así será la fiesta en Riazor
