Opinión | Res pública
Prepararse para o que vén
O cambio climático está a intensificar a frecuencia e a gravidade de eventos extremos como temporais, inundacións, incendios e ondas de calor. Ante esta situación, precisamos un cambio de enfoque: pasar dun modelo reactivo a outro integral e anticipatorio. Cada comunidade autónoma debe dispor do seu propio mapa de riscos, elaborado en colaboración cos municipios e coa Administración central. A continuación é fundamental definir actuacións ex-ante para minimizar impactos e estruturar mecanismos de resposta. Finalmente, hai que resolver como financiar todo iso de xeito transparente e eficaz, sen distribuír recursos de forma arbitraria ou desvinculada das vulnerabilidades reais.
A semana pasada tiven a oportunidade de presentar en París, na sede da OCDE, un estudo sobre a xestión de riscos fiscais en Galicia, elaborado desde o laboratorio EconLabGalicia da Universidade de Santiago de Compostela xunto a María Cadaval, Xoaquín Fernández Leiceaga e Alejandro Domínguez. Galicia é a única comunidade autónoma española analizada pola Organización a carón de estados como o de California, o que supón un recoñecemento explícito ao interese da súa experiencia.
O traballo salienta activos sólidos: unha traxectoria de cumprimento fiscal razoablemente boa, mecanismos operativos que permiten identificar e monitorizar riscos, e servizos de emerxencia contrastados. Pero tamén sinala o camiño a percorrer para mellorar: avanzar desde capacidades parciais cara a unha gobernanza integral, cun informe periódico de riscos que priorice e cuantifique ameazas, conecte a identificación de vulnerabilidades coa planificación orzamentaria a medio prazo e aumente a transparencia ante a cidadanía, o Parlamento e os mercados.
Nesa dirección apuntan tamén os recentes traballos da Consellería de Facenda sobre análise de riscos climáticos a escala municipal vencellados aos requirimentos comunitarios de que as infraestruturas financiadas por fondos europeos estean preparados. Identificar que concellos son máis vulnerables a inundacións, a calor extrema ou a temporais é o primeiro paso indispensable para actuar con criterio, priorizar investimentos e non chegar tarde. Galicia ten as súas particularidades: os incendios rurais, os temporais atlánticos e as inundacións son os seus riscos climáticos máis visibles; e existen características estruturais que os complican. En particular, o avellentamento demográfico e o espallamento territorial elevan o custo de prestar servizos públicos e dificultan a resposta de emerxencia en moitos concellos. Sen esquecer outros perigos que van máis aló do cambio climático, como son as mareas negras, os ciberataques ou as pandemias.
O coñecemento está; a capacidade institucional existe. Falta dar o paso de integralos nunha estratexia coherente, estable e ben financiada. Temos vimbios para ser líderes e modelo a seguir en España.
Suscríbete para seguir leyendo
- Deportivo - Andorra, en directo hoy: partido de la Liga Hypermotion en vivo
- El crucero de Burdeos confinado por norovirus, que causa gastroenteritis, hará escala este sábado en A Coruña con 1.700 pasajeros
- Arde por completo de madrugada el restaurante Caballos km0 de Sada
- Fan zone antes del Deportivo-Andorra: Así será la fiesta en Riazor
- Así está la clasificación de Segunda División: El Dépor defiende su segunda plaza, el Almería jugará antes
- El oasis de carne a la brasa oculto en Oleiros: así es la terraza del mejor parrillero de Galicia
- RC Deportivo - Andorra FC: Riazor busca el primer jaque al ascenso
- Fallece un motorista de 41 años en Sada tras chocar contra una furgoneta
