Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Shikamoo, construir en positivo

Aí vén o maio!

Escribo estas liñas no día de onte, venres, no medio dunha grande algarabía. Moitas flores, que arrecenden e que son proba viva e pegada deste tempo de primavera. E, no medio, a tradición dos maios, de orixe verdadeiramente ancestral, e que perdura hoxe en Europa e en particular en Galicia, sobre todo no sur da comunidade e máis especificamente na provincia de Ourense. Unha festa que se remonta ás antigas civilizacións prerromanas, como a celta, na que o Beltane marcaba o inicio do verán pastoral, cando os rabaños de gando eran levados cara aos pastos das montañas. Fachos nos cumios e outeiros con rituais marcaban algúns dos fitos desta celebración, que tamén tivo a súa versión en Roma, nun contexto politeísta. E que resistiu o paso dos séculos...

Como lles digo, escribo estas liñas no medio da celebración da Festa dos Maios. E isto no CPI de Atios, en Valdoviño, que sempre destaca por combinar o interese pola tecnoloxía, a ciencia e as humanidades co importante feito de coidar a tradición e os nosos sinais de identidade, en todas as etapas educativas: Infantil, Primaria e Secundaria. E é por iso que desde os máis pequenos aos maiores, todos os nenos e nenas do centro desfrutan dun día máxico, diferente, suxestivo e tan colorido como a bela paisaxe desta terra... Un día no que a primavera pasa de ser o contexto temporal á razón de ser e o fío condutor da celebración, e na que todo conflúe...

Cantigas, celebracións, minimaios, alfombras florais e o gran maio do alumnado de cuarto curso de Educación Secundaria, que este ano abandona o lugar no que creceu desde o comezo da Educación Infantil, quedan na miña retina mentres poño rumbo a Coruña na segunda parte do día para, agora nun contexto urbano e diferente, volver albiscar o mar e compartir alí co alumnado de Segundo de Bacharelato do IES Agra do Orzán a súa celebración de remate desa etapa educativa. Unha ben linda cita dunha promoción coa que coincidín como profesor no seu segundo curso da ESO e cos rapaces e rapazas, profesores e profesoras cos que compartín eses anos a actividade do Club de Lectura Científica, que xuntos puxemos en marcha, e que nos serviu para afondar na ciencia a través dos libros, das conversacións e dos momentos compartidos... Unha breve pero intensa cita semanal ao longo de diferentes cursos académicos, que desde logo eu nunca esquecerei...

E, con eles, un acto bonito, entrañable e emocionante no Centro Ágora, que pon fin a tantas anécdotas, curiosidades, toneladas de coñecemento, espazos de socialización, excursións, participación en concursos e moita vida, que non deixan de ser a concreción nun ano académico dunha proxección dos máis de cincuenta anos do instituto, que foi albergando nestas décadas a moi distintas xeracións de coruñeses e coruñesas, e que sigue no seu camiño de formar aos que veñen detrás, cada día... E agora despedindo a estes mozos e mozas que, completada a formación secundaria obrigatoria e o Bacharelato, teñen a oportunidade de empezar a voar pola súa conta, facendo as súas eleccións para os anos vindeiros e asomándose a un mundo complexo, sofisticado, difícil pero, ao tempo, inmensamente bonito... Teño esperanza en que eles e elas poidan contribuír a melloralo...

Pois xa ben, primavera, fin de curso, celebracións diversas e moita xente boa tanto en Valdoviño como en A Coruña, nun ambiente festivo que nos levará paseniño ao comezo dese verán tan desexado polos rapaces e rapazas, pero que realmente sempre leva aparellado tamén un pouquiño de morriña dos días cos compañeiros e compañeiras... Un contexto máxico ao longo de todo o curso, non sempre comprendido e valorado no día a día polo alumnado dos centros, pero que no longo prazo sempre se sitúa no seu valor real, e que termina sentíndose como iniciático, fermoso e feiticeiro... Porque a alternativa a non coñecer non é viable nun mundo difícil, no que non se pode exercer a liberdade persoal e construír a democracia sen o necesario criterio...

Saúde, novos bachareis do Agra do Orzán. Saúde ás boas xentes que renderon homenaxe á tradición e á primavera en Atios... Saúde, moita saúde...

Aí vén o maio!!!

Tracking Pixel Contents