Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Shikamoo, construir en positivo

Aí vén o Maio!

Escribo estas liñas no día de onte, venres, no medio dunha grande algarabía. Moitas flores, que arrecenden e que son proba viva e pegada deste tempo de primavera. E, no medio, a tradición dos maios, de orixe verdadeiramente ancestral, e que perdura hoxe en Europa e en particular en Galicia, sobre todo no sur da comunidade e máis especificamente na provincia de Ourense. Unha festa que se remonta ás antigas civilizacións prerromanas, como a celta, na que o Beltane marcaba o inicio do verán pastoral, cando os rabaños de gando eran levados cara aos pastos das montañas. Fachos nos cumios e outeiros con rituais marcaban algúns dos fitos desta celebración, que tamén tivo a súa versión en Roma, nun contexto politeísta. E que resistiu o paso dos séculos...

Como lles digo, escribo estas liñas no medio da celebración da Festa dos Maios. E isto no CPI de Atios, en Valdoviño, que sempre destaca por combinar o interese pola tecnoloxía, a ciencia e as humanidades co importante feito de coidar a tradición e os nosos sinais de identidade, en todas as etapas educativas: Infantil, Primaria e Secundaria. E é por iso que desde os máis pequenos aos maiores, todos os nenos e nenas do centro desfrutan dun día máxico, diferente, suxestivo e tan colorido como a bela paisaxe desta terra... Un día no que a primavera pasa de ser o contexto temporal á razón de ser e o fío condutor da celebración, e na que todo conflúe...

Cantigas, celebracións, minimaios, alfombras florais e o gran maio do alumnado de cuarto curso de Educación Secundaria, que este ano abandona o lugar no que creceu desde o comezo da Educación Infantil, quedan na miña retina mentres poño rumbo a Coruña na segunda parte do día para, agora nun contexto urbano e diferente, volver albiscar o mar e compartir alí co alumnado de Segundo de Bacharelato do IES Agra do Orzán a súa celebración de remate desa etapa educativa. Unha ben linda cita dunha promoción coa que coincidín como profesor no seu segundo curso da ESO e cos rapaces e rapazas, profesores e profesoras cos que compartín eses anos a actividade do Club de Lectura Científica, que xuntos puxemos en marcha, e que nos serviu para afondar na ciencia a través dos libros, das conversacións e dos momentos compartidos... Unha breve pero intensa cita semanal ao longo de diferentes cursos académicos, que desde logo eu nunca esquecerei...

«Escribo estas liñas no día de onte, venres, no medio dunha grande algarabía. Moitas flores, que arrecenden e que son proba viva e pegada deste tempo de primavera»

E, con eles, un acto bonito, entrañable e emocionante no Centro Ágora, que pon fin a tantas anécdotas, curiosidades, toneladas de coñecemento, espazos de socialización, excursións, participación en concursos e moita vida, que non deixan de ser a concreción nun ano académico dunha proxección dos máis de cincuenta anos do instituto, que foi albergando nestas décadas a moi distintas xeracións de coruñeses e coruñesas, e que sigue no seu camiño de formar aos que veñen detrás, cada día... E agora despedindo a estes mozos e mozas que, completada a formación secundaria obrigatoria e o Bacharelato, teñen a oportunidade de empezar a voar pola súa conta, facendo as súas eleccións para os anos vindeiros e asomándose a un mundo complexo, sofisticado, difícil pero, ao tempo, inmensamente bonito... Teño esperanza en que eles e elas poidan contribuír a melloralo...

Pois xa ben, primavera, fin de curso, celebracións diversas e moita xente boa tanto en Valdoviño como na Coruña, nun ambiente festivo que nos levará paseniño ao comezo dese verán tan desexado polos rapaces e rapazas, pero que realmente sempre leva aparellado tamén un pouquiño de morriña dos días cos compañeiros e compañeiras... Un contexto máxico ao longo de todo o curso, non sempre comprendido e valorado no día a día polo alumnado dos centros, pero que no longo prazo sempre se sitúa no seu valor real, e que termina sentíndose como iniciático, fermoso e feiticeiro... Porque a alternativa a non coñecer non é viable nun mundo difícil, no que non se pode exercer a liberdade persoal e construír a democracia sen o necesario criterio...

Saúde, novos bachareis do Agra do Orzán. Saúde ás boas xentes que renderon homenaxe á tradición e á primavera en Atios... Saúde, moita saúde... Aí vén o maio !!!

Tracking Pixel Contents