Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Escocia, Gales e Úlster reflicten a crise constitucional

O mapa político das Illas Británicas logo das eleccións galesas e escocesas deste 7-M amosa que o Reino Unido entrou en risco de liquidación por derrubo. A vitoria soberanista en Edimburgo e Cardiff, sumada á inminencia dunha Irlanda do Norte baixo hexemonía republicana, sitúa a Westminster ante unha crise constitucional de natureza sistémica que racha coas costuras do modelo unionista tradicional.

O que vivimos este maio de 2026 non é unha simple mudanza de gobernos; é unha insurrección democrática das nacións atlánticas fronte ao centralismo esgotado de Londres. En Gales, o Plaid Cymru de Rhun ap Iorwerth, que quitou 43 escanos sobre os 96 do Senned galés, asume o poder co mandato imperativo de despregar antes de 2031 o Libro Branco da independencia. Non se trata dunha declaración retórica, senón dunha folla de ruta técnica para a desconexión, un manual de soberanía que busca converter a Gales nunha nación recoñecida que xestione os seus propios recursos enerxéticos e portuarios, lonxe do paternalismo laborista que, até de agora, estaba a mantela, dende hai cen anos (con e sen autogoberno) a xeito de provincia deprimida.

En Escocia, o first minister John Swinney, logo de amosar unha resiliencia moi potente, vén de esixir do Goberno laborista británico de Keir Starmer o Indyref2, o segundo referéndum de autodeterminación, case doce anos despois do desenvolvido en setembro de 2014. Con 58 escanos sobre 129 e o apoio estratéxico duns Verdes escoceses radicalmente republicanos (15 escanos) que xa sobordaron aos soberanistas en cadansúas circunscricións de Edinburgh Central e Glasgow Southside, o SNP reafirma que a vontade do pobo escocés de retornar á Unión Europea como estado soberano é un mandato que Londres xa non pode vetar sen rachar a propia idea de democracia. A estratexia de Swinney é hoxe máis pragmática: o referendo non é a fin, senón o medio para protexer o benestar escocés fronte á deriva populista de Westminster. Neste senso, a posibilidade real dun goberno de extrema dereita populista de Farage cara o 2029 abre unha xanela de oportunidade que o laborismo gobernante en Londres até de agora rexeitou teimudamente.

Mais o golpe de graza ao unionismo podería chegar do Úlster. Logo das eleccións territoriais do vindeiro maio de 2027, co Sinn Féin consolidado como primeira forza, a first minister Michelle O’Neill tería a lexitimidade histórica para activar a cláusula do Acordo de Venres Santo e reclamar o referendo para a reunificación da Irlanda toda ao abeiro da República de Dublín. O binomio entre a Escocia independente e a Irlanda unificada deixaría ao Reino Unido reducido a unha Inglaterra illada, minguante e sen proxecto nacional de futuro. Polo de agora Michelle O´Neill convidou ao first minister escocés e ao futuro premier galés a unha intelixente tripla alianza soberanista para colaborar cara a autodeterminación de cadanseus países.

A causa desta crise é a incapacidade de Londres para entender que a unidade non se impón, senón que se negocia dende o recoñecemento da plurinacionalidade. A consecuencia inmediata será unha conmoción constitucional que obrigará a redefinir a natureza do estado. Cara onde imos? Cara unha confederación de estados libres ou cara á ruptura total? A soberanía non é unha fuxida cara adiante, senón a ferramenta necesaria para garantir servizos públicos, protexer a lingua e a cultura e xestionar un desenvolvemento económico sostíbel dende a proximidade. Cada un, claro é, ao ritmo e cos contidos que determinen cadansúas circunstancias de cada país.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents