Opinión
A extinción de persoas e máquinas (I)
Uns alieníxenas chegaron á Terra no ano 2369. O planeta estaba poboado por unha incrible diversidade de seres vivos. Case tres séculos sen seres humanos no planeta permitiran que todo tipo de animais e plantas proliferasen cunha fecundidade inusitada. Os visitantes descoñecían estas formas de vida, pero non lles resultaban tan estrañas como para escaparen ao seu entendemento, aínda que amosaban a lóxica curiosidade por todo aquilo que se ve por primeira vez.
A pegada humana seguía moi presente no planeta. Ademais, case todo estaba almacenado dixitalmente, polo que os extraterrestres axiña puideron comprender as últimas linguas vivas e reconstruír os momentos finais do ser humano.
Coñeceron así que, xa avanzado o século XXI, un feixe de empresas tecnolóxicas lideraban a intelixencia artificial no planeta. As máquinas superaban claramente ás persoas na maior parte das tarefas físicas e cognitivas. A medida que as súas capacidades aumentaban, facíao tamén o poder destas compañías, que gobernaban de facto o mundo ante a pasividade e mesmo a colaboración dos gobernos. Estes exercían o seu teórico goberno alleos á crecente queixa social polo incremento das desigualdades, o desemprego tecnolóxico e o deterioro democrático.
Anos atrás, algunhas empresas comezaran a adestrar os seus modelos de IA con textos e rexistros de voz, de xeito que as máquinas, ata entón case mudas e iletradas, comezaron a falar e a escribir, mesmo mellor que as persoas. Tal foi o impacto de todo aquilo que os anos comezaron a contarse como antes e despois do «test de Turing», de maneira que 1950 d. C. pasou a ser o primeiro ano d. T.
O desenvolvemento acelerado da IA permitira a estes xigantes tecnolóxicos facerse cada vez máis grandes, ricos e poderosos, ata o punto de condicionar o pensamento e a acción da poboación e someter aos gobernantes aos seus intereses, que non eran outros que seguir medrando e aumentar a súa riqueza e o seu poder. Non había outra razón, non había lóxica niso, só ambición desmedida e unha actitude incluso infantil e caprichosa por momentos.
As grandes compañías comezaron a acaparar todo o texto e a voz rexistrados dixitalmente, en moitos casos sen pedir permiso aos seus creadores nin render contas ante ninguén. Mais a súa ambición non tiña límites, como dixen, así que procuraron o modo de facerse con máis datos. Os datos son o petróleo d. T., repetían unha e outra vez, e acabaron por crelo.
O directivo dunha desas compañías, á que chamaremos X para mantelo no anonimato, tivo a idea de mercar as palabras. Trataríase de pagar por calquera nova palabra escrita ou dita por calquera persoa, e mesmo polos seus murmurios e suspiros. Era a mellor forma —ou iso críase— de garantir o «alimento» suficiente para os insaciables modelos de linguaxe, capaces xa de replicar calquera voz ou responder a calquera pregunta, soubesen ou non a resposta. Os modelos de IA chegaron a ter un saber tautolóxico, que contiña todo o dito. Coñecían moi ben o mundo escrito, mais non era dabondo. Querían ser capaces tamén de anticipar os pensamentos dos seres humanos e, en última instancia, controlalos.
O espelido CEO de X foi rapidamente secundado polos seus pares das outras compañías. Así comezou unha nova carreira por acadar o control absoluto da palabra. Para iso comezaron a negociar cos gobernos os contratos que regulaban a propiedade da palabra. Neles estipulábase que un goberno recibiría un canon por cada palabra que fose dita ou escrita por calquera dos seus cidadáns. Parecía un negocio redondo, que nin requiría esforzo nin contaminaba. Desafortunadamente, ninguén leu nin entendeu a letra pequena do contrato.
Suscríbete para seguir leyendo
- Dimite en bloque el equipo directivo del instituto de Carral por la implantación de la FP Básica
- 8-2 | El Liceo sirve caviar y champán en el primer paso hacia el título de OK Liga
- Arteixo comienza las expropiaciones para el proyecto peatonal en la carretera de Loureda a su paso por Ervedíns
- Liceo-Igualada: La batalla por la gloria de la OK Liga arranca en el Palacio de Riazor
- La playa de Bastiagueiro en Oleiros celebra 40 años de bandera azul con un reconocimiento único en el Atlántico
- Tranvías ampliará su flota antes de final de año en A Coruña, tras registrar más de 28,5 millones de viajes en 2025: 'Somos clave para construir una ciudad más habitable
- Las perforistas del Banco Pastor, pioneras en informática, celebran su legado en A Coruña
- Romeu Tembrás, del instituto Salvador de Madariaga de A Coruña, mejor nota tras la PAU 2026 en Galicia: 'Sentín un gran alivio despois do gran esforzo
