Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Grupo Naturalista Hábitat

Betanzos: máis conservar e restaurar, e menos urbanizar

O concello de Betanzos, nos seus escasos 24 quilómetros cadrados, acolle zonas de grande interese ambiental: desde parte do encoro de Abegondo-Cecebre, protexido desde o ano 2004 baixo o paraugas da Rede Natura 2000, ata a ría de Betanzos, tamén protexida, sen esquecer decenas de quilómetros de cursos e ribeiras fluviais extraordinariamente biodiversos. A propia vila de Betanzos ten o privilexio de estar «abrazada» fisicamente polos treitos baixos dos ríos Mandeo e Mendo, tamén integrados na Rede Natura 2000, e que aínda conservan exemplos de hábitats de interese comunitario como os bosques de amieiros e freixos, xoias naturais de conservación prioritaria.

Con todo, durante moitas décadas, os representantes públicos consentiron innumerables accións agresivas co medio, degradando ambientes naturais e autorizando urbanizacións en lugares inaxeitados. Claros exemplos son as naves do Porto, en terreos de marisma asolagable que deberían ser de xestión pública. Tamén as naves do Carregal de Betanzos foron autorizadas sobre xunqueiras inundables, e mesmo mazás enteiras de edificios das veigas do Mandeo e Mendo foron levantadas ignorando o perigo das avenidas de auga. A Ribeira ven sendo cabeceira recorrente de noticiarios polos asolagamentos que se producían (e producen) cando o Mendo e o Mandeo veñen con caudal abondoso e coinciden coa pleamar en mareas vivas. Realmente, hai centos de edificios no concello de Betanzos en perigo por avenidas de auga dentro das chamadas «Zonas de Fluxo Preferente», que coinciden aproximadamente coa «t=100», isto é, áreas afectadas por ao menos unha enchenta cada 100 anos.

Zonas asolagables de Betanzos

Zonas asolagables de Betanzos / LOC

Pero o caso do Porto, A Ribeira e O Carregal é especialmente grave: o período de retorno de asolagamento da maior parte destas áreas é de t=10 ou mesmo t=5, como puido comprobar o Grupo Naturalista Hábitat en documentación dispoñible publicamente, e que sintetizamos na figura adxunta. As zonas grises arredor do Mendo e do Mandeo son asolagables. Canto máis escura sexa a cor gris, menor é o período de retorno. A cor gris media representa a t=10, e é maioritaria en toda a zona. Os edificios sinalados en negro son os máis vulnerables a asolagamentos.

Como é posible que se manteña a actividade industrial nestas zonas inundables cada poucos anos? Como se pode validar a urbanización con vivendas de parcelas que con periodos de recorrencia de asogalamento de dez anos ou menos? Semella que esquecemos o que pasou en Valencia en outubro de 2024… Máis aínda: como é posible que un documento de planificación pública ignore o progresivo aumento do nivel do mar e o (previsible) agravamento futuro das inundacións?

O Porto, A Ribeira e O Carregal de Betanzos non debería ser zonas a urbanizar con vivendas, nin sequera serven para soster o actual arquipélago de naves industriais, galpóns e outros edificios. Estas zonas deberían ser unha Área de Restauración Ecolóxica (ARE), ao amparo do Regulamento de Restauración da Natureza europeo (Regulamento 2024/1991), e poder así optar a fondos europeos para restaurar xunqueiras, rehabilitar marismas intermareais e recuperar hábitats naturais de ribeira. Unha verdadeira «zona verde» para o goce de betanceiros e betanceiras.

En relación con isto, o propio pleno municipal manifestouse recementemente e por unanimidade a favor de iniciar a creación dunha ARE no Porto, A Ribeira e o propio Carregal. Entón, restauramos ou urbanizamos? Vendo como o bosque de ribeira do treito urbano do Mendo está a ser destrozado sen xustificación científica, en plena época de cría de especies protexidas e sen ningún plan de xestión de plantas invasoras, moito tememos que o futuro de Betanzos vai abrazar o ladrillo e non a biodiversidade, de costas aos ríos que aínda abrazan a vila.

Tracking Pixel Contents