Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Marta Lois

Marta Lois

Decana da facultade de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago de Compostela

A xeración desconectada: o novo absentismo universitario

Houbo un tempo no que ir á universidade era moito máis que asistir a clase. Era pasar horas nos corredores das facultades, discutir na cafetería do campus, coñecer persoas distintas, asistir a conferencias e descubrir ideas novas, organizarse, adquirir unha conciencia política. A universidade pública era tamén unha forma de vida, un punto de inflexión cara a vida adulta.

Nos últimos anos algo está a cambiar silenciosamente: cada vez hai menos alumnado nas aulas, menos presenza sostida, menos vínculos entre iguais. A Universidade segue enchendo as matrículas, pero cada vez está máis baleira de experiencia universitaria. Por que se habita tan pouco a universidade?

Como chegamos a normalizar aulas medio baleiras apenas unhas semanas despois de comezar o curso? Que aconteceu para que tantos estudantes vivan a universidade como un espazo de paso, case administrativo, sen sentimento de pertenza nin implicación colectiva, nin gran esforzo individual?

Probablemente, a transformación non é casual nin responde a unha única causa. Hai unha combinación de factores económicos, culturais e tecnolóxicos que están a modificar profundamente a relación do estudantado coa realidade universitaria. Moitos mozos e mozas compatibilizan estudos e traballo precario; outros afrontan longos desprazamentos diarios ou dificultades de acceso á vivenda nas cidades universitarias. A precariedade rouba tempo, enerxía e dispoñibilidade para habitar o campus.

Mais hai tamén unha mudanza cultural máis fonda. A pandemia acelerou dinámicas de individualización e hiperconexión dixital que xa estaban presentes. O estudantado actual pode acceder aos materiais desde casa, seguir clases gravadas, preparar exames en solitario e relacionarse a través dunha pantalla. A universidade física deixa de parecer imprescindible. Canto máis conectados están dixitalmente máis lles costa manter a atención e o contacto persoal nas aulas. E cando desaparece a presencialidade, desaparece tamén algo máis difícil de medir: a construción de comunidade.

Aulas baleiras son vínculos rotos. Porque o problema non é só académico. O campus xa non ocupa o lugar central de socialización, debate e aprendizaxe compartida que tivo durante décadas. Hai universitarios sen universidade: estudantes que obteñen un título, pero apenas constrúen unha experiencia colectiva, intelectual ou vital arredor dela.

Tamén as propias institucións debemos preguntarnos que responsabilidade temos neste proceso. Que tipo de docencia ofrecemos? As aulas seguen sendo espazos estimulantes de pensamento crítico e coñecemento ou convertéronse en rutinas escolares pouco conectadas coa realidade do alumnado? Pode sorprender o absentismo cando tantas veces se transmite a idea de que o importante é unicamente aprobar, obter créditos, un título e competir?

A universidade perde estudantes antes de perder matrículas. E quizais esa sexa a advertencia máis seria. Porque o deterioro non sempre aparece nos indicadores oficiais. Continúan chegando alumnos, alumnas, expídense títulos, mantéñense estatísticas aceptables. Pero, mentres tanto, prodúcese unha erosión silenciosa da experiencia universitaria como espazo de convivencia democrática, pensamento crítico e mobilidade social.

Tal vez estamos asistindo á morte lenta dunha determinada idea de universidade. Non porque a educación superior deixe de ser importante, todo o contrario, senón porque cambia o modo de vivila. A cuestión é se estamos dispostos a aceptar esa transformación con resignación ou se aínda queremos defender universidades públicas cheas de vida, de ciencia, intercambio, coñecemento e de presenza humana.

Porque unha universidade sen estudantes nas aulas pode seguir funcionando administrativamente. O que xa non está tan claro é que siga sendo universidade no sentido máis profundo da palabra.

TEMAS

Tracking Pixel Contents