Opinión | Olladas ao país
Dépor de primeira; Riazor maior de idade
A Coruña completará, nesta primavera de 2026, a viaxe máis necesaria e hixiénica da súa historia contemporánea: o tránsito definitivo do búnker localista á vangarda da afirmación nacional, que agardemos coincida coa volta onde pertencemos. Á División de Honra do fútbol profesional do Estado español.
O anuncio por parte do Consello de Administración do Real Club Deportivo da apertura dunha consulta vinculante para axeitar o nome da institución á toponimia oficial —Real Club Deportivo da Coruña— non é un simple trámite administrativo. É un fito político e sociolóxico de primeira magnitude, un actuario que certifica o solpor dunha época e a eclosión dunha nova maioría social.
Aquel vello coruñesismo dos anos oitenta, unha sorte de blaverismo atlántico que utilizaba o «La» e o resentimento fóbico contra a Compostela de tod@s como ferramentas de exclusión, hoxe bota os dentes diante unha realidade que xa non pode conter. A misiva manuscrita coa que o exalcalde Francisco Vázquez pretendeu soster as murallas dese búnker agonizante, cualificando a consulta de «grave falta de respecto», non é máis que o eco melancólico dun tempo superado. Fronte a esa inercia asimilacionista, o Dépor actual asume, sen traumas nin complexos, a súa vocación de grande embaixador global dunha Galicia moderna, orgullosa de seu e cosmopolita.
Neste escenario, o galeguismo político e social non ha temer á consulta (xuridicamente innecesaria tendo en conta a maioría abafante de Abanca no capital social). Todo o contrario. Lonxe de representar un risco ou unha innecesaria concesión á submisión do plebiscito, este proceso habería ser a primeira de moitas consultas en Galicia a prol da identidade e da lingua. Vai ser a confirmación de que a hexemonía cultural mudou de bando. Cando a mocidade estudantil do IES Rafael Dieste impulsa a campaña #ODéporéDaCoruña dentro do proxecto #Aquítaménsefala, non está a facer filoloxía de laboratorio; está a exercer unha soberanía de vida que as bancadas de Riazor asumiron como mainstream. A fenda xeracional inverteuse: hoxe son os mozos os que lideran a descolonización lingüística fronte unhas elites envellecidas que entenden a cidade como parte dos seus negocios e non como un espazo de convivencia ética.
Esta «vía galega» que o Dépor ensaia no terreo dos símbolos conecta de xeito directo coas grandes correntes de afirmación que hoxe abanean o espazo atlántico. Así como Escocia e Gales veñen de erguer un muro soberanista contra a demagoxia uniformadora de Westminster, convertendo os seus parlamentos en ferramentas de autodefensa, A Coruña demostra que o orgullo local e a conciencia nacional son indisolúbeis. O futuro da cidade escríbese —tamén— en galego.
O Dépor atópase ás portas do ascenso, mais o trunfo non será total se non reforma a súa norma estatutaria bautizando o club como queren a cidade, a área urbana e o país nos que se insire e aos que pertence. A consulta vinculante dálle unha lexitimidade democrática esmagadora á galeguización, que as institucións corporativas ratificarán xuridicamente modificando o artigo 1 dos Estatutos do club coruñés. Esta consulta é o prólogo dun tempo novo en Galicia. Riazor di non á xenreira e á submisión uniformadora e reclama, xa, a súa maioría de idade.
Suscríbete para seguir leyendo
- La número dos de la Fiscalía gallega vuelve a casa tras 28 años: “La Fiscalía es esencial para defender la legalidad”
- El Deportivo y Ferllo se dan un año para renovar los votos
- La histórica ruta a Londres-Heathrow que A Coruña perdió en favor de Santiago dejará de operar este invierno
- Tres jóvenes investigadoras de la Universidade da Coruña, premiadas por su trayectoria en IA, energías renovables y sostenibilidad
- Los 13 intocables del proyecto: la base del Deportivo de Primera División
- Hugo Mareque deja Compañía de María y ficha por el FC Barcelona: «Si quiero llegar a lo más alto, tengo que salir de mi zona de confort»
- El Estado prepara la factura del sobrecoste de Alfonso Molina, en A Coruña, y tramita la fecha de finalización definitiva
- Borja Fernández deja la UD Ourense y Rubén Díez ficha por el Real Zaragoza
