Opinión
O anacronismo colonial do Día das Forzas Armadas en Vigo
A celebración do Día das Forzas Armadas en Vigo na vindeira fin de semana non constitúe unha mera rotación protocolaria da loxística estatal. Estamos, en realidade, diante dunha operación de asalto ideolóxico de marcado carácter colonial, unha exhibición de forza que quere utilizar a fachada atlántica de Galicia como un simple decorado para o lucimento dun reseso patrioterismo español de fasquía uniformadora e centralista. Converter o espazo público da maior urbe galega, cidade de fonda raizame emprendedora, canda obreira e mariñeira, nun escaparate para as demostracións de forza supón un exercicio de militarismo rancio cuxo custo económico é inxustificábel. Trátase dun abuso do gasto público improdutivo no contexto de severas limitacións para os nosos servizos públicos, onde as prioridades urxentes haberían ser cuestións fulcrais como o saneamento das rías ou o investimento en atención primaria e dependencia, e non a pirotecnia belicista ditada dende Madrid.
Porén, a contestación a estes fastos caducos por decimonónicos ha de se artellar dende unha lectura en clave de país que distinga entre a futilidade das demostracións patrioteiras de rúa e ría e as necesidades estratéxicas do noso tecido produtivo nun contexto internacional convulso. Fronte á actual fragmentación de vinte e sete exércitos estatais na Unión Europea —unha anomalía histórica que actúa como unha sucesión de reinos de taifas ineficientes—, Galicia ha defender a urxencia e necesidade dun único exército europeo. Esta estrutura militar común non ha servir para a expansión imperialista nin para priorizar as capacidades ofensivas de intervención global, senón que debe definirse estritamente cara á defensa do territorio continental e cara a tarefas de protección civil e seguranza compartida. Un exército europeo único é a única ferramenta viábel para nos independizar progresiva, mais resoltamente, da submisión estratéxica e industrial dos EUA. Un exército europeo único é a única vía para rendibilizar os investimentos en defensa de cada taifa de xeito que non reduzan o Estado do Benestar.
Neste novo deseño dunha Europa autárquica e soberana, a participación da industria galega pode ser estratéxica. Os nosos estaleiros na ría de Vigo e en Ferrolterra, xunto cos polos tecnolóxicos e de automoción de vangarda, posúen unha vocación natural de provedores de alta cualificación. Galicia ten a capacidade de liderar a construción de buques de protección civil, vixilancia marítima, salvamento e apoio loxístico, transformando a nosa intelixencia produtiva nun activo de progreso e emprego de alto valor engadido, en lugar de sermos tratados como o «patio traseiro» loxístico do Ministerio de Defensa español. Esta vía galega para a defensa comunitaria sitúa o noso saber facer industrial ao servizo dun proxecto de paz e solidariedade europea, superando a dialéctica colonial que hoxe nos condena a ver como o talento mozo segue a marchar mentres os tanques de Madrid desfilan polos peiraos vigueses.
A Galicia de 2027 debe mirar cara ao futuro sen complexos nin tutelas. O sábado 30-M as rúas de Vigo berrarán contra o espellismo dun militarismo español que nin nos protexe nin nos representa, reafirmando que a verdadeira seguranza non se constrúe exhibindo fragatas dende a ría para o aplauso da extrema dereita e dereita radical de Madrid, senón artellando unha soberanía tecnolóxica, industrial e civil común que nos faga donos do noso propio destino.
A arrincadeira. Máis Galicia no fútbol estatal
A recuncada do Celta na Europe League 2026-27 e mailo ascenso do Dépor amosan a fortaleza do fútbol profesional galego e ratifican o suceso deportivo dunha xestión que, ademais (dun xeito claro e potente no caso vigués, máis dubitativo no coruñés) ten virado a prol de vincular Celta e Dépor á lingua, cultura e identidade nacional de Galicia.
Suscríbete para seguir leyendo
- La panadería de Carballo que conquista desde 1948: 'La gente congela nuestro pan cuando nos vamos de vacaciones
- Así te contamos el Liceo - Igualada, segundo partido de la final de la OK Liga
- Primera oleada del verano por Yeremay: la táctica del Sporting para llevárselo del Deportivo
- Las 4 mejores playas de A Coruña y alrededores: con bandera azul, arena fina y protegidas del viento para huir del 'nordés' este verano
- A Coruña marcó la temperatura más alta de España a las 13.20 horas con 35,7 grados
- Carbugal proyecta una nueva gasolinera en A Coruña en el parking del antiguo Mercadona en Marineda City
- El horizonte de los jóvenes con mejores notas en la PAU en Galicia: entre la vocación y la necesidad de estabilidad laboral
- El Liceo busca el segundo golpe a la OK Liga frente a un Igualada sin red
