Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | O Grupo Hábitat opina

Cosme Damián Romay | Cousido é biólogo e membro do Grupo Naturalista Hábitat

Sobre os problemas ambientais dos parque eólicos

Parque eólico en Galicia.

Parque eólico en Galicia. / Julián Vázquez

Galicia está virtualmente chea de aeroxeradores eólicos. Son máis de 4.000 na nosa terra, nunha superficie inferior aos 30.000 quilómetros cadrados. Por poñelo no contexto da ventosa Europa occidental, a República de Irlanda ten esa cifra de turbinas eólicas pero nun territorio de 70.000 quilómetros cadrados. A Bretaña francesa ten menos de 800 aeroxeradores nunha superficie (terrestre) algo maior que a galega.

Pero cómpre subliñar que a intención última das empresas do ramo, co apoio do Goberno galego, é construír máis «parques eólicos» (léase polígonos industriais eólicos), con novas turbinas, que ocuparán as escasas montañas libres destas instalacións. Ademais, a repotenciación eólica propiciará aeroxeradores xigantescos de máis de 200 metros de altura: un maltrato á paisaxe vendido como «un mal menor».

Mortes por colisión de aves e morcegos coas pás que seguirán sendo «un lamentable dano colateral» para o sector eólico. Ducias de quilómetros de novas pistas en montañas antes intactas, que fragmentarán hábitats de interese europeo para a conservación, e suporán o atropelo de fauna protexida. Novas liñas de alta tensión que surcarán o territorio galego, banalizándoo e provocando a morte por colisión e electrocución de aves protexidas.

Deixando de lado as polémicas relacionadas coa «recolocación» exprés de xuíces que asinaron sentenzas desfavorables para o lobby eólico, pode dicirse que boa parte da sociedade galega está a mostrar un crecente rexeitamento, xa non só a proxectos eólicos concretos, senón tamén a unha estratexia de greenwashing apresurado de decenas de polígonos industriais eólicos extraordinariamente lesivos para o medio natural. Os beneficios son para as empresas do ramo, os prexuízos para a natureza galega. Enerxía exportada lonxe de Galicia, hoxe terra de sacrificio.

Agravando isto, hai intención de instalar centos de aeroxeradores no mar, a decenas de millas da costa, con prexuízos máis que probables sobre poboacións de aves mariñas e cetáceos. Monstros flotantes que deixarán impactos difíciles de rastrexar.

En resumo, un panorama escuro, do que se vendeu como unha «enerxía verde», e que sería necesario repensar profundamente.

Conclusión: Hábitat subliña os problemas ambientais (como a mortalidade directa e a degradación de hábitats e da paisaxe), sociais (rexeitamento xeralizado dos parques eólicos) e mesmo económicos (perda de valor da paisaxe galega, e escaso retorno económico polo sacrificio ambiental) da actual industria eólica en Galicia. Propón, porén, un cambio de modelo: menos polígonos industriais eólicos e máis autoprodución nas vivendas, equipamentos municipais, polígonos industriais,... alí onde se necesite a enerxía. Desbloquear as patentes de turbinas sen aspas, funcionais mesmo en zonas habitadas e sen apenas impacto ambiental. Eliminar aeroxeradores de espazos naturais protexidos e non instalar ningún fronte ao litoral galego. Verémolo algún día?

Tracking Pixel Contents