Opinión | Olladas ao país
O traspaso da AP-9 e as escusas de mal pagador do PP
A parálise institucional e o tacticismo partidista volven amosar a alarmante falla de ambición nacional que aferrolla ao Goberno galego. O recente acordo parlamentario acadado no Congreso entre o BNG, o PSOE e Sumar para desbloquear o traspaso integral da autoestrada AP-9 a Galicia constitúe, sen dúbida, un fito xurídico e político de primeira magnitude. Porén, a inmediata negativa do Partido Popular de Alfonso Rueda a apoiar o texto —aducindo unha suposta falla de garantías financeiras— non resiste unha análise técnica rigorosa. Estamos ante un flagrante ataque de ciumes políticos, unha rabeira partidista de quen prefire que Galicia siga discriminada polo centralismo viario antes que admitir un logro histórico liderado pola oposición soberanista. É o eterno retorno do conformismo dependente: preferir o queixume estéril de provincia antes que asumir as responsabilidades inherentes ao exercicio real do autogoberno.
A análise obxectiva do texto pactado desmonta por completo o relato do medo e das supostas «cláusulas trampa» que a Xunta e o PPdeG tentan sementar na opinión pública galega. O PP xustifica o seu voto en contra afirmando que o acordo desprotexe a Facenda galega ante unha hipotética declaración de nulidade por parte de Bruxelas da prórroga da concesión a Audasa até o ano 2048. Mais este argumento é falso de toda falsidade, pois o acordo consagra de vez o principio de separación temporal de cargas: o Estado asume todas e cada unha das obrigas económicas que teñan a súa orixe en decisións adoptadas durante o período no que desenvolveu a competencia e o Poder galego a mesma responsabilidade dende a efectividade do traspaso dos servizos adscritos á competencia. Tendo en conta a escandalosa prórroga de vinte e cinco anos decretada no seu día por Aznar, calquera futura sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea ou do Tribunal Supremo (que arestora tramita o recurso da patronal galega de transporte de mercadorías por estrada Apetamcor para acadar a nulidade desta prórroga e da antecedente do goberno socialista de González) xerará consecuencias xurídicas directas de cadanseus actos estatais previos ao traspaso. Xa que logo, a Administración do Estado seguirá a ser o único responsábel patrimonial das resultas da nulidade ou ilegalidade das devanditas prórrogas.
O que en realidade incomoda ao PPdeG e ao presidente Rueda é a asunción da maioría de idade política que o texto esixe de Galicia. E o que o motiva para este indigno espectáculo de ciumes é manter aceso o lume da táctica de confrontación permanente do bloque madrileño, malia que sexa no sacrificio do interese xeral deste país. Velaí que Galicia non poida seguir aturando que as súas infraestruturas vitais sexan tratadas como un campo de batalla partidista nin como un taboleiro onde o bipartidismo dirime as súas disputas de poder estatal. A cidadanía galega merece unha actitude digna, un patriotismo cívico e de vangarda que saiba recoñecer os avances cando se producen e que actúe con valentía para liquidar dunha vez por todas o espolio das peaxes. Rachar coa estafa de Audasa dende a xestión directa en Galicia non é ningunha utopía, senón unha urxencia democrática que o seguidismo de Rueda non poderá frear.
Suscríbete para seguir leyendo
- El ingeniero que dejó Inditex para crear desde A Coruña la empresa que ordena la inmigración laboral
- La librería de A Coruña con libros hasta en el techo: 'Aquí dentro parece que estás en un submarino
- Alejandro Sanz siempre triunfa en A Coruña
- La Vía Verde se somete a examen este verano en Cerceda: 'Nosotros éramos ferroviarios y pasamos por aquí millones de veces, pero caminando es otra cosa
- El rincón más inglés de A Coruña es una floristería al aire libre y lo cultiva una vecina de A Zapateira: 'A veces empiezo a las diez y salgo a las once de la noche
- El bar de Monelos que ya vende 46.000 tortillas en A Coruña: 'Tardamos 7 años en llegar a la receta
- Aubameyang participa en su primer entrenamiento con el Deportivo en Abegondo
- Riazor, el arenal que forma parte de la vida cotidiana de A Coruña: 'Es la playa de ciudad por excelencia
