Opinión | Retallos do labirinto

Investigador da cultura galega
Un 16 de xuño de 1904, o rememorado ‘Bloomsday’ dublinés

Imagen James Joyce (de pé) e Oliver St. John Gogarty (sentado) no exterior do famoso bar The Oliver St. John Gogarty, ubicado no Temple Bar, en Dublín
Non vén mal, como conta a lenda que fixo Ith e Breogán dende o cabo do mundo da Galiza, mirar cara ao océano e buscar Irlanda e o panceltismo, como fixeron os nosos románticos.
E nesa espiral, que se di céltica, a que reporta a busca das orixes, da orixinalidade é de valorar a quen ten a habilidade do maxín para engrandecer cidades, aldeas, lugares con roteiros en relación coas súas xeniais creacións. E cavilamos no itinerario da novela A Esmorga de Blanco Amor por Ourense, ou na de Valle-Inclán, Luces de Bohemia, recorrido nocturno por Madrid, La Noche de Max Estrella... E máis puideramos argallar coas Memorias dun neno labrego de Neira Vilas polo Grés das ribeiras do Ulla; ou mesmo lembrando a película de Amenábar Mar adentro, polos lugares da vida, do parapléxico Ramón Sampedro.
Creacións que poñen a proba o poder de sedución, a capacidade de revalorizar sitios, o seu tempo, para amalos ou mesmo para odialos, segundo o argumentado. Algo que mesmo atopamos no Quixote, nas súas andanzas pola Mancha, igual que significaron para Rosalía de Castro as ribeiras do Sar. E cavilo no Moguer do Platero y yo de Juan Ramón Jiménez ou en Camilo José Cela na súa obra a Familia de Pascual Duarte, este, pola contra, destapando ambientes sórdidos, de incultura nos que medra a traxedia. A obra de Cezanne no devalar do provenzal Monte de Santa Victoria... o que fixo a banda musical The Beatles coa londinense Abbey Road ou en Liverpool...
No fondo do que vimos dicindo está a revolución creativa que supuxo nos anos que abrían ao modernismo a novela do escritor dublinés James Joyce, o Ulises. Obra que nace da ansia pretensiosa que non nega o seu autor, a de meterse na vangarda literaria, desexoso de ser entre os diferentes, de dar que dicir, e consígueo. Páxinas onde importa a rotura, a creatividade, a estética. Proba de que a arte nunca morre.
O Ulises é novela non apta para todos, como tampouco o son algunhas obras galegas, por exemplo de Otero Pedrayo, escritor que ben coñecía a obra do inadaptado dublinés, mesmo até ser o primeiro que o traduciu na península ibérica e en idioma galego, dándoa a coñecer por capítulos na revista Nós. Obra do Ulises talentosa, artesanal, cosida con paixón por parte dun escritor arrevesado, revolucionario, que trama e ansía o xogo entre escritor e lector.
Non faltan manuais de apoio, cursos, conferencias para enfrontarse á lectura. Velaí, Ulises. Claves de lectura (2014) do escritor bonaerense Carlos Gamerro. Novela de Joyce de voluminoso tamaño, o que xa asoballa, ítem máis de lectura que non resulta fácil, tampouco axudan as traducións, pese a que, ano tras ano son mais coidadosas, igual que as edicións que incluirán introducións biográficas e mesmo guías para a súa lectura.
Quitar as orelleiras para enxergar esa odisea urbana que é o ‘Ulises’ de Joyce
Como recomendación para enxergar os retrogustos dos 18 capítulos do Ulises, compre pois quitar as orelleiras, fender co ritmo, con rutinas e mecánicas de lectura. Por favor, non se busque un estilo dominante, nin un argumento convencional. Debe entenderse que esta obra é como un collage cubista... que na medida que se avanza na lectura vaise collendo perspectiva e decatándose da visión aérea, do tramado deste referente experimento literario. Así iremos atopando un universo oculto, paralelismos, simbolismos... Pois todo é diferente e require o seu ritmo, adaptar o tempo, os sentidos a cada intre.
Obra que comporta enfrontarse a un mesmo, a que tamén nos pon a proba por tentalo. Algo para tomar a modo, como quen bebe un viño de soleira, poñendo nel todos os sentidos até toparlle os retrogustos, na medida que un vai avanzando, afacéndose ás mudas, aos revires que o autor lle dá á narración, sintonizando coas cambiantes regras de xogo do seu autor.
Roteiros de cultura que lle suman pouso a lugares, a cidades. Convite a poñer os pasos onde os puxeron personaxes creados polos seus autores, para camiñalos e rehabilitar a cultura. Pois velaí o exemplo de Dublín, cidade portuaria atlántica, a que coida e promociona os escenarios literarios, artísticos, os seus pubs, onde se valora o pouso das orixes. Mentres que por aquí, tan sobrantes e rebordados de patrimonio cultural, deixamos esvaecer o encanto de sitios nos que se ambientaron obras de arte, inspiradores locus amoenus, do que asasinamos ao seu genius loci. Véxase o estado da cuestión da taberna na mariña coruñesa creada por Lugrís na rúa dos Olmos 25, O Fornos, decorada para cultivar o noso espírito atlántico, a ascese de sabios nautas, seguidores de Breogán, de Ulises, de Jacsón, de Xosé de Arimatea levando o Grial, de Barandan, do San Amaro, de Trezenzonio... Proba de que navegare necesse este, vivere non é necesse, como na Ítaca de Kavafis... e moito máis neste enguedello literario.
A espiral da capacidade creadora nunca morre, morre quen crea
Novela do Ulises que impactou e incentivou a mozos que seguían a moda A´rebours (contrafío) que propuña Huysmans, os raros que dicían e imitaban os dandis portugueses, os diferentes, inadaptados que aguilloarían ao modernismo galego, como o grupo Nós.
Cada 16 de xuño, dende o mecer á noitiña, o Dublín que sabe contar e cantar, iso que se aprende e cultiva nos seus pubs, celebra o Bloomsday. Xornada na que se lembra a Leopold Bloom, o protagonista o Ulises, cidadán casado con Molly Bloomm, a súa Penélope, onde asoma Stephen Dedalus, como Telémaco, alter ego do mesmo Joyce. Asuntos ben sabidos polo adiantado Vicente Risco que mesmo recrea sobre o tema, pondo a Dedalus en Compostela.
Singular novela do Ulises, a historia dun día, o 16 de xuño do 1904, no que o escritor coñece a Nora Bernacle, a que logo sería a súa esposa. 18 capítulos nos que se reparte o argumento da novela. Momentos da existencia de diversos cidadáns de Dublín, cada un deles dedicado a persoeiros da Odisea, o primeiro a Telémaco, o penúltimo a Ítaca, o derradeiro a Penélope. Abonda na vulgaridade, na xente de barrio, sen refinamento. Cada un destes capítulos integralmente diferente en fondo e forma, mesmo na puntuación. Para resultar como unha nova Biblia, artillada con diferentes xeitos de textos, como de diferentes autores e épocas, mesmo contraditorios. Nova odisea urbana, entre outros retos, sereas, cíclopes e tentacións que asoman nun xeito de mitoloxía homérica oculta.
Celebración de sona cada 16 de xuño en Dublín, onde os concorrentes se visten de decimonónicos dubliners, á moda eduardiana e das diferentes clases: elas de saias até os botíns, marcando os cadrís, axustados corpiños de bordados e puntillas, sombreiros, parasoles... Eles, cos seus chalecos e sobre deles o brillo da leontina, os señores cubertos de bombín, os obreiros con gorra de repartidor... Seguindo os capítulos da novela, comezando o recorrido pola Torre Martelo, na beiramar de Sandycove, arrabaldes de Dublín, hoxe convertida en museo, a The Joyce Tower. Inicio coa solemnidade dunha misa ou dunha ópera : «Maxestuoso o bandulleiro Buk Mulligan aparece polo oco da escaleira, portando unha bacía chea de espuma e sobre dela un espello e unha navalla de afeitar cruzadas. Un batín marelo, desatado, o que ondulaba delicadamente ás súas costas polo airiño apracible da maná. Ergueu a bacía e entoou un: Introito ad altare Dei». Rematando no capítulo 18, cun texto sen puntuación, homenaxe a un feminino si quero.
Parando en 37 puntos, nos pub, bebendo cervexa e xantando os enxebres rils... pasar por telégafos, a Libraría Nacional, o Phoenix Park, o Ormond Hotel, e finalizar en Eccles Street...
O Ulises merece lerse máis dunha vez, atoparlle o seu obxectivo, fender esquemas e abrir novos camiños na capacidade creadora. E a irmán Dublín sempre nos espera. Brindemos e vivan pois as vellas tabernas literarias, os creadores e creadoras que souberon ambientalas.
Suscríbete para seguir leyendo
- Los abuelos de A Coruña al rescate de sus hijos para cuidar a sus nietos: 'Es una experiencia que te devuelve con creces lo que aportas
- El bocadillo de A Coruña que inventó un niño en Monte Alto llega a la Marina: 'No fui un visionario, solo tenía hambre
- Beatriz Padín deja Inditex, la 'mano de diseño' de Zara Woman y una de las personas de confianza de Amancio Ortega se despide tras años de trayectoria
- Las peñas del Deportivo se manifestarán contra la subida de precios y las condiciones de Marathon Inferior: 'Supondrían la desaparición del alma de Riazor
- Un asador histórico de la comarca aterriza en el Orzán de A Coruña: 'Lo seguimos haciendo todo como hace 30 años
- ¿Quién es Beatriz Padín? La «hija adoptiva» de Amancio Ortega y mentora clave de Marta Ortega en Inditex
- El pueblo de A Coruña para probar un pulpo único este sábado: 3.000 raciones, verbena y un entorno ideal para recorrer a pie
- Santiago se adelanta en la captación de rutas áereas y Alvedro sigue a la espera con menos vuelos que hace un año