Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | O Grupo Naturalista Hábitat opina

Cosme Damián Romay Cousido

Sobre o pasado, presente e futuro das illas Sisargas

Mañá, 15 de xuño, fanse 78 anos da segunda visita, e a máis importante, do ornitólogo Francisco Bernis Madrazo (1916-2003) ás illas Sisargas. Nesta expedición obtivo o groso de información das aves mariñas nidificantes, que serviron para definir a riqueza ornitolóxica deste arquipélago de Malpica de Bergantiños. 830 gaivotas patiamarelas, 660 araos dos cons, 95 corvos mariños de dúas especies e cadansúa gaivota escura e lampareiro eurasiático, foi o resultado do censo das aves mariñas. Tamén anotou 16 especies de aves terrestres alí.

O relato das visitas de Bernis ás Sisargas plásmase in extenso no magnífico libro Las islas Sisargas en 1948. Dos visitas ornitológicas, editado por Antonio Sandoval e Xosé Manuel Varela da man de Embora. Moito cambiaron as illas nestes 78 anos: deixando de lado os cambios nas abundancias de aves terrestres e da propia paisaxe da illa, cómpre subliñar que as gaivotas patiamarelas experimentaron un fulgurante aumento poboacional desde os 830 individuos de 1948 ata case 26.000 (en rigor 12.995 parellas) en 1992, para a continuación caer en picado ata pouco máis de 4.600 (concretamente 2.306 parellas) en 2021 e probablemente menos de 1.000 aves en 2026. Do arao dos cons só quedaban once individuos en 1981, repetindo número en 1989, e caindo paulatinamente ata só tres en 2001. A última evidencia de cría alí é do ornitólogo Xabier Varela, que observou unha parella cun poliño en 2004.

As historias do resto das especies son variopintas, pero sempre con censos de individuos máis modestos que as dúas especies arriba mencionadas. Desde a época de Bernis, comezaron a criar nas Sisargas a gaivota escura (1973), a gaivota tridáctila (1974-1975) e a pardela cincenta atlántica (2007-2008), con tendencias poboacionais variopintas: aumento e posterior declive da primeira, extinción paulatina da segunda, e aparente estabilidade da terceira.

Aparte de aves, poderíase falar da evolución das poboacións de mamíferos, réptiles, invertebrados e flora deste arquipélago hoxe dentro da Rede Natura 2000, con extincións locais dalgunhas especies (por exemplo laverca dos campos) e declives importantes doutras (gralla pequena e algunhas especies de moluscos mariños, entre outros). Especies exóticas invasoras catalogadas como a flor do coitelo tomaron posesión dos altos da illa Grande nas últimas décadas, a crecente contaminación con plásticos no mar e os desembarcos constantes de visitantes na época estival, sen dúbida están a contribuír coa degradación do medio natural deste arquipélago, merecedor dunha maior protección.

Conclusión: Hábitat segue comprometido co estudo e conservación das illas Sisargas, suxerindo a súa inclusión nun futurible e desexable «Parque Natural da Costa da Morte», que blinde a protección do treito litoral entre Baldaio e cabo Vilán. Solicitamos, en todo caso, que as administracións públicas fagan cumprir as leis ambientais, e permitan vislumbrar un futuro brillante para este arquipélago malpicán.

Tracking Pixel Contents