Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Retallos do labirinto

Felipe Senén

Felipe Senén

Investigador da cultura galega

‘Polo San Xoán a sardiña molla o pan’

Os imperios buscaron como símbolo poderosos animais, o león, a aguia, o oso, o xabarín, a cobra... versus os pobos que elixen animais humildes, os que acompañan o cotián. E velaí o mar ofrecendo infindos motivos e símbolos sobre os que recrear. Peixes cargados de suxestións para quen saiba enxergar: as súas dinámicas e extraplanetarias formas, cores, a súa actividade... Cavilo en Maruja Mallo, como en Francisco Miguel e sobre todo en Lugrís, como no pintor e gravador Xulio Prieto Nespereira, os que atoparon na xeometría da flora e da fauna submarina, un poético cosmos asolagado. Manuel María ten un necesario traballo destacando a presencia do mar na poesía galega (Revista Inter. de Estudios Vascos, 1991 S. Sebastián).

 Sendo a sinxela silueta, elemental, comunal e prateada da sardiña, noutrora xantar de pobre un dos máis representativos temas do mar. Até mesmo poder ser símbolo e bandeira da Galiza oceánica, da tradición e do traballo. Como ben soubo o cristianismo facer do peixe o seu símbolo: o IXZYS grego, siglas que son acróstico de Cristo, iniciais que significan Iesus Xristo de Deus fillo e Salvador. Letras que conforman os radios da cristianizada roda cósmica, o Crismón.

Para Castelao a sardiña é a raíña e o ouro do mar de Galiza, pesca e alimento que matou moita fame: asadas, en escabeche, afumadas ou tamén enlatadas en conserva. Incluíndo o peixe nunha santísima trindade da riqueza de Galiza: a árbore, a vaca e o peixe, do que na meseta soio coñecen as momias de sardiña en ataudes de folladelata ou en tambores de madeira.

Sendo a comunal sardiña asada, a que canta na grella cando chega o tempo do San Xoán, a celebrada entre as ardentes cinzas de murchas ramas de vide, para xantalas untando o pan de boroa e para maior pintoresquismo, acompañadas dun viño en cunca.

A sardiña, noutrora con excedente de pesca, permitindo a patróns ofrecerllas en doazón a igrexas, símbolo de fartura para as casas humildes. Peixe viaxeiro, que se move en bancos, ronseis que denuncian as gaivotas que os perseguen. Alimentadas polos nutrientes e as sales dos mares de dentro que din os paisanos, as rías. Sendo as sardiñas de abril e maio, pequenas, as xoubas ou parrochas, nome que o ilustrado coruñés Cornide relaciona co Parrote, o porto coruñés, conformado por emparrados para tender e reparar as redes. Mentres que en Compostela chámaselle xouba, nome que pon en semellanza co anchois francés.

A sardiña, símbolo de tradicións mariñeiras

E ben sabe o Portugal fidalgo e soñador canto vimos dicindo, como sumar aos seus vellos e abundantes símbolos heráldicos e relixiosos outros, entre eles a sardiña. Pobo que recolle e aproveita a tradición popular para enriquecerse dos seus símbolos. Velaí o galo de Barcelos, o bacalhau de Aveiro ou as sardiñas de Lisboa. Capital lusa que convoca concursos internacionais de deseño arredor do tema da sardiña para incentivar, a través da arte visual, da imaxe, a súa identidade en publicacións ou souvenirs. Velaí as coidadas tendas de latas de conservas, deseño de autor, atraendo seducindo á clientela por deseño, formas, cores... sempre se buscará un cebo no que picar. O romántico artista e ceramista Bordallo Pinheiro, con fábrica en Caldas da Raínha soubo aproveitar tantos símbolos, para propagar o da sardiña, buscadas pezas polo coleccionismo cerámico.

 Como ben sabe o Lalín que celebra o cocido, facer do porco o seu emblema ou o Carballiño co pulpo... para souvenirs de todos os tamaños, debuxos, cores... Entre esa historia da arte véxanse as pinturas ou esculturas inspiradas nas peixeiras das lonxas portuarias, as do Berbés, Combarro ou Muros... coas sardiñas prateadas sobre as patelas... xogos xeométricos pintados por Manuel Torres, por Carlos Sobrino, por Maside, por Seoane... como ben pintou na súa terra o valenciano Sorolla, as naturezas mortas con sardiña de Picasso, os bodegóns do vasco Ramón de la Sota... as sardiñas e as súas rastas espiñentas levadas polas movidas da transvangarda ás bandeiras do Bravú, como fixo na coruña Xaime Cabanas ou Cabezas... Rastas de peixe, sabia lección de enxeñaría natural, inspiradora para o arquitecto Calatrava, como para as poéticas esculturas prateadas de Brancussi.

Tema no que pousou a sensibilidade de escritores, como Neruda, autor de odas aos manxares que pasan polo templo da cociña; como tamén o fixo Gloria Fuertes: La Sardina Florentina, nai do bocarte “La sardina florentina/ sentadita en su coral,/toca y toa la ocarina/ y todo le sale mal... Non atopo nos trobadores medievais do Mar de Vigo, nin no modernista e mariño Manuel Antonio, nin en Bernardiño Graña, poeta do mar de Cangas, nin en Valentín paz Andrade poeta tamén do mar unha merecida dedicación exclusiva as sardiñas. Si entre o Batallón Literario da Costa da Morte, Alexandre Nerium ofrece versos dedicados á arte de pesca do xeito. ...De cuberta. As sardiñas danzan, choutan...

O ilustrado Cornide Saavedra abriu camiño aos estudos da sardiña

Beiramar de Galiza con abundantes probas de arqueoloxía industrial salazoneira dende a Antigüidade. O que xerou tipos e trebellos de pesca, naves de cabotaxe... Historia de saberes, potencial económico que non fuxiu á curiosidade ilustrada do sabio coruñés Xose Cornide Saavedra, autor da Memoria sobre la pesca de la sardina en las costas de Galicia (1774) abondando na historia da súa pesca e na nutrición, no interese de cataláns no século XVIII e XIX en montar salazoneiras, como sistemas depredatorios coas redes chamadas jabegas, o que critica Cornide, solicitando a intervención real, para que sirvan contener los clamores de los desconsolados gallegos que (víctimas de los catalanes) veian con dolor destruir la herencia de sus mayores, y erradicar de sus costas el patrimonio de sus hijos. Estudo que abriu a moitos outros, como o libro do experimentado patrón de pesca Francisco Eiroa del Rio “Historia y desarrollo de la Pesca de arrastre en Galiza” (1997), ou La Pesca en la Galicia del siglo XVIII (2009) de Andrés Canoura Quintana, describindo tipos de embarcacións, das artes de pesca, como o xeito, a traíña, de redes, sen chumbo... Sen faltar bibliografía sobre o comportamento da sardiña, tal como o de Bill Francois “La elocuencia de la sardina” (2022) ou o do vasco Miguel Arrieta Gallastegui Apuntes gastronómicos sobre la sardina iberoatlántica (2009)...

 Arqueoloxía, etnografía, economía, historia do mar necesaria para coñecer Galiza. E para iso está o Museo do Mar de Galiza, en Vigo... Tamén o Museo Massó de Bueu, colección vinculada ao mar e á conserveira formada por esta familia catalá. E perda que non existan máis museos do mar, como un xeito de pórlle pouso a unha historia inacabada.

Celebrada sardiña nos populares barrios lisboetas da Alfama, da Mourería ou da Bica, nas súas festas de verán, na tardiña do día do San Antonio, fratello natural desta cidade, a que se enche dese fume espeso e pegañento. Grellas asociadas a mesas baixo grilandas e bandeiriñas de cores, música de laude, guitarra, acordeón e verbena. Algo que repite polo san Xoán a cidade do Porto, a que tamén celebra ao carapao, o noso xureliño. Andalucía e o Levante que sofistican tantas tradicións galegas, como a das freidurías de peixe e os chiringuitos, no tempo estival ofrece ensartadas pequenas sardiñas en enxebres espetos.

Sardiña, esencial no queipo de dona Coresma, símbolo que se leva a queimar ao despedir o Entroido, cando o que habería que queimar é ás carnes do porco, pois éntrase nun tempo de muda, das vixilias e do peixe. Sardiña, tan popular en Galicia, noutrora esencial ás patelas, aos portos, aos mercados , ás mesas e aos sabores do verán, a que ben puidera sumarse aos emblemas da Coruña, cidade que sabe asociala á festa do solsticio, cando se conxuntan os Catro Elementos, o San Xoán.n

Tracking Pixel Contents