Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | O Grupo Naturalista Hábitat opina

Cosme Damián Romay Cousido

Sobre as tartarugas mariñas e a protección do mar

O pasado martes celebrouse o Día Mundial das Tartarugas Mariñas, para reivindicar o estudo e protección destes réptiles habitantes dos océanos tépedos e cálidos do planeta, en moitos casos seriamente ameazados. Cómpre subliñar que, nos seus periplos oceánicos de centos de millas náuticas seguindo correntes mariñas, algunhas especies destes quelonios chegan de xeito máis ou menos regular ás costas galegas, nas que se expoñen ao enmallamento e á contaminación.

Este Día Mundial coincide temporalmente coa exposición pública por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (MITERD) dun proxecto de real decreto que inclúe (entre outros) o plan de xestión da Zona Especial de Conservación e Zona de Especial Protección para as Aves «Banco de Galicia». Subliñar que o Banco de Galicia é un monte submariño a uns 150 km ao oeste de Fisterra que, desde os 4.100 m de profundidade, se eleva ata apenas 597 m da superficie. Ademais de hábitats únicos con centos de especies, acolle regularmente tartarugas mariñas. No devandito borrador do plan de xestión deste espazo protexido de 10.235 km2, inclúense medidas regulatorias relacionadas con estes quelonios, e que poderían ser perfectamente aplicables a outras áreas mariñas: ademais do veto á eólica mariña, estarán prohibidas actividades que supoñan unha modificación do comportamento natural destes animais, obrigando a diminuír a velocidade e desviar a traxectoria de embarcacións no caso de detección de tartarugas nadando, para así evitar colisións. O mergullo e baño realizaranse respectando unha distancia de cinco metros coas tartarugas mariñas que se atopen. Sobre a pesca comercial, o borrador (aberto a alegacións ata o 25 de xuño) recoñece que o Banco de Galicia foi e é actualmente unha área pouco frecuentada pola frota pesqueira, centrada na cacea do bonito e algunha pesquería de palangre de fondo, palangre de superficie e enmalle. Estas catro modalidades son, en orde crecente, potencialmente lesivas para as tartarugas mariñas e para outra fauna deste espazo protexido, e constitúen, xunto coa contaminación desde buques, a «plastificación» do océano e o cambio climático, os principais problemas ambientais do Banco de Galicia.

Conclusión: coa mente posta na conservación das tartarugas mariñas, e considerando a escasa relevancia do Banco de Galicia para a pesca, o Grupo Naturalista Hábitat suxerirá ao MITERD que se declare unha moratoria permanente a todo tipo de pesca nos 10.235 km2 do Banco de Galicia. Crearíase así un santuario mariño sen apenas interferencias humanas, que facilitará a reprodución de peixes e a alimentación da fauna peláxica, entre elas das tartarugas mariñas.n

Tracking Pixel Contents