Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Olladas ao país

Seguranza galega coa nosa Policía

A seguranza pública en Galicia atópase nunha encrucillada histórica, aferrollada nun modelo caduco que estrangula as potencialidades do noso país. Mentres a cidadanía esixe solucións próximas e eficaces, o centralismo político de PP e PSOE, coligado con certo inmobilismo do sindicalismo policial de nova creación, insiste en manter un deseño policial que prexudica tanto aos profesionais como aos cidadáns. É hora de racharmos este bloqueo institucional e esixir, sen complexos nin demoras, unha policía galega integral.

O Estatuto de Autonomía de Galicia recolle dende hai décadas a competencia para crear un corpo propio. Porén, o PP e o PSOE estatais operan en Madrid cunha dobre moral dificilmente aturábel: mentres en Santiago finxiron ás veces apoiar o autogoberno para non se desgastar diante do electorado galego, no Congreso frean sistematicamente calquera transferencia estratéxica, como a de Tráfico (2010). Esta submisión á estratexia centralista responde ao medo de perder o control territorial e a un concepto caduco de uniformidade que ignora a realidade demográfica e mailo noso espallamento poboacional. Tamén a non entender que a eficiencia nun noventa por cento das funcións policiais alicérzase no mando operativo e control político de proximidade, como ben saben vascos, cataláns, navarros e canarios, que xa contan con cadanseu Corpo policial propio.

A este freo político súmase un novo sindicalismo con pegada nos corpos de seguranza do Estado que mantén unha nidia belixerancia en contra de calquera traspaso de competencias policiais cara Galicia. Cun discurso baseado na desconfianza e no control central, estas organizacións ignoran deliberadamente os reclamos históricos de colectivos moito máis pragmáticos, como o do SUP e a UniónGC en Galicia, que historicamente viron no traspaso unha oportunidade de ouro para o arraigo familiar, a estabilidade xeográfica e unha xusta equiparación salarial a través dunha necesaria lei-pasarela.

O modelo estatal de policía non atende á cobertura das vacantes na Galicia e condena ás profesionais galegas moitas veces ao desprazamento forzoso, no canto de servir de xeito estábel e ben remunerado na súa propia terra.

Esta teimosía en soster un modelo policial de corte centralista, atomizado e teledirixido a miles de quilómetros está provocando xa fendas de seguranza no noso país. Galicia posúe, polo de agora, un índice delictivo moi discreto, mais esta estatística favorábel non pode seguir a devir de cortina de fume para agochar eivas estruturais como a falla crónica de efectivos, a falla de especialización na xestión de lumes forestais que asolan o país, a descoordinación entre corpos estatais entre si e destes cos corpos locais ou o abandono do rural galego polos sucesivos e continuados peches de cuarteis da Garda Civil.

Non hai seguridade real cando as directrices operativas se deseñan nun despacho de Madrid sen coñecer nin o territorio nin á xente. Lembren aquel desprazamento de policías xudiciais da Garda Civil de Madrid cando o crime de Diana Quer (verán de 2016). Un dos seus responsábeis laiábase da dificultade para desenvolver acaidamente as súas pescudas porque na contorna onde se desenvolvían todo o mundo falaba galego e eles chamaban a atención polo seu sotaque. Como se non tiveramos grandes profesionais na Garda Civil destinados no noso país, tanto nas unidades de Policía Xudicial como os da UCO en Pontevedra.

 Unha policía galega integral non é unha ocorrencia, senón unha necesidade organizativa real para garantir unha protección eficaz e unhas condicións laborais dignas. As estruturas obsoletas do centralismo non poderán soster eternamente unha realidade que cae polo seu propio peso. A policía galega, integral e de noso, polo ben da nosa cidadanía e dos profesionais galegos da nosa seguranza, ha vir moito máis cedo ca tarde.

Suscríbete para seguir leyendo

TEMAS

Tracking Pixel Contents