Opinión | Retallos do labirinto

Investigador da cultura galega
Normandos, britanos e Galiza no Tapiz de Bayeux

Detalle do Tapiz de Bayeux / LOC
Unha das obras máis sobresaíntes dos tempos románicos e cando o reino de Galiza campaba no mapamundi, é o Tapiz de Bayeux, tamén coñecido da Raíña Matilde. Imprescindible para coñecer e ilustrar o século XI: as construcións, naves, xinetes, xerarquías, costumes, a guerra...
Anos nos que o islam e o furore normannorum das ladaíñas ameazaban á beiramar de Iacobsland, recalada imprescindible nas cruzadas cara aos Santos Lugares. Terras de Galiza nas que reinaba Alfonso VI, sendo bispo de Iria-Compostela o aragonés Diego Peláez, quen potencia a peregrinación en Compostela como sé apostólica, respecto a Toledo e á mesma Braga. Favorecendo canto significaba a reforma gregoriana, mesmo creando ceca propia. E o máis importante, no 1075, sobre o vello templo destruído por Almanzor, comeza a construción dunha nova e sorprendente catedral. Tempo destacado polas pretensións das fillas de Alfonso VI, de Urraca, casada co conde Raimundo de Borgoña, irmán do Papa Calixto II e por outra banda por Tereixa, esposada co non menos distinguido Henrique de Borgoña, condes de terras bracarenses. Reino de Galiza que entraba nas pretensións expansionistas de Guillerme o Conquistador, no 1063 peregrino a Compostela. O mito fala do agasallo de resistentes facos galegos ao rei normando, os seus preferidos. Galiza era considerada na equitación.
Diego Peláez (ou Páez) era visto con desconfianza por Alfonso VI pola súas relacións con Guillerme o Normando na ansia dun fronte común atlántico. Así no lo conta a Historia Compostelán, motivo polo que foi desterrado, pese á desautorización do Papa Urbano II.
Unha gran exposición no British Museum protagonizada polo ‘Tapiz da Raíña Matilde’
Tapiz de Bayeux que dende o 2007 está rexistrado pola Unesco como Memoria do Mundo, con museo propio na cidade normanda de Bayeux. Documento agora de actualidade, cando, a fin de fortalecer os vencellos franco-ingleses, se pretende expoñer no British Museum, do 10 de setembro deica o 11 de xullo do 2027. Proposta que crea unha gran polémica pola fraxilidade desta tela bordada, xa con cicatrices dabondo deixadas polo paso dos séculos. Ao respecto multiplícanse as protestas de especialistas polo quita e pon, polas manipulacións, traslado de ida, de volta... Parecen importar máis os momentos de gloria para o museo londinense. Certo que as novas tecnoloxías evitarían correr riscos, pois permitirían a visualización e a comprensión do tapiz con maiores facilidades que a imposición de facer «sufrir» co traslado a tan delicado orixinal. Pero mandan os caprichos políticos. Aínda así os conservadores, museólogos, comisarios da exposición esmeraranse neste novo reto.
Inspirador Tapiz de Bayeaux ou da Raíña Matilde, véxase a novela O Ano do Cometa (1986) de Xoán Bernárdez Vilar, sabio en enredar o seu bo facer literario en tradicións de camiño, artúricas, ben coñecidas por Risco, Cunqueiro ou Ferrín ou pola agora celebrada Begoña Caamaño, vencellando a Galiza e as súas tradicións co panceltismo. Ano do Cometa, aquel belicoso de 1066 e un 14 de outubro, cando ten lugar a batalla de Hastings, entre o exército normando, comandado polo duque Guillerme II de Normandía e o exército inglés do monarca anglosaxón Harold Godwinson. Acontecer documentado no tapiz, tempo marcado no ceo polo paso do cometa Halley, o que aparece reflectido no tapiz e como signo positivo para acometer a invasión. Na trama da novela, ben documentada historicamente, aparece o intento político do Rei García de casar cunha fidalga da Bretaña.
Tapiz, precursor da banda deseñada, precinematográfico: con 4 grandes partes e 58 escenas cun fin moralizante, realizado dende a parcialidade normanda, a fin de demostrar a lexitimidade de Guillerme, pondo a Harold como desleal e malandrín. Sobranceira constancia da importancia das reliquias, de xurar sobre delas. As súas partes son: 1-Antes da invasión, as aventuras de Harold, naufraxio e secuestro, espías de Guillerme; retorno a Inglaterra, tras a morte do rei Eduardo. 2 -Preparativos de Guillerme para invadir Inglaterra. 3-Desembarco e cabalos afundíndose nos areais do Mont Saint Michel... 4-Batalla de Hastings. Frecha cravada no ollo de Harold... E quizais falte o final, a coroación de Guillerme no Nadal do 1066.
Encargo feito axiña despois da batalla de Hastings polo bispo Odo de Bayeux, medio irmán de Guillerme, bordado atribuído a Matilde, a muller de Guillerme, contando os desencontros entre o rei de Inglaterra Eduardo o Confesor, representado por Harold, que non respectará os xuramentos de fidelidade para enfrontarse ao duque de Normandía, Guillerme, vencedor desta contenda. Feito que quedou moi marcado no subconsciente colectivo, mesmo tamén nun xeito de canto épico do poeta Baudry, abade de Bourgueil, para Adela, a irmá de Guillerme de Normandía, no que idealiza un tapiz «de seda» contando a historia.
Bordado a punta de agulla sobre liño branqueado cunhas medidas de 68,38 metros e 50 cm de ancho, realizado con fíos de la de dez cores, distinguíndose no seu trazado catro puntos de bordado, punto de tallo para as inscricións e contornas, unto de recheo, punto de cadeneta, punto de división... 636 personaxes, 202 cabalos e mulas, 55 cans, 505 animais diversos, 49 árbores, 37 edificios, 41 naves... Axuda para ambientar un tempo románico, con cabalos, naves e persoeiros que puideron coñecer Galiza.
Normandía, Bretaña... con tantas esencias irmáns da Galiza
Beyeux é unha pequena cidade, asentada na campa normanda de Calvados, ribeiras do río Aure e arredor da súa catedral de orixe románica, de aguda espadana, cripta baixo o altar e nave para a que foi feita o gran tapiz, na que se colgaba con fins didácticos e propagandísticos normandos, na primeira quincena de xullo, cando a celebración da Festa das Reliquias. Polo demais gardábase enrolado nun trebello feito a propósito nunha catedral que a soubo mimar.
Núcleo vello de Bayeux presidido por unha gran casa barroca, a que na actualidade sirve de Trapstry Museum... referente didáctico, a fin de entender o tempo, a autoría, os persoeiros, a significación e finalidade do tapiz. Institución modélica tamén no merchandising que xera tal icona. Bayeux ofrece ademais outros museos e itinerarios en relación co desembarco das forzas aliadas, sendo a primeira cidade tomada aos nazis. Unha visita a Normandía, complementada con Bretaña é unha lección moi en relación con Galiza: furar no mundo dos megálitos, nos celtas, na fraga máxica da Brocelandie de Arturo e Merlín, desa cristiandade que ergue sobre fontes, penedas e bosques sacros cruceiros, ermidas. De templos abertos mostrando a súa arte, a dos santiños e das santiñas, das romarías, da gaita e do tamboril... paisaxe e paisanaxe preferidos polos pintores modernistas: o Pont Avent de Gauguín, o Honfleur dos impresionistas, Giverny dos nenúfares de Monet; e na fronteira entre Bretaña e Normandía ese centro de peregrinación que ten como símbolo a vieira, Mont San Michel.
Tapiz que superou os retos da historia, xa na revolución francesa se pensou nel para cubrir carromatos, para pouco despois levarse ao Louvre e axiña volver a Bayeux. Na Segunda Guerra Mundial, que tanto afectou a esta parte dos desembarcos aliados, protexeuse no búnker do hotel Doyen, pasando despois á abadía de Mondaye, onde foi estudado por arqueólogos alemáns da Ahnenerbe... logo ao castelo de Souches no Sarthe, ate 1944, ano no que volve ao Louvre até o 1945. Documento dado a coñecer dende o século XVII polo militar Nicolas Jean Focault, no XVIII polo bieito Bernard de Montfaucón que o debuxa e difunde en gravados. No 1885 a influínte comerciante Elisabeth Wardie manda facer unha copia para Reading. Proba de que a arte crea vencellos.n
Suscríbete para seguir leyendo
- Los abuelos de A Coruña al rescate de sus hijos para cuidar a sus nietos: 'Es una experiencia que te devuelve con creces lo que aportas
- El bocadillo de A Coruña que inventó un niño en Monte Alto llega a la Marina: 'No fui un visionario, solo tenía hambre
- Beatriz Padín deja Inditex, la 'mano de diseño' de Zara Woman y una de las personas de confianza de Amancio Ortega se despide tras años de trayectoria
- Las peñas del Deportivo se manifestarán contra la subida de precios y las condiciones de Marathon Inferior: 'Supondrían la desaparición del alma de Riazor
- Un asador histórico de la comarca aterriza en el Orzán de A Coruña: 'Lo seguimos haciendo todo como hace 30 años
- ¿Quién es Beatriz Padín? La «hija adoptiva» de Amancio Ortega y mentora clave de Marta Ortega en Inditex
- El pueblo de A Coruña para probar un pulpo único este sábado: 3.000 raciones, verbena y un entorno ideal para recorrer a pie
- Santiago se adelanta en la captación de rutas áereas y Alvedro sigue a la espera con menos vuelos que hace un año