Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | O Grupo Naturalista Hábitat opina

Cosme Damián Romay

Sobre o Camiño do Litoral, chiringuitos «sostibles» e outros infortunios

O pasado mércores 1 de xullo, representantes das administracións autonómica e local, da man de entidades e empresas privadas, celebraron en Muxía o primeiro aniversario do traspaso das competencias da xestión do litoral á Xunta de Galicia. Sendo en teoría positivo e lóxico que a xestión do territorio galego recaia sobre a administración galega, a realidade é que as primeiras accións desenvolvidas pola Xunta no litoral están a afectar ao patrimonio natural.

Un dos primeiros anuncios foi a inversión en «chiringuitos sostibles» (ambientalmente?) en toda a costa, coa apertura de máis de 320 neste 2026. Algún deles xa foi sinalado polo seu impacto en zonas dunares, como no caso da praia das Furnas, en Porto do Son. Outros proxectos e accións están no punto de mira de entidades ambientalistas: unha pista de vólei-praia supuxo recentemente a destrución total do cordón dunar da praia do Robalo, en Aguiño (Ribeira), dentro da zona de cría da ameazada píllara das dunas.

Tamén desde o mércores, hai «carta branca» para organizar espectáculos, actividades recreativas e deportivas no litoral sen pago de taxas nin informes técnicos, obviando o posible impacto ambiental sobre especies e hábitats protexidos. E, como máximo infortunio, a presentación no devandito acto de Muxía do «Camiño do Litoral».

Deixando a un lado as numerosas imprecisións e erros no trazado na aplicación para móbil (non coincide coa versión da web «oficiosa»), a propia senda do «Camiño do Litoral» suporá a degradación definitiva de contornas costeiras ata agora tranquilas e ben conservadas, coa entrada descontrolada en espazos naturais protexidos de centos (ou milleiros) de paseantes, mascotas soltas e ciclistas cada mes. Como é posible que o «Camiño do Litoral» se meta en zonas de repouso e cría de aves acuáticas nos Leiros e nas barreiras de Rouxique en Sanxenxo? Que sentido ten que este camiño transite polas dunas de Traba, protexidas e con flora valiosísima? A Costa de Dexo, catalogada como Zona Especial de Conservación e Monumento Natural, pode resistir o tránsito dese volume de persoas polos seus hábitats litorais?

As alegacións de grupos ambientalistas a este despropósito foron ignoradas. O Plan Director da Rede Natura 2000 (Decreto 37/2014, de 27 de marzo) e plans de recuperación e conservación de especies ameazadas (Decretos 75/2013, do 10 de maio e 9/2014, do 23 de xaneiro) foron obviados neste novo infortunio no litoral.

Conclusión: con datos científicos e a lei na man, o G. N. Hábitat loitará pola revisión total do «Camiño do Litoral» e da ubicación dos «chiringuitos sostibles» previstos na costa galega. Ademais, permanecerá vixiante ante novas agresións ao noso patrimonio natural, animando á cidadanía galega a que comunique ao Grupo calquera feito constitutivo de delito ambiental.

Tracking Pixel Contents