Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Olladas ao país

O fútbol galego será de noso ou non será

Un San Xoán xa non tan próximo deixounos a nova dunha amplísima maioría social do Deportivo (a rentes do 80%; cunha moi considerábel participación de case o 56%) na consulta vinculante polo cambio de nome. Un cambio que é unha emenda de totalidade a décadas de asimilación cultural e deslealdade identitaria. O corpo social branco e azul enviou unha mensaxe nidia de reconciliación do Dépor coa súa xente, coa súa lingua e co seu país. Cae o artigo imposto polo supremacismo españolista (anterior, coetáneo e mesmo posterior ao franquismo) e ábrese paso a dignidade.

Esta histórica labazada civil deixa nunha humillante marxinación á dereita ultramontana centralista e aos nostálxicos do autoodio. Ficou de vez retratada a cativa organización local de Vox, defensores da deturpación toponímica. Queda só, na súa senectude política, Francisco Vázquez, o caduco dirixente

que fixo do insulto ao idioma propio a súa bandeira de prestixio cortesán. E canda eles, certa prensa tamén de ideoloxía caduca de Madrid (algún medio mesmo dirixido por galegos de orixe) que hoxe hiperventila diante do que consideran unha suposta «concesión ao nacionalismo», incapaces de asumiren que só é unha decisión social de hixiene democrática e respecto á legalidade.

O que amosou a decisión do corpo social do Dépor é moi significativo como radiografía identitaria, tanto no que atinxe á área urbana da Coruña como para o conxunto de Galicia. Durante máis de corenta anos, o relato oficial vendeunos a falsidade de que A Coruña era un illote impermeábel ao galeguismo, un feudo monolingüe en castelán de costas ao seu pobo. O resultado deste referendo esnaquiza o mito. Demostra que existe unha maioría social emerxente, nova e desacomplexada —impulsada de xeito admirábel pola rapazada do IES Rafael Dieste dende a plataforma Aquí Tamén se Fala— que sabe que galeguidade e modernidade van sempre xuntas.

A Coruña demostrou que non ten nada a ver con Madrid; é a vangarda dunha Galicia urbana que reclama o seu espazo.

Esta mudanza entronca directamente co espertar dunha identidade galega activa no noso fútbol, que hoxe conecta como nunca ao Dépor e ao Celta. Durante moito tempo, o derbi galego estivo contaminado por rituais de odio periférico herdados. Hoxe, a realidade é ben distinta. Tanto en Balaídos canto en Riazor estase a consolidar un galeguismo de base, popular e festivo, que entende o fútbol como unha ferramenta de afirmación colectiva. O Celta, co seu centenario e o pulo de C. Tangana, converteu o Oliveira dos Cen Anos nun himno de orgullo nacional. O Dépor, nesta nova xeira en Primeira, asumiu a galeguización e encargou a Xoel López o novo himno para blindar esta mudanza.

O Dépor asume a súa condición de embaixador dun pobo con idioma propio. Gaña a intelixencia, gaña o futuro, gaña Galicia. O Dépor xa non lle pertence ao vello réxime; é da Coruña e de toda Galicia.

Velaí o fío invisíbel que une Riazor con Balaídos: o recoñecemento de que o fútbol galego será de noso, ou non será.

Tracking Pixel Contents