Opinión | Retallos do labirinto

Investigador da cultura galega
As orixes da lenda de Breogán e a antiga irmandade Galiza-Irlanda

Torques de Xanceda. / Felipe Senén / Picasa
Los orígenes de la leyenda de Breogán é o título dunha obra en castelán do profesor Ramón Sainero, entre tantas que ten como creador e animador do Instituto de Estudios Celtas, avaliado pola Academia de la Historia e no que ramifican varias agrupacións sobre a celtoloxía na península ibérica. Sainero e o celtismo merecen algo máis que un capítulo aparte.
As historias dos pobos, das relixións, tratan de ennobrecerse e para iso fundaméntanse no oriente, en feitos literarios como a Guerra de Troia. Un xeito de enxalzar liñaxes, entre a aura de mitos, lendas e contradicións. O referido a Breogán aparece en manuscritos de abadías irlandesas, empeñados en buscar ou inventar unhas orixes en Exipto e por medio a conexión coa Tartessos do mítico rei Gárgoris. Navigatios realizadas por experimentados nautas, herdeiros dos fenicios, coñecedores do cabotaxe, das rutas que seguían máis alá das chamadas polos grecolatinos Columnas de Hércules, buscadores do estaño e do ouro.
Alfonso X, na ansia de arrimar a súa liñaxe ao universo grecolatino, recolle os traballos do heroe grego Hércules e adxudícalle o periplo celta da lenda de Breogán, de Xosé de Arimatea que leva polo occidente atlántico o Grial, de Barandán, do San Amaro, de Trezenzonio...

Torques de Xanceda. / Felipe Senén
Referencias a Breogán que aparecen nos Anais de Clonmacnois, sc. XVII, que segue a desenvolver o contado no Libro das Invasións a Irlanda, Leabhar Ghabhala Érenn, do s. XII, recollendo mitos máis antigos, insistindo na súa orixe en Exipto, para ires sumando aportes que pasan por Anatolia, polos Balcáns... para estenderse pola beiramar occidental de Iberia. E ben o demostran os achados con esas tradicións, de Huelva até Estremadura, véxase Turuñuelo. Ao fin e ao cabo orientarse é procurar o oriente. E así constrúense altares, templos e rézase cara ao oriente. E dentro diso o enigmático mundo que para os grecolatinos eran os seus outros, «os celtas»: amalgama conformada nos camiños indoeuropeos, iranianos, anatólicos, balcánicos... pola confluencia de variadas tribos cara ao extremo occidente atlántico, misioneiros da minería e da metalurxia do ferro. Encontro de aportes culturais que se enguedellan no influínte fito mítico, histórico e literario que é a Guerra de Troia (acontecida polo 1200 a.C) cos seus heroes que se di espallados polo mundo, como apóstolos. E velaí nese labirinto celta, os Galaeci, a Gallaecia que chamaban os grecolatinos, en relación cos Gaelici, os gaélicos, Brigantia, Breogán... asuntos nos que moer.
Ennobrecer as raiceiras históricas no universo celta ou no grecolatino
Investigacións que se verán envoltas en celtofilia ou en celtofobia, coa lenda de Breogán por medio, persoeiro cantado no Himno Galego, referíndose a Galiza como o seu fogar ou nación. Asuntos que proban o interese que os románticos, como o seu autor, o bergantiñán Eduardo Pondal, tiñan en coñecer e espallar as relacións de Galiza coas Illas Británicas. Ben sabían das teimas e dos cantos osiánicos do poeta escocés James Mcpherson (1736-1796), recollendo e re-creando tradicións celtas, para prolongalas a este seu confín dos verdes castros. Nas lendas irlandesas Osián é bardo e combatente, herdeiro das tradicións das sagas célticas.
A fin de clarificar tantas brétemas atlánticas e míticas, prendidas na cultura galega, ben puidera crearse unha cátedra de estudos celtas, como pretenderon os modernistas de Nós. Onde as singularidades que ofrecen os castros, tan romanizados, os torques, as referencias célticas dos cronistas grecorromanos, os mercenarios celtas que conformaron o exército romano, os saberes de hípica, os tipos de espadas de antenas, a ansia polas representacións xeométricas, cosmogónicas... os epígrafes con referencias a galaicos celtas, a abundancia da raíz brig, como preindoeuropea, en relación con fortaleza. O que se di herdo céltico e orientalista, avivado polo aporte suevo, xermánico, cristián, nórdico... polas lendas celtas medievais referidas a Arturo e á demanda do Grial... a simboloxía, o sentimento panteísta.
Os modernistas, ante a uniformización, buscan nas orixes a orixinalidade, procurando lazos de irmandade entre o panceltismo, aínda que atopando atrancos, motivados tanto por intereses políticos en desvirtuar o fundamento de identidades como polo descoñecemento do difícil gaélico en que están escritas as lendas celtas, traducidas a partires do fin do século XVII.
O sacerdote irlandés Geoffrey Keating (1569-1644) é autor dunha Historia de Irlanda na que argumenta que o nome dos gaélicos (irlandeses) deriva do mítico Goidel Glas, creador das linguas gaélicas. Que se di de caste escita-grega, fillo de Nel e dunha princesa faraónica, a célebre Scota, conquistadores de Iberia, de Irlanda, comandados por Brata. Textos e mitos celtas nos que se pon a Breogán como fillo do tal Brata, rei de Brigantia. Brath, Breogán, Golam, rei celta, escotos que chegarán a relacionarse cos Pobos do Mar, orixinarios de Anatolia, contemporáneos da guerra de Troia, dos cataclismos da illa Tera, e que dende o Exeo deixarán atrás as Columnas de Hércules, Tartessos. Keating ofrece unha visión propia do seu tempo, arranca dende principios bíblicos até os normandos. Textos relixiosos, poéticos, mitoloxías, que tras si poden ocultar feitos verídicos, transformados no seu devalar. Suman ao descrito por Keating os Anais do Reino de Irlanda polos Catro Mestres (sc. XVII), feixe de textos antigos recompilados nun mosteiro franciscano de Donegal e no que se fala da chegada dos milesios a Irlanda, a tribo de Mil ou Golamh, patriarca dos milesios e do seu fillo de Heremón, que sería o primeiro rei de Irlanda. Mil, neto de Breogán, nun ir e vir a Exipto, casa coa princesa faraónica Scota, para ser xefe dos milesios escotos de Brigantia (polo 1.000 a.C), o que parte dende Brigantia, na busca do seu fillo Ith, inician a conquista de Irlanda e o enfrontamento cos Tuatha de Danann, vencedores dos Fir Bolg, dos Fomores, o clans de Nel Golamh , Magoge... enredo minifundista, nomes que, falsamente, se asociarán a toponimias.
De Breogán dise que tivo dez fillos, Breg, Cuala, Cuaiong, Blad, Fuad, Muirthemne, Eble, Nar, Ith e Bileque. E seguindo as pegadas da lenda, no condado irlandés de Tipperary atópase a chamada Chaira de Breogán, como no complexo tumular de Tara (Condado de Meath) a asociación de Breogán coa Pedra do Destino. Do mesmo xeito os medievais Anais da illa de Inisfallen (Kerry) refírense a Mil como guerreiro de Brigantia, xunto cos seus catro fillos, descendentes de Breogán, de antepasados escitas, isto é arios, iranianos, bos xinetes pois.
O bardo celta Amergin, na raiceira poética galega
Unha figura sobranceira, enredada en tan rico sincretismo é o mítico poeta de tradicións bárdicas Amergin, nome en relación cos escitas amirgiáns, excelentes arqueiros xa nomeados por Heródoto e que, xunto co seu irmán Heremón, líder milesio, dinse da caste da princesa exipcia, filla do faraón Symedes, Scota. Amergin é no Leabhar Ghabhala o bardo cantor do Mar, un dos brigantinos que inician o periplo e conquistan Irlanda para vingar a morte de Ith. Bardo celta do que tamén falan os devanditos Anais dos Catro mestres, dicíndonos que morreu en combate. Textos recollidos coa ansia de afianzar as orixes gaélicas dos Estuardo.
Coa princesa faraónica Scota está relacionada a Pedra do Destino, a que a Biblia, no Xénese, di que serviu a Xacob para apoiar a cabeza no sono no que viu unha escada que unía o Ceo coa Terra. Pedra que o mito di pasa a Moisés e polos faraóns a Scota que a leva a Galiza, Irlanda e á Escocia dos temibles pictos. Para sobre dela e no trono da abadía de Westminster abancar na coroación os reis británicos. Desexado símbolo, roubado e hoxe no Castelo de Edimburgo.
Asuntos tratados no sc. XVIII polos ilustrados bieitos Martín Sarmento e Sobreira, retomados por Cornide para prender no romanticismo de Pondal, Vicetto, Murguía, logo nos modernistas da xeración Nós, traducindo e divulgando o Libro das Invasións, ou Leabhar Ghabhála. Hoxe a xenética demostra as relacións protoceltas, Galiza-Irlanda dende 5.000 a. C. n
Suscríbete para seguir leyendo
- Aterriza a una hora de A Coruña una de las mayores verbenas del verano: Panorama, El Combo, Los Satélites y París de Noia juntas desde este viernes
- El eclipse total de sol en A Coruña en directo: sigue todos los detalles sobre el fenómeno astronómico del año
- ¿Dónde ver el eclipse en A Coruña sin salir de tu barrio? El Concello propone 43 rincones con vistas estratégicas
- Así es el pueblo de A Coruña elegido como el más bonito de España por la revista 'Viajar': con casas de colores, flores y balcones frente al agua
- Guía para ver el eclipse en el área metropolitana de A Coruña: cortes de tráfico y mejores zonas de observación
- La Batalla Naval volverá a iluminar la noche de A Coruña con 20 minutos de fuegos artificiales: fecha, horario, lugares y cortes de tráfico
- Así son los cortes de tráfico y el dispositivo de transporte público este día del eclipse en A Coruña
- Javier Saavedra, director de Los Satélites: 'Las fiestas de María Pita deberían dedicarle un día a las verbenas