Opinión | O Grupo Naturalista Hábitat opina
Cosme Damián Romay Cousido
Sobre o lema «Galicia, quérote verde»
O goberno galego lanzou a campaña «Galicia, quérote verde», na que se insta á poboación a alertar de incendios a través do 085 ou da aplicación ALume. Este despregamento en prensa, redes sociais, valados publicitarios e outros medios de comunicación é semellante ao de anos anteriores, e aparece acompañada de imaxes idílicas en contornas con vexetación autóctona. O lema da campaña evoca un desexo de que Galicia sexa (ou continúe a ser) verde, pero abre tamén algunhas cuestións, que se debullan a continuación. Primeira: de que verde falamos? O verde da vexetación está presente por todo o territorio, pero en gran parte da metade occidental galega e extremo norte de Lugo ese verde obedece maioritariamente a medio millón de hectáreas de plantacións de Eucalyptus globulus e Eucalyptus nitens, árbores exóticas catalogables como invasoras. Ademais, áreas agrícolas nas que a xeración dos nosos avós cultivaba trigo, centeo, cebada, hortalizas e especies pascícolas están hoxe abandonadas, ocupadas ilegalmente por eucaliptos ou plantadas masivamente de millo, especie sen apenas valor ecolóxico. Segunda cuestión: que fai a administración pública para que Galicia se manteña verde? A proba de fogo (nunca mellor dito) son os incendios. Nos devastadores lumes forestais de 2025 queimáronse 209.281 hectáreas de territorio galego segundo o sistema Copernicus da UE, se ben a Xunta de Galicia recoñeceu só 118.966 hectáreas (!). Apenas 100 desas hectáreas (0,05%) foron beneficiadas de medidas de restauración e rexeneración hidrolóxico-forestal; o resto perdeu parcialmente a capacidade fértil do solo polos arrastres, alonxando a recuperación do seu «verdor». E terceira e última cuestión: que medidas de adaptación ao cambio climático está a impulsar a administración na foresta galega? Dous terzos de Galicia é arborado, unha das porcentaxes máis altas das rexións europeas. A suma da superficie de eucaliptos e piñeiros aproxímase ao 60% desa masa, sendo especies que facilitan, estenden e fan menos controlables os lumes forestais. A fracción de frondosas autóctonas apenas supera o 40%, pero é a máis resiliente ao lume. As fragas húmidas, formadas por especies como o carballo albar, o bidueiro, o freixo de folla larga, a abelaira ou o sanguiño apenas arden. De queimarse, fanno de xeito parcial e lento. Non debería fomentarse unha xestión forestal apoiada nesas especies nativas, e ir minguando a superficie de piñeiros e, sobre todo, eucaliptos?
Conclusión: Este ano hai previstos 53 millóns de euros para prevención dos lumes dentro do plan galego contra incendios (Pladiga). Hábitat, xunto con 65 colectivos que integran a Plataforma por un Monte Galego con Futuro, veñen de reclamar a través dun recente manifesto accións contundentes de prevención, que implicarían cambios na política actual. A loita contra os incendios e a restauración ecolóxica dos terreos afectados son, así mesmo, imprescindibles.
- El día después del eclipse en A Coruña: 83.712 coches, más usuarios de bus y 218 toneladas de basura
- Aterriza a una hora de A Coruña una de las mayores verbenas del verano: Panorama, El Combo, Los Satélites y París de Noia juntas desde este viernes
- Los dorsales de Bil y Gijselhart, atajos para inscribir a todos los jugadores de un Deportivo que ya suma a Angeliño
- Así es el pueblo de A Coruña elegido como el más bonito de España por la revista 'Viajar': con casas de colores, flores y balcones frente al agua
- Qué hacer hoy en A Coruña en las Fiestas de María Pita: conciertos, planes y horarios de este jueves 13 de agosto
- La Batalla Naval volverá a iluminar la noche de A Coruña con 20 minutos de fuegos artificiales: fecha, horario, lugares y cortes de tráfico
- A Coruña, ciudad del capital: los vecinos ganan de media 3.100 euros al año de rentas y beneficios empresariales
- 76 segundos de oscuridad que hicieron historia en A Coruña: un eclipse inolvidable