Opinión
Mavi Lezcano Gonzáles e Carlos Rodríguez Carro
A casa de Doña Emilia
Toda intervención nunha casa-museo merece unha boa reflexión sobre como se quere lembrar á persoa que a habitou. Sorprendeunos recentemen te que, ao presentar o novo proxecto da Casa Museo de doña Emilia Pardo Bazán, aparecese o termo kitsch para referirse á imaxe que ata agora transmitía a vivenda. Máis alá da intención coa que fose empregado, custa identificalo cunha muller como doña Emilia. O seu cosmopolitismo, a súa formación intelectual e a súa autenticidade sitúana moi lonxe dese concepto. Ao mesmo tempo, esa cualificación pode resultar inxusta con todas as persoas que, durante décadas, estudaron, conservaron e explicaron esa casa seguindo criterios museográficos perfectamente homologables aos das grandes casas museo europeas.
Hai apenas uns meses, no congreso A viaxe a través da palabra, organizado pola Facultade de Turismo e pola Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, a conservadora da Casa de Jane Austen dedicou unha conferencia ao impacto internacional das casas museo de escritoras. A súa reflexión resultou especialmente iluminadora. Unha casa museo non é un almacén de obxectos nin unha sucesión de vitrinas. É un espazo capaz de axudar a comprender como vivía, pensaba e escribía quen a habitou. A recreación dunha atmosfera, cando está sustentada no rigor histórico, non banaliza: interpreta.
Desde a Facultade de Turismo levamos tempo defendendo esa idea. Viaxar é comprender, e comprender require algo máis ca información. Require contexto, emoción e ambiente. As grandes casas museo europeas non buscan converterse en escenarios nin en parques temáticos; aspiran a que o público visitante entenda mellor unha obra a través do lugar onde naceu ou viviu a persoa á quen se dedican. A autenticidade non reside unicamente nos muros ou nos obxectos, senón tamén na capacidade dun espazo para transmitir unha forma de vivir e de crear.
Se desposuímos a vivenda da súa identidade doméstica en nome dunha pretendida modernidade, corremos o risco de facer precisamente aquilo que a museoloxía internacional leva décadas intentando evitar: converter un lugar con memoria nun espazo neutro. As mellores casas museo non procuran sorprender polo deseño, senón permitir que o visitante sinta que a escritora acaba de abandonar a estancia. Non porque pretendan enganar, senón porque saben que a atmosfera tamén forma parte do patrimonio. Esa sensación non nace do artificio, senón dun enorme rigor histórico. É unha recreación fundamentada, non unha mera escenografía estandarizada.
Resulta paradoxal que, cando se fai ese esforzo, o turismo sexa acusado de banalizar o patrimonio; e cando se elimina esa dimensión evocadora, se lle reproche despois que os visitantes non entendan o verdadeiro valor dos lugares que coñecen. Non hai mellor defensa do patrimonio ca axudar a interpretalo con rigor.
Naturalmente, o novo edificio destinado a acoller a Real Academia Galega debe responder ás necesidades dunha institución do século XXI, con espazos amplos, cómodos e funcionais para investigar, traballar, reunirse e custodiar o seu patrimonio documental. A Casa Museo, pola súa parte, ten unha misión diferente: ofrecer ao visitante a posibilidade de entrar no universo de doña Emilia, percorrendo uns espazos que axuden a comprender a súa vida e a súa obra. A modernidade dun edificio e a autenticidade dunha casa non só poden convivir, senón que deben reforzarse mutuamente.
As mellores casas museo do mundo non aspiran a impresionar pola espectacularidade dos seus recursos, senón por algo moito máis difícil: facer esquecer ao visitante que está nun museo. E, como diciamos antes, conseguir que durante uns minutos pareza que a escritora acaba de abandonar a estancia. Doña Emilia Pardo Bazán foi unha muller profundamente moderna e seguramente entendería mellor ca ninguén que os edificios deben adaptarse aos novos usos. Pero tamén sabía que a cultura precisa memoria. Unha casa museo non conserva só paredes, mobles ou documentos: conserva unha maneira de entender o mundo. E preservar esa identidade non é un exercicio de nostalxia. É unha forma de coñecemento. Porque, ao cabo, coñecer segue sendo o primeiro paso para respectar.
Precisamente por iso, e mesmo recoñecendo a complexidade dunha obra que debe conciliar usos institucionais, necesidades técnicas e responsabilidade patrimonial, sería moi positivo que o arquitecto ampliase as explicacións sobre a súa proposta. Non para alimentar unha polémica, senón para axudar a comprender mellor o criterio seguido, o diálogo entre arquitectura e colección, e o modo no que a nova Casa Museo aspira a preservar aquilo que a fai única: a posibilidade de seguir entrando, dalgunha maneira, na casa de doña Emilia.
- El día después del eclipse en A Coruña: 83.712 coches, más usuarios de bus y 218 toneladas de basura
- Aterriza a una hora de A Coruña una de las mayores verbenas del verano: Panorama, El Combo, Los Satélites y París de Noia juntas desde este viernes
- Los dorsales de Bil y Gijselhart, atajos para inscribir a todos los jugadores de un Deportivo que ya suma a Angeliño
- La Batalla Naval volverá a iluminar la noche de A Coruña con 20 minutos de fuegos artificiales: fecha, horario, lugares y cortes de tráfico
- Así es el pueblo de A Coruña elegido como el más bonito de España por la revista 'Viajar': con casas de colores, flores y balcones frente al agua
- Qué hacer hoy en A Coruña en las Fiestas de María Pita: conciertos, planes y horarios de este jueves 13 de agosto
- Contacto del Deportivo por Adama Traoré: entre el dinero y el deseo del jugador
- Pull&Bear recupera su local original en el Ensanche de A Coruña