Opinión | O Grupo Naturalista Hábitat opina
Cosme Damián Romay Cousido
Sobre que acontece en Baldaio
Publicáronse nos últimos dez días numerosas noticias relativas ao estado actual do espazo natural protexido de Baldaio (Carballo). Aconteceu que a comunicación da zona lacustre co mar está interrompida desde hai semanas pola enorme acumulación de area, ocasionando un cambio na salinidade da zona húmida suficiente para causar a mortalidade de numerosos peixes e moluscos. Ademais, as vagas de calor que vimos padecendo elevaron a temperatura das augas estancadas, provocando a proliferación masiva de algas. Supón unha nova desgraza para este tesouro natural, que ata os anos 60 funcionaba como unha albufeira tranquila e biodiversa, con rápidos ciclos de enchido e baleirado a mercé das mareas e dos temporais. Intereses espurios relacionados coa extracción masiva de area, disfrazados de “concesión marisqueira”, estiveron detrás de recheos que seccionaron e degradaron a zona húmida a mediados dos 70, alterando a dinámica hidrolóxica natural e empobrecendo a fauna e a flora local. A instalación de comportas, con novos aportes de pedras, deturparon aínda máis o rexime hídrico. Aínda que xa non se extrae area, e as comportas foron afortunadamente eliminadas, quedan toneladas daquelas pedras descargadas preto da bocana da lagoa nos 70, en especial na canle de desaugamento (“A Ría”), ademais da totalidade dos diques centrais. Isto inflúe na dinámica hidrolóxica e na deposición de areas no punto de contacto da albufeira co mar.
Esta sensación de que Baldaio recibe “unha de cal, unha de area” é algo constante desde hai medio século: a caza foi un grave problema alí, con escopeteiros aniquilando centos de aves acuáticas cada tempada, ata a prohibición da actividade cinexética nos 80. As xunqueiras de Baldaio viron como se abrían ata tres campos de fútbol (actualmente abandonados ou desmontados), unha pista desde Sambade cara ao norte (hoxe desmantelada) e un cámping. As dunas foron escenario durante anos de incursións de vehículos de dúas e catro rodas, que destrozaron a vexetación dunar e molestaban á fauna; hoxe estes episodios son ocasionais, pero continúa a perturbación á fauna salvaxe en forma de cans soltos, drons e mesmo kite-surfers. Baldaio foi sumando figuras de protección entre finais do século XX e comezos do XXI (refuxio de caza, zona húmida protexida, zona especial de conservación, zona de especial protección para as aves), pero a presión turística aumenta, e crece tamén a cantidade de lixo e de especies exóticas invasoras. Infelizmente, a vixilancia ambiental e o cumprimento das leis de conservación da natureza son aínda insuficientes.
Conclusión: Baldaio necesita abrir unha nova etapa, cunha restauración hidrolóxica (e ecolóxica) integral baseada en estudos detallados. Ademais de solucionar con axilidade eventuais “tapóns” de area, cómpre eliminar os elementos artificiais na zona húmida (incluíndo diques e drenaxes), as especies exóticas invasoras, as verteduras líquidas e sólidas e os focos de molestias. En paralelo, é necesario aumentar a vixilancia ambiental, os estudos científicos e a divulgación dos valores naturais de Baldaio, tarefas nas que o G. N. Hábitat leva inmerso case medio século.
- Incertidumbre sobre el estado del cielo en A Coruña por el eclipse: la Aemet pronostica sol, pero MeteoGalicia duda
- Así es el pueblo de A Coruña elegido como el más bonito de España por la revista 'Viajar': con casas de colores, flores y balcones frente al agua
- Guía para ver el eclipse en el área metropolitana de A Coruña: cortes de tráfico y mejores zonas de observación
- ¿Dónde ver el eclipse en A Coruña sin salir de tu barrio? El Concello propone 43 rincones con vistas estratégicas
- Javier Saavedra, director de Los Satélites: 'Las fiestas de María Pita deberían dedicarle un día a las verbenas
- La Batalla Naval volverá a iluminar la noche de A Coruña con 20 minutos de fuegos artificiales: fecha, horario, lugares y cortes de tráfico
- A Coruña ya está preparada para el eclipse: dispositivo de 400 personas, aparcamientos disuasorios y buses lanzadera
- El eclipse total de sol en A Coruña en directo: sigue todos los detalles sobre el fenómeno astronómico del año