Opinión | Retallos do labirinto

Investigador da cultura galega
Compostela, eterna cerimonia e romaría, a que cada 25 de xullo celebra á Patria Galega

1958 - Día da Patria Galega en Bonaval (Compostela) / Arquivo F. Senén
Compostela non so naceu para a oración, o estudo ou a filosofía, sempre será unha romaría internacional. A súa orixe prende na vocación de celebrar o encontro en festa e feira. Cidade baixo a advocación do Apóstolo Xacobe, curmán e íntimo de Cristo: no sitio que a lenda di ser o da aparición do seu sartego, meta pois da peregrinación. Sumando a algarabía xuvenil da estudiantina, a que celebra a cidade con rondallas e cancións espalladas polo mapamundi. Como cidade celta, tan propensa ao sacro dos templos como ao profano das súas tabernas, pois en ambas ben se sabe bendicir o pan, o viño e moito máis. A que ofreceu prazas e campos para o encontro, os mercados dos xoves que noutrora eran na Ferradura e que a ansia de intervencionismo da ilustración municipal foi enchendo de caprichos. Feira cabalar, expoñente e supervivencia do interese que o cabalo tivo na historia da cultura: a domesticación, o traballo, o transporte, a milicia, mesmo o bandoleirismo... Pois os equites galegos foron moi cotizados polos os romanos, como o foron tamén os cabaleiros medievais, señores de conquistas. Persistindo no pecado de facer da imaxe do patrucio Apóstolo un cabaleiro de capa e espada, conquistador, como un novo e esperado céltico Rei Arturo.
O Papa Calixto II - irmán de Raimundo, conde de Borgoña, casado con dona Urraca, filla de Alfonso VI e de Constanza de Borgoña, pai e nai de Alfonso VII - é o gran promotor de canto significa Compostela e a peregrinación: do Códice Calixtino, do Císter e do Temple, así como, no 1122 do Ano Xubilar Xacobeo, cando o día de Santiago cadra en domingo. Galiza é o reino do románico, de camiños que apuntan á luz gótica, á poesía, á orixe do Reino de Portugal.
Compostela a meta, a cidade que celebra os camiños, o encontro
Compostela ofrece festa cada xornada para quen chega en peregrinación e se pasma diante da celebración artística que ofrece o Obradoiro, o fluír das rúas, o bulir das prazas, a Quintana dos Mortos, que é máis ben de vivos, a de Praterías, coa simbólica fonte dos cabalos, os escaparates coa prata e o acibeche... as cerimonias na catedral. A aperta de soportais, mais acolledora para a chuvia que para o sol, barroca por excelencia, a que busca que a mirada pete nas fachadas, no arremedo das gárgolas, caricaturizando pecados, as que abeiran o tellado do antigo hospital, de conventos... Miradas que se erguen ao ceo, pousando nas torres, cabalgando ao son das badaladas da Berenguela... onde a arquitectura se fai escenografía, mostra da habilidade dos canteiros. Fachadas labradas, cubertas de festivas grilandas, de flores e froitos ou imitando ao arte dos ebanistas de xeométricas placas, como ben soubo celebrar en cosmogonía o arquitecto Simón Rodriguez no remate da fachada da Igrexa de Santa Clara: o trunfo do cadrado e da circunferencia, do cubo e do cilindro. E sendo Compostela festa cotián, ofrece no almanaque días ben sabidos: na metade de maio as feiras e festas da Ascensión, logo arredor do 25 de xullo as do Apóstolo.

A Nosa Terra en 1984 / LOC
Así que cada 25 de xullo é festa maior en Compostela, dedicada ao Apóstolo, o que segundo a tradición escolleu este confín para a súa predicación entre celtas adoradores da árbore, das penedas, das fonte, dos montes...onde seica se atopa coa Raíña Lupa, señora do Castro do Faramello e do Pico Sacro, para bautismala na fonte do monte que coroa Padrón, para seguir cara ao río dos Iberos e aparecérselle a Virxe sobre un sacro piar. Apóstolo que retorna á súa terra para ser decapitado e os seus discípulos devolver o cadáver a Galiza: longa odisea, ascese, peregrinatio... contando a lenda que foi nunha barca de pedra (quizais nunha barca de minerais), para amarrar nas ribeiras do Sar, de Iria, nun pedrón, ara dedicada a Neptuno. Santa condución que sigue, como un Xogo da Oca, entre monstros, milagres, a cidade asolagada de Duio, o Ilicino... o Libredón e a sepultura na Arca Marmórica... nova odisea, como a de Breogán levando a Pedra do Destino a Eirín, a que lembra a que mesmo faría Xosé de Arimatea cara aos confíns célticos custodiando o Grial, o cáliz da Sangue de Cristo...despois Barandán, San Amaro, Trezenzonio... símbolo e de que a vida é unha peregrinación, como a do sol, oriente-occidente, atopando na andaina anxos e demos, montes e desertos, misterio, a maxia, as cantadas negras sombras que nos asombran.
Festividade do 25 de xullo que se perde no 813, cando a lenda ou a inventio, di que Paio de Solovio, mediante un escintilar atopa un sartego (ou unhas estelas) que se di é de Santiago. Tempos de Carlomagno, do rei Alfonso II o Casto, entón protexido no Oviedo da Asturicense, do bispo de Iría Flavia, Teodomiro... lauda funeraria que o historiador da arte Chamoso Lamas atopou no 1955 nas escavacións arqueolóxicas do cruceiro da catedral compostelán, fortalecendo de realidade o mito.
1920, Día da Patria Galega, como xornada para a reflexión do que se é na uniformización
Imaxe do Apóstolo da que se usa e se abusa, a que adora o peregrino nun ritual de pasaxe, poñendo a man, dando os croques, a aperta... mesmo até facer del un cruel matamouros e mataindios.... Para nos anos do trunfo barroco facer do Intimo do Señor, Xacobe, patrón de las Españas. Foi no 1618, con Felipe III e ratificado polo seu fillo Felipe IV, os que co apoio dos carmelitas levan a cortes compartir a celebración con Teresa de Avila, o que provocou iras entre a devoción popular, póndolle freo á real célula e finalmente quedar repartido o padroádego e o madroádego entre a advocación coa aragonesa Virxe do Pilar e Santiago, ambos unidos na lenda.
25 de xullo que celebra o imperio, cun aquelo de Santiago y cierra España ofrecendo o reino en cerimonia de órgano e botafumeiro, coa presencia de xerarquías... Máis as cousas mudan, pois velaí que na II Asemblea Nacionalista, celebrada en Compostela en outono do 1919, pola ansia das Irmandades da Fala, creadas no 1916 na Coruña, por esa figura a rescatar que foi Antón Vilar Ponte, decídese instituír a celebración do Día da Patria Galega para cada 25 de xullo. Entón Benardino Varela nun sentido artigo en A Noa Terra de 25 de xullo de 1920 asenta: O día de Galicia, non ten de sere un día de xolda, rexouba e trangallada; non pode sere unha festa de gaita e foguetes, non ten de se facere unha xuntanza pra decire catro cousas hocas, valeiras, “cursis”. Nada de lembrase da patria gallega pra chamarlle: bonita, feiticeira, probe; non. Ten de sere un día en que en tódolos fogares, en tódalas terras alleas, en tódolos currunchos do planeta, onde haxa un gallego, teña media hora pra facer cavilación patriótica... E pon como exemplo a Irlanda, a Tagore, a Finlandia.. en Iberia a Vasconia, a Catalunya, que loitan pola europeización... día pra santa meditación da liberdade. Proceso de madurez que ven do provincialismo, pasa polo rexionalismo até o nacionalismo, asentado no século XX con Risco e Castelao. A un tempo que cada 11 de setembro Catalunya celebra o seu día, a Diada... Sigue a guerra e con ela a Longa Noite de Pedra da ditadura franquista, onde a celebración da Patria Galega queda reducida a un xeito de catacumbas, a unha misa e unha ofrenda a Rosalía de Castro no seu panteón de Bonaval. Viran as tornas coa morte do ditador, a espiral desenvólvese fanse ver os partidos políticos: entón un grupo de nacionalistas un 2 de Nadal de 1977, liderados por Jose Lois Fontenla retoman o xornal A Nosa Terra, difusor e anovador do galeguismo, espallando o acontecer e as celebracións.... deica o ano 2011 no que a histórica cabeceira, pasou ás mans dun potentado empresario da construción. Máis o Espírito da Terra, a ansia de SER, de célula de universalidade, sigue o seu camiño con novas iniciativas de sensibilización, radicadas no rico humus, humanismo, pouso do pasado. Así que Ultreia !!!, retrouso ben sabido por quen peregrina.
- El globo de San Roque: el otro eclipse de Betanzos
- Amancio Ortega acelera la rotación de su imperio: de casi no vender nada a desprenderse de activos en París, Seúl, Nueva York, España y Portugal
- Marta Ortega, presidenta de Inditex, en Vogue: 'No creo que la empresa fuera lo que es si nos hubiésemos marchado de A Coruña
- 1-1 | El Deportivo se deja empatar por el Elche cuando acariciaba el triunfo
- Día de colas en Riazor antes del Deportivo-Elche: por la camiseta naranja de protesta a la campaña de socios y en las taquillas
- Querido turista': la carta de un negocio de A Coruña en clave de humor como protesta ante visitantes incívicos
- Qué hacer hoy en A Coruña en las Fiestas de María Pita: conciertos, planes y horarios de este lunes 17 de agosto
- Amancio Ortega, fundador de Inditex, gana por primera vez más de 10.000 millones: 1,1 millones por hora