Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | O Grupo Naturalista Hábitat opina

Andrés Pereira Rodríguez é biólogo e membro do Grupo Naturalista Hábitat e da Cemma

Sobre dúas conmemoracións moi especiais

Ballenas en las costas gallegas.

Ballenas en las costas gallegas. / LOC

Con un ollo na terra, e o outro no mar. Sendo Galicia a comunidade autónoma coa maior extensión de litoral, resulta lóxico asumir que para atender debidamente ao conxunto do noso patrimonio natural, é imprescindible achegarse á biodiversidade mariña. Neste sentido, a labor de Hábitat colleu forza grazas, en gran medida, á colaboración con entidades irmás. Tal é o caso da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), institución que xestiona e coordina a Rede de Varamentos de Galicia.

A situación xeográfica, a conformación física da costa e a oceanografía atlántica, son os principais factores determinantes da elevada diversidade biolóxica presente nas nosas augas, e da súa alta capacidade produtiva. En consecuencia, e para deleite dos amantes da natureza, son moitas as especies de mamíferos mariños que vagan pola nosa contorna. Un grupo que vén de protagonizar o pasado xoves, 23 de xullo, unha importante efeméride que pasaría á historia como o Día mundial das baleas e golfiños, pois tal data coma esta do ano 1982, votouse o texto que levaría á aprobación da moratoria global sobre a caza comercial de baleas impulsada pola Comisión Baleeira Internacional (International Whaling Commission), en tempos nos que o seu comercio soportaba unha venturosa industria. Foi unha intervención necesaria, cando o aumento das capturas comprometían as poboacións. Os movementos sociais aumentaban a presión demandando protección, e a ciencia, con rigor, demostraba o impacto que se estaba a producir. Un cóctel que finalmente permitiría establecer a prohibición a nivel internacional, non sen os clarescuros propios dos thrillers cinematográficos, con varios países obxectores. Anímese o lector a profundizar nesta historia, todo o que non permite esta breve columna.

Ata o momento, son 67 os varamentos nos que o G.N. Hábitat ten participado. Unha cifra miúda en comparación cos case 10.000 rexistros do período 1990-2025 en Galicia, reflexo da complexidade e do traballo incesante nesta labor por parte da Cemma, que ben merece o recoñecemento da cidadanía e o apoio da Administración.

E xunto á celebración das baleas e golfiños, con esta entrega festexamos tamén ter chegado, paseniño, ao cento de artigos de O Grupo Naturalista Hábitat opina. Desde estas liñas, expresamos a nosa ledicia e agradecemos todas as colaboracións que nos permiten manter este espazo semanal. Seguiremos traballando, fieis á nosa filosofía a prol do estudo, divulgación e loita polo noso patrimonio natural. Unha andaina na que levamos case medio século de percorrido.

Conclusión: as conmeracións serían fitos inertes se non fose polo esforzo continuado (moitas veces gris, pouco visible ou escasamente recoñecido) de multitude de voluntarios, voluntarias, e organizacións que traballan para acadar un mundo mellor. Grazas a todas as persoas que as facedes posible.

Tracking Pixel Contents