Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Feliz día de Galicia!

Teñan vostedes boa xornada! Queridos e queridas, hoxe é o día de Galicia. E aínda que xa saben que eu son máis dos días de diario, non podo escribir este artigo sen centrarme na data na que estamos, coa mirada posta nos retos e nas oportunidades para esta comunidade, tratando de non perder a perspectiva e falando do que importa: das persoas, dos afectos e da nosa capacidade para saírmos adiante xuntos...

Porque unha cousa está para min clara, aínda que ás veces se esqueza... Un país non se constrúe desde os despachos nin desde o sempre cobizado exercicio da gobernación, senón fundamentalmente desde o día a día, desde o cotiá. O outro, o máis institucional, pode levar facilmente ao traste os esforzos dun país enteiro se se fai mal, pero entendo que o bo exercicio do mesmo pasaría por un perfil moito máis baixo do que hoxe se lle presupón e mesmo esixe ao eido da política. Esta tería que servir, para min, máis como canle de toda a maxia que se produce desde as bases que como estamento estrela, porque en realidade a nosa andaina é, por riba de todo, un mar de historias humanas... E, nestes días de verán e de reencontros, de festa e de moita vida, cómpre lembrar o auténtico valor da nosa contorna, que é moito. E iso desde valores nidios como o da xenerosidade veciñal, a escoita con atención e querendo arrimar o ombreiro, dándolle a man a quen máis o precisa sen pedir nada a cambio.

Non existe a fórmula máxica da felicidade, pero seguramente ela pasa por non confiar nos atallos e traballar arreo para resolver os retos económicos, demográficos ou sociais que como grupo humano enfrontamos. E, o primeiro de todos, o feito de que tecnicamente estamos morrendo como pobo. Temos un crecemento vexetativo negativo propio de forma sostida, de forma que só as inmigracións interna e externa permítennos ver con certa tranquilidade o futuro. E é precisamente a forte diversidade que xurde da mestura un dos nosos valores máis claros. Temos que ser quen de xestionar mellor tal riqueza en termos de experiencias e de culturas, de formas de vida e de sensibilidades, sabendo que o pequeno tamaño dos nosos núcleos de poboación, mesmo dos máis grandes, é un factor clave de éxito fronte ao que ocorre noutras realidades. A grandeza de Galicia reside na súa capacidade histórica de resiliencia, e tamén na súa vocación de acollida. Fomos un pobo de emigrantes que tivo que buscar a vida noutros lares, experiencia e sensibilidade que debe servirnos para conformar un territorio onde calquera persoa, veña de onde veña, se sinta na casa. A nosa lingua e a nosa cultura non son armas de confrontación, senón pontes que nos conectan co mundo e apertas que nos identifican como comunidade. E a nosa lingua, por moito que haxa quen non o entenda, é unha ferramenta formidable non para illármonos, senón para tecer novas posibilidades e para coidar da nosa cultura.

Fuxamos da crispación, que é o que vén forte de fóra. Necesitamos sumar, en lugar de restar. Necesitamos multiplicar, e non dividir. Non podemos construír nada bo cando, como resultado do que acontece nas urnas, búscanse situacións que non precisen consenso. Pero é precisamente no camiño da integración de todas as formas de ver as cousas que partan do respecto, onde está o éxito. Non se trata de replicar exactamente o programa do que sae gañador, deixando todo o demais fóra do xogo, senón de vertebrar, a partir de tal base, o máximo de diálogo. E temos que escoitármonos, e entender e mellorar a herdanza dos nosos maiores, sen perder a idiosincrasia como país. Porque é precisamente o que nos fai diferentes o que nos permite entender as diferenzas dos demais. O amor ao propio máis san e integrador non entende de exclusións nin de barreiras ideolóxicas, senón de poñer ás persoas no centro de calquera debate.

Construír en positivo non significa pechar os ollos ante as dificultades nin adoptar un optimismo inxenuo. Pola contra, supón mirar de fronte os problemas, buscando sempre as solucións máis humanas e xustas. Por iso, neste Día Nacional, a miña proposta para todos vostedes vai cargada de intención: deixemos a un lado o balbordo innecesario, as liortas estériles que nada achegan e miremos ao noso redor cun chisco de ilusión e, sobre todo, cun alto sentido da responsabilidade compartida. Cada un de nós, desde o seu posto de traballo, desde a súa familia ou desde a súa comunidade veciñal, ten a chave para facer un contorno un pouco máis amable. Construír en positivo significa sementar hoxe, con educación, civismo e respecto, as pontes que mañá cruzarán as vindeiras xeracións, estando orgullosos da nosa terra, da compaña dos nosos, facendo de Galicia ese fogar acolledor e cheo de dignidade onde ninguén camiña só. Deséxolles que pasen unha xornada inesquecible rodeados dos seus seres queridos. Moitas felicidades a todos e a todas.

Quedou bastante discursivo, si... pero isto é o que sinto... Feliz Día de Galicia!

Tracking Pixel Contents