Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

A universidade pública como investimento de país

A pregunta non é canto se inviste, senón canto lle custaría a Galicia non facelo

A creación do grupo de traballo para deseñar o próximo Plan Galego de Financiamento Universitario 2028-2032 transcende unha negociación técnica. Do que alí se acorde dependerá, en boa medida, a capacidade de Galicia para xerar coñecemento, atraer talento, innovar e competir durante a próxima década.

O actual plan de financiamento 2022-2026 funcionou razoablemente ben. Achegou estabilidade, permitiu planificar e incorporou incentivos vinculados aos resultados. Pero o contexto xa non é o mesmo. O próximo plan non precisa unha ruptura, senón unha evolución intelixente que permita consolidar os seus acertos, corrixir as debilidades detectadas e incorporar os instrumentos necesarios para que as universidades poidan afrontar con garantías os retos da próxima década.

O novo financiamento debe responder e crear as condicións necesarias para que as universidades poidan desenvolver plenamente a súa misión. Iso implica reforzar os incentivos á excelencia, ofrecer estabilidade para planificar a longo prazo, recoñecer a diversidade das tres universidades públicas e asumir que o Sistema Universitario de Galicia constitúe unha infraestrutura estratéxica para o desenvolvemento económico e social do país.

A primeira condición é que o modelo premie aquilo que a sociedade necesita das súas universidades. Se aspiramos a unha economía máis innovadora e competitiva, resulta lóxico que o financiamento valore con maior intensidade a investigación de excelencia, a transferencia de coñecemento, a innovación docente ou a proxección internacional. Non se trata de establecer xerarquías entre universidades, senón de orientar os incentivos cara a aquelas actividades que xeran un maior valor social.

Pero un bo modelo non só debe incentivar; tamén debe ofrecer estabilidade. A universidade traballa con tempos moi distintos aos da política. Formar unha persoa docente e investigadora, consolidar un grupo de excelencia ou atraer talento internacional son procesos que requiren anos de esforzo sostido e decisións que transcenden unha lexislatura. A isto súmase un reto ineludible do progresivo envellecemento dos cadros de persoal e a necesidade de garantir unha substitución xeracional que permita preservar o coñecemento acumulado e asegurar a súa transmisión ás novas xeracións. Sen estabilidade financeira e capacidade para planificar a medio e longo prazo, as universidades dificilmente poderán manter aquilo que constitúe o principal activo estratéxico de Galicia: o seu capital humano.

Ese mesmo plantexamento obriga tamén a recoñecer que a equidade non é sinónimo de uniformidade. As tres universidades públicas comparten unha mesma misión de servizo público, pero desenvólvena desde realidades diferentes. O seu tamaño, a súa especialización académica, a súa capacidade investigadora, a configuración dos seus campus ou o patrimonio que xestionan fan que as súas necesidades non sexan idénticas.

O feito de que o Sistema Universitario de Galicia constitúa a principal infraestrutura científica e de coñecemento da comunidade autónoma explica que a Xunta realizase nos últimos anos un esforzo significativo para reforzar as convocatorias competitivas de I+D+i, unha aposta que merece ser recoñecida. Con todo, a excelencia científica non depende exclusivamente dos proxectos que obteñen financiamento. Descansa sobre unha capacidade institucional construída durante décadas: laboratorios, bibliotecas, plataformas científico-técnicas, infraestruturas dixitais, servizos de apoio á investigación, persoal técnico especializado e equipamentos cuxo mantemento constitúe unha condición imprescindible para que esa actividade poida desenvolverse.

Por iso, un dos retos do próximo modelo será recoñecer adecuadamente esa capacidade institucional. Paradoxalmente, canto maior é o éxito dunha universidade captando financiamento competitivo, maior é tamén a presión sobre as estruturas que sosteñen esa actividade. Non abonda con financiar os proxectos de investigación; tamén é necesario financiar as condicións que os fan posibles. Os denominados custos indirectos non representan un gasto accesorio, senón o investimento necesario para manter a infraestrutura científica sobre a que descansa boa parte da capacidade investigadora de Galicia.

Por último, cómpre chamar a atención sobre unha función que apenas aparece no debate público e que, con todo, forma parte da misión que a propia Lei Orgánica do Sistema Universitario encomenda ás universidades. O seu artigo 21 atribúelles a responsabilidade de conservar, valorizar e abrir á cidadanía o seu patrimonio histórico, artístico e cultural. En Galicia, esa responsabilidade adquire unha dimensión singular. As universidades custodian edificios que forman parte do noso patrimonio colectivo e cuxa conservación esixe investimentos permanentes. Mantelos non responde unicamente a unha necesidade universitaria; constitúe unha responsabilidade pública coa historia, a cultura e a identidade de Galicia.

Todo iso obriga a ampliar a mirada. Cando debatemos sobre o financiamento das universidades non estamos discutindo unicamente o orzamento de tres institucións públicas. Estamos decidindo como fortalecer a principal infraestrutura de coñecemento de Galicia e que papel queremos outorgarlle á educación superior, á investigación e á innovación na nosa estratexia de desenvolvemento. A pregunta non é canto investir nas universidades senón canto lle custaría a Galicia non facelo.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents