Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Retallos do labirinto

Felipe Senén

Felipe Senén

Investigador da cultura galega

As gaivotas: dos cantís mariños a ser praga nas cidades portuarias

Gaviotas en la ciudad.

Gaviotas en la ciudad. / LOC

O mundo ao revés, tamén as gaivotas voan desnortadas, trastornadas, adoecidas. Aves omnívoras que xa non lles abonda co mar, coa beiramar e os seus cantís. Invaden as cubertas dos edificios para converterse en praga na cidade. Agora aniñan e crían na altura de casas con vistas aos desperdicios do lixo que as alimenta. Saben dos contedores e das bolsas que a insolidaria incultura deixa a súa beira, as que esnaquizan a picadelas para ciscar o seu contido. Mesmo aprenden a abrir as tapas dos cubos.... Planean e rousean en algareira romaría sobre os vertedoiros. Atacan ás andoriñas, aos cirrios, matan ás pombas para comelas. Os arúspices e meigas de noutrora, seguidores de ancestrais tradicións, moito terían hoxe que dicir

Nome latino da gaivota, derivado de gavia, quizas en relación coa súa forma angulosa , algúns din que é onomatopeico, correspondendo aos seus chíos. Aves migratorias, xa afeitas a seguir o curso de ríos como o Miño e o Sil, corredores na busca dos desperdicios das urbes, até o mesmo Bierzo , chegando a compartir ambiente coas cegoñas e a arriscarse a atoparse con voadores inimigos, a competir na buscar desperdicios, como os falcóns, as aguias, o moucho... Así é que, nesta sociedade do consumo e do lixo, tamén efecto e causa de tantas cousas, mesmo contribuíndo ao acelerado cambio climático, quizais se teñan que revisar os tratados de ornitoloxía e a zooloxía.

Este vértice que emproa ao Atlántico, Galiza, ofrece singulares observatorios de aves, humidais, brañas, encoros; na montaña os Ancares, o Courel, o Suído, o Xurés, o Oribio ou o San Mamede, Trevinca... canóns e ribeiras, fragas como a do Eume, Catasos, Pena Corneira... agras; no litoral puntos como Estaca de Bares, Foz, Cariño, Baldaio, Louro, o Ulla... Silleiro, o esteiro do Miño ou as illas Cies, Ons, Sálvora... concorridos , hide, blind, postos de seguimento de aves. Sabendo que nesta banda da península atoparemos varios tipos de gaivotas:

Entre os máis de medio cento de clases de gaivotas existentes, moi parecidas entre elas, abonda en Galiza a patimarela (Laurus michahelis), de gran tamaño, patas amarelas, lombo gris, máis escuro que a gaivota arxentea e cor negra na punta das ás; as adultas cunha mancha vermella na punta do pico, anel tamén vermello arredor dos ollos... coa maior colonia nas illas Cies . A gaivota sombría, ou escura, maroto ou papón (Laurus fuscus) co dorso de cor gris moi escuro ... e a gaivota chorona ou reidora (Chroicocephalus ridibundus) que inverna en Galiza, de cor banca, ás de cor gris cos bordes negros e a testa negra...polo inverno mudando a plumaxe do branco ao gris...

Educar na convivencia e no respecto ao medioambiente que nos soporta

Gaivotas que viven en grandes grupos e roladas, intelixentes na súa ansia de buscar alimento, expertas en roubalo a quen se descoida, nas mesas das terrazas, nos recreos da escola, nos bancos do parque...e sobre todo a remexer no lixo. Monógomas, leais a súa parella durante toda a vida, á que recoñecen polo seus sons, así como ao sitio onde aniñan, ao que volven si lle resulta seguro. Beben todo tipo de auga, mesmo a do mar, depurando o sal polos ollos.

As gaivotas, como as pomba son expertas buscadoras de comida fácil, adáptanse ao xentío, perden o medo e fanse, cada vez, máis, agresivas na súa defensa, creando novos problemas nas cidades: aniñando nos tellados, cos conseguintes problemas para as baixantes, os desaugues, ruídos cos seus desacougantes chíos, a sucidade dos seus ácidos excrementos, causantes de erosión en cornixas, monumentos, vehículos... vectores de enfermidades, gripe aviar, a salmonelose... perigosas ao sobrevoar os aeroportos. Nos países nórdicos, de esencia e cultura tan mariñeira, ao respecto levan moito camiño andando, ofrecendo programas educativos e casas especializadas en servicios de prevención.

Gaivota de Xurxo Vázquez.

Gaivota de Xurxo Vázquez. / LOC

Así é que as poéticas gaivotas mariñas pasan a ser donas da cidade e unha praga. Búscanse solucións: mallas, pinchos para evitar que se pousen, emisores de sons de aves depredadoras para espantalas...máis rematan burlándose dos sistemas .

E como sempre nesta nosa sociedade o problema está nunha educación permanente na convivencia, o que non se fai fácil entre o bombardeo consumista, nun ambiente de desperdicios, do que pouco nos facemos responsables. Educación que é a base de tantos problemas que nos coutan, a igualdade, os coidados do medio ambiente, do consenso...

A gaivota, un símbolo literario de liberdade e do mar

Gaivotas, emisoras de estrepitosos grallidos, inquietantes berros, como na película de Hitchcock, provocadores, como lamentos desarticulados, escandalosamente agoniantes, preñados de sal... Idioma, como aturuxos que implican algún aviso, entre un aceirudo vo anguloso, en rolda arredor do que lle interesa. Nada que ver, ao menos así o parece, con aquelas pintorescas e poéticas gaivotas rompendo co seu voo a lonxitude dos areais e o horizonte do mar, imprescindibles detrás do ronsel do barco pesqueiro que contento arriba ao porto. Así as recolleu coa súa axilidade de debuxante Castelao en Cousas da Vida, a sobrevoar sobre o burriño, como un inocente Platero sobrecargado coas alforxas, mercadoría de viandas do arrieiro... e, como pe, o texto, «As gaivotas non voan polo burro…». Aves do Atlántico que pintou o Lugris, pousando na cima dun cantil, esenciais á espadana dun templo, outeando horizontes e os ronseis a Rosa dos Ventos, derriba do mastro dunha nave... Aves de inspiradores vos angulosos, transversais, xeométricos, como un festón, o que ben soubo interpretar Luis Seoane para a serie de xilografías Gaivotas no mar dos ártabros, tamén levadas a lenzos de cores azuis, branco, rotos polas súas liñas lixeiras, zig-zag negro, en contraste coas ondas rizadas do mar. Tema sobre o que recreou o Laboratorio de Formas de Galicia, nos talleres cerámicos de O Castro e Sargadelos. Velaí o mural realizado para o Concello de Sada: mosaico con anacos cerámicos moldurados, curvos... E as esculturas de gaivotas dese poeta do noso que foi o artista de Goíán Xoan Piñeiro, interpretando o seu voo, creando un ballet unhas coas outras... Do mesmo xeito a serie escultórica de gaivotas, en aceiro prateado, como coitelos fendendo o espazo, do escultor vigués Xuxo Vázquez. Asi mesmo as cantaron os poetas do mar, Paz Andrade, no seu Salmo da Roda, «...As velas, flor do navio,/as gaivotas, fror do ar /derraman pétalas brancas/ no azul xardín da mañán... arboradura de prumas/ levan na cima dos paus,/ con penacho de gaivotas/ que fan romaxe do ár/. Un xogo de azas e olas/ arrola o casco da nao,/ azas e olas a levan / desde Niñóns ate Ougal...». Mar, gaivotas, solpores tamén no poeta do mar de Cangas Bernardino Graña.

Dende a Prehistoria e máis na Europa celta, as aves acuáticas simbolizaron moito e leváronse a súa arte, como os patos, as gaivotas... os seus ovos eran buscados para a alimentación. Aves que significaron liberdade, esperanza, por anunciar aos navegantes perdidos no océano proximidade de terra. Símbolo de superación de problemas que presenta a meteoroloxía, as treboadas, o vento, as ondas dos mar, voando alto, a cabalo da linguaxe do vento... até, mesmo, facerse logotipo. Aves que tamén representan un destino tráxico, soños rotos, como na obra teatral A Gaivota do romántico ruso, Chejov, na que, inspirándose no Hamlet de Shakespeare fai un minucioso estudo psicolóxico dos persoeiros, expresando o anhelo de voar alto da actriz teatral Nina, de trunfar, para ser como vulnerable gaivota con destino fatal.

TEMAS

Tracking Pixel Contents