Opinión | O Grupo Naturalista Hábitat opina
Cosme Damián Romay Cousido | Biólogo e membro do Grupo Naturalista Hábitat
Sobre a eclipse solar e o comportamento animal e humano

Atardecer en el monte de A Zapateira. / @teresa.adran
O vindeiro 12 de agosto está marcado no calendario como unha data extraordinaria, debido á eclipse total de sol visible en boa parte de Galicia e do extremo norte ibérico. Se a nebulosidade non o impide, gozaremos dun espectáculo astronómico inesquecible, que non se repetirá ata o ano 2480.
En todo caso, e en paralelo á eclipse, poderemos notar unha baixada da temperatura ambiental e cambios no comportamento dos animais, que ven como a noite chega de súpeto e a unha hora inesperada. Se estamos nunha contorna rural, quizais escoitemos como os grilos comezan a cripar. Machos de noiteboas cinsentas que emiten o seu remusmús típico das noites estivais. Aves diúrnas cesan os seus cantos. Corvos viaraces e pegas rabilongas comezan a moverse cara aos seus durmidoiros. Posiblemente o voo errático dunha vacaloura, ou mesmo algún lucecú que se acende. Mamíferos e aves de hábitos nocturnos comezan a activarse nesta noite adiantada: xabariles, corzos, teixugos, raposos, avelaionas, curuxas... Dado que a eclipse do vindeiro mércores se producirá a pouco máis dunha hora do verdadeiro solpor, quizais faga que nese lapso de luz diúrna entre a eclipse e o solpor poidamos observar algúns destes animais descolocados, perfectamente iluminados fóra das zonas arboradas nas que se ocultaron nas horas anteriores á eclipse. Pero, atención, como é probable que se produza un aumento do tráfico rodado xusto despois da eclipse, quizais algún destes animais cruce a estrada, co conseguinte risco de atropelo e mesmo de accidente.
Non está de mais subliñar a necesidade de extremar as precaucións na estrada nese momento post-eclipse, pero tamén antes da eclipse cando accedamos aos puntos nos que imos gozar deste espectáculo astronómico. Debemos respectar á veciñanza e ás propiedades particulares dos puntos de observación, así como calquera sinalización que as autoridades consideren conveniente. Hai 29 zonas de exclusión para a observación da eclipse en Galicia, vedadas por motivos de seguridade viaria, complexidade perante eventuais evacuacións, problemas de accesibilidade e/ou risco de dano ambiental ou patrimonial.
Conclusión: a eclipse solar do mércores será un momento único nas nosas vidas, que poderemos gozar (se o tempo meteorolóxico nolo permite) na metade dos concellos galegos, e sempre que sigamos unhas normas básicas de seguridade (*). Pero, ademais, serán uns minutos tamén extraordinarios para percibir os cambios no comportamento animal, desde insectos ata grandes mamíferos, pasando por numerosas especies de aves. Cómpre para iso afiar os nosos sentidos á par que gozamos desa breve noite anticipada.
- Estrella Galicia demuele un concesionario al lado de su sede en A Coruña para un nuevo uso
- El restaurante que recomienda Martiño Rivas en la guía de Zara por su tortilla: “Todo gira en torno al sabor”
- Abre Marrano en A Coruña, el local informal de tapeo para amantes de la carne a la parrilla: 'Aquí nada de sentarse en una mesa con mantel
- La Casa Cervigón, en Oleiros, atesora el primer jardín moderno de Galicia
- Multas y vigilancia en la estación de tren de A Coruña ante los coches que paran para recoger y dejar pasajeros
- La plantilla del Deportivo mira al parón de selecciones: ¿Quién puede ser el próximo internacional absoluto?
- Que los fichajes del Deportivo no nublen el sol de la Segunda División
- Las quejas sobre los trenes, de nuevo protagonistas en la víspera del inicio del curso en A Coruña: 'Renfe me ha obligado a cambiarme al coche