Opinión
Cosme Damián Romay Cousido
Sobre como está o patrimonio natural de Betanzos hoxe
O concello de Betanzos, cos seus 24,2 km², é un municipio relativamente pequeno no contexto galego, pero densamente poboado. Hai actualmente 13.533 habitantes, con dous terzos activos no eido laboral, especialmente no sector servizos. Hoxe só o 3% dos betanceiros e betanceiras dedícase á agricultura e á gandería, actividades en declive desde hai décadas. Moitos propietarios de monte decidiron plantalo a eucalipto, que actualmente é maioritario nos 7,3 km² arborados do concello. Os devanditos datos explican como é o uso actual da superficie terrestre do municipio: un sector agro-gandeiro en proceso de desaparición, pero que aínda aproveita o 46% do territorio. Unhas contornas arboradas empobrecidas para a biodiversidade, excepto nos recunchos sen eucalipto. E o territorio restante moi humanizado (viais, aldeas, urbanizacións, polígonos industriais, etc.), pero con algunhas zonas que conservan un patrimonio natural de calidade máis que aceptable, e mesmo sobresaliente.
Betanzos ten oito xoias naturais: o fondo da ría de Betanzos, o extremo leste do encoro de Abegondo-Cecebre, as ribeiras dos ríos Mandeo, Mendo, Mero, Caraña e Pequeno, e os agros de Requián e Guiliade. Os primeiros cinco lugares están dentro da Rede Natura 2000, isto é, a rede ecolóxica europea de áreas protexidas designadas pola directiva 92/43/CEE, salvagarda dos hábitats e especies máis valiosos e ameazados de Europa.
A Rede Natura 2000 está mesmo rodeando a vila de Betanzos, con zonas como o Porto e os treitos urbanos do Mandeo e do Mendo dentro desta figura de protección. Isto, por desgraza, non significa que os seus valores naturais estean preservados: no caso do Porto, as naves industriais están sobre a marisma asolagable, teoricamente protexida. As ribeiras do Mandeo e do Mendo están amplamente degradadas, coa intención do goberno municipal de Betanzos de aprobar definitivamente en outono un Plan Xeral de Ordenamento Municipal (PXOM) que vai estrangular a Rede Natura 2000 nesa contorna. Un PXOM que permite edificar en zonas sensibles a inundacións e vai dificultar calquera medida de restauración de hábitats. De que vale que O Carregal, A Ribeira e o Porto se declaren «Áreas de Restauración Ecolóxica» se o PXOM di que se poden manter as naves industriais e mesmo crear novas urbanizacións nas zonas asolagables?
Conclusión: o G. N. Hábitat lembra que patrimonio natural é aquel conxunto de elementos físicos que, polo seu valor cultural, estético, paisaxístico ou científico, deben ser preservados pola sociedade no seu conxunto. Este é o caso de Betanzos: non se pode seguir estragando o seu patrimonio natural pensando só en plantar eucaliptos ou urbanizar a toda costa. É necesario reformar o PXOM de Betanzos para facelo compatible coa eventual recepción de axudas europeas para a restauración ambiental, ao amparo do recente regulamento europeo 2024/1991.
- Despedido el director de una oficina bancaria de la avenida de Fisterra de A Coruña por falsificar firmas de clientes y abrirles tarjetas de crédito para cumplir objetivos
- Getafe FC - RC Deportivo, en directo hoy: partido de la Liga EA Sports en vivo | Casadó, única novedad en el once del Dépor
- El Deportivo abre la puerta a Teun Gijselhart: salida de última hora
- El verano resiste con playas llenas en A Coruña: esta es la previsión de sol (y también lluvia)
- El restaurante que desafía a la tortilla de Betanzos con una pizza que ya conocen 250.000 personas: 'Todo el mundo viene a por ella
- La cervecería de A Coruña que lleva diez años yendo a contracorriente: 'No daban un duro por nosotros
- Getafe CF - RC Deportivo: Horario y dónde ver en TV y online la jornada 5 de LaLiga EA Sports
- Lourdes Suárez, trabajadora social de Arteixo con 40 años de dedicación: “Tú no eres la ayuda, sino el bastón para que consigan caminar”