Opinión | Retallos do labirinto

Investigador da cultura galega
Castelao, Pontevedra e ‘A derradeira leición do mestre’

A derradeira leición do mestre / Castelao
No edificio Castelao do Museo de Pontevedra, do 25 de xuño ao 27 de setembro deste 2026, móstrase A derradeira leición do mestre de Castelao: óleo sobre lenzo de 2 m de alto por 1,36. Cesión temporal do Centro Galicia de Buenos Aires. Sendo esta a segunda vez que tan singular obra volve a Galiza: a primeira foi de outubro de 2018 a xaneiro do 2019, daquela na Cidade da Cultura e na exposición Castelao Maxistral. Mostras co fin de «non dar a esquecemento da inxuria o rudo encono...» de homenaxear aos mestres da república, así como o acontecido hai 90 anos coa aprobación do Estatuto de Galicia, con tantas ilusións fendidas pola guerra fratricida, con tanto terror e asasinatos, entre eles o de Alexandre Bóveda (1903-1936), economista, político, clave no nacionalismo galego, fusilado no piñeiral da Caeira de Pontevedra o 17 de agosto de 1936. Castelao dedica a Derradeira leición do mestre a Bóveda, símbolo, de moitos mestres que representaban o futuro e quedaron nas cunetas.
Mostra da Derradeira leición do mestre na que a Deputación de Pontevedra, propietaria do Museo e a dirección deste ofrecen un traballo necesario, actividade que mesmo é lección esencial, de coidado e limpo montaxe, resaltando o exposto sobre o fondo negro: no fronte preside o lenzo, na banda dereita do espectador está a foto e recorte de xornal que dan conta da presentación do cadro o 17 de agosto de 1945, Día da Galiza Mártir, aniversario do asasinato de Bóveda. Acto aquel que contou ademais cun busto de Bóveda en bronce, feito polo escultor Domingo Maza. Foto cun Castelao arrodeado de irmáns na causa, entre eles, Tacholas, vestido ao xeito enxebre, arriba Antón Alonso Ríos (1887-1980), mestre, fuxido, sucesor de Castelao como presidente do Consello de Galiza no exilio, memoria que aínda espera o debido homenaxe. Na outra banda exponse a lámina orixinal (29, 5 X 22 cm,) a nº. 6 do albume Galiza Mártir, realizada en técnica mixta e que Castelao retoma para o lenzo. Seguido, nunha vitrina, o orixinal manuscrito de Co pensamento en Galiza (logo titulado Sempre en Galiza), recompilación de textos, ensaio político, considerado a Biblia do nacionalismo galego, publicado na Arxentina o 10 de marzo 1944.

Estampa e A derradeira lección do mestre en Galiza Martir / Castelao 1936
Mostra que se pode complementar cunha visita xeral á obra de Castelao, a que se mostra no segundo piso do museo. Lección da dignidade de Galicia como célula de universalidade, enchoupada no sentido social da arte, denuncia do caciquismo, do fanatismo, da crueldade,... como ben sabía e se tiña feito no sc. XVII nas Miserias da guerra Callot ou a inicios do sc. XIX nos desastres da guerra e o Fusilamento do 2 de maio de Goya...
A misión divulgativa, ética e estética de Castelao arredor de Galiza
«Meu Pontevedra», así referíase Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (1886-1950) á cidade que estaba no corazón da súa formación, da súa actividade e creación, a que saberá corresponder. E por medio un sobranceiro intelectual, aquel que fora o seu alumno e significado membro do Seminario de Estudos Galegos, o profesor Xosé Fernando Filgueira Valverde. Entre tantas cousas que foi, a que nos importa é como estudoso, animador de tradicións e máis como director do Museo de Pontevedra. Foi el a persoa na que, de mozo, se puxo tanta confianza para unha misión de futuro, como era o Museo. Filgueira non perdeu de vista, fora como fora conseguiu, adquiriu, entregou, gardou e espallou, na medida da censura e do medo a, obra de Castelao. Misión que inculcou, mesmo ao seu sucesor nas tarefas do que consideramos como Museo Nacional de Galicia, a Carlos Valle Pérez, tamén dedicado a seguir ese ronsel, a recuperar, estudar e divulgar a obra ética e estética de Castelao. Sabendo que o orixinal de Os dous de sempre está nunha colección privada, que a familia Baltar Tojo é gardadora do inmoble familiar de Rianxo e dalgunhas cousas. Aspectos complementados polo gran traballo de inventario de Miguel Anxo Seixas Seoane da Fundación Castelao. Lamentando que os poderes públicos non busquen fórmulas para recuperar parte esencial do patrimonio.
No 1909 Castelao licénciase en medicina e para compracer ao seu pai exerce a súa profesión en Rianxo, casa con Virxinia Pereira Renda na Estrada, un 19 de outubro do 1912, sendo oficiante o ourensán e influínte intelectual Antonio Rey Soto. Vida a da familia Castelao afeita aos camiños, mesmo aos do exilio: Rianxo, Bernasconi (Pampa Arxentina), Compostela e sobre todo Pontevedra (1916-1936), cidade na que consigue praza de funcionario do Instituto Geografico e Estadístico, logo dando clase de debuxo no Instituto. Ambiente culto: a cidade dos teósofos do círculo Pintos Fonseca, a das sombras de Valle Inclán, a do enxeñoso Perfecto Feixoo, do filósofo Lousada Diéguez, de Alexandre Bóveda, dos irmáns Muruais... de parladoiros, da Sociedade Arqueolóxica, da coral Aires da Terra, onde medran as Irmandade da Fala e a creación e maduración dunha obra sempre inacabada, o Museo. Castelao e Virxinia viven na cerna da cidade, no nº 1 da Praza do Concello, no 6-8 da Oliva, con saídas pola bolsa de estudos por Francia, Bélxica, Alemaña (1921), logo a viaxe a fin de documentar os cruceiros da Bretaña (1929), realizada tamén coa ansia de sobreporse á morte do fillo de 14 anos, enterrado inicialmente en Pontevedra. E os difíciles anos: en novembro do 1934 desterrado a Badaxoz polo Goberno radical-cedista de Lerroux... a efervescencia da segunda república: a viaxe pola Unión Soviética (Moscú, Leningrado, Ucrania, Azerbaiyán) (1938)... na guerra en Madrid, Barcelona, Valencia, camiño do exilio a Cuba, New York e Estados... Mentres os seus bens pontevedreses serán intervidos pola Comisión Provincial de Incautación de Bienes, proceso que non se pechou até 1962, ao que o Museo de Pontevedra estivo atento.

Co pensamento en Galiza (manuscrito Sempre en Galiza) / Castelao
E parada final de Castelao na quinta provincia de Galiza, Buenos Aires, onde foi esperado, querido, respectado como un símbolo da Terra até o seu pasamento o día despois dos Magos de 1950, no cuarto 202 do hospital do Centro Galego, hoxe tal cal, como unha reliquia.
A obra social, o compromiso e a vangarda de Castelao denunciando a guerra
Castelao, no 1945, cas súas facultades visuais xa moi apagadas e os ollos pegados ao lapis e ao pincel pintou este gran lenzo no que recolle como tema o da estampa 6 do seu albume Galiza Mártir, o primeiro editado dos tres sobre a Guerra, seguido de Atila en Galicia (1937) e de Milicianos (1938). Escenas que el di na entrada «... arrincadas da miña propia door, van dirixidas a vós que sempre amáchedes a liberdade e sodes a única reserva que nos queda para reconstruír o fogar desfeito». Creación de vangarda, cun valor intemporal e universal, orixinais conservados no Museo de Pontevedra dende 1981. Lenzo que quedará custodiado no Centro Ourensano de Buenos Aires. Pechada esta asociación A derradeira Lección do Mestre, entre outros útiles do rianxeiro, no 1979 serán acollidos no Centro Galicia de Buenos Aires, hoxe sede do Colexio Santiago Apóstolo, onde foi restaurada e se custodia como o que é, símbolo da memoria democrática galega, como un «Guernica galego», temos dito.
Obra realista, leal ao decadentismo, ao simbolismo: predominan os grises e os ocres entre matices de luces e sombras... de pincelada impresionista, segura. Escollendo como escenario unha encrucillada bretemosa, ao fondo un marco, sen inscrición, detrás dúas carballas decotadas que comezan a agromar nos seus nós... A árbore (raiceiras na Terra, follas á Luz) foi un símbolo no panceltismo e para a Xeración Nós. Lembramos a pintura do desacougante Souto dos Gatos que Castelao regalou a Otero Pedrayo na viaxe deste a Arxentina no 1947. Diante, como un Cristo no colo da Terra sementado do seu sangue, xace o mestre asasinado. Ante el dous nenos de camisa branca, recollemento en lembranza co Ángelus de Millet: o menor axeonllado, o outro erguido consolándoo: a verticalidade das árbores e dos nenos denotan esperanza. No fondo, sinatura e texto: A derradeira leición do mestre.
Obra da que xa debera haber unha copia ou mesmo unha re-creación. Creadores non faltan e menos sitios para acollela, como o Parlamento de Galiza, o mesmo Museo da Pontevedra... e cavilo nese baleiro que campa sobre o sartego de Castelo, en Santo Domingos de Bonaval, aínda que quizais para tal sitio cavilaríamos nun mural interpretando o Alba de Gloria.
Pontevedra dá de beber a quen pasa, tende pontes e onde sempre nos espera o seu Museo, agora para unha lección especial: a inmensidade e ansia de SER de Galiza.
Suscríbete para seguir leyendo
- La panadería de A Coruña que hace uno de los tres mejores panes de España: “Hacemos 200 kilos al día y necesitamos seis horas”
- Cierra una de las históricas gasolineras de la N-6 en Oleiros
- De iconos de la noche de A Coruña a locales vacíos: los pubs históricos que no se alquilan
- Cierre en varias instalaciones de Termaria en A Coruña por filtraciones de agua marina
- El Gobierno local de A Coruña da luz verde a las nuevas torres de 16 plantas y dos zócalos junto al Ágora con el voto del PP
- Seis condenados a cárcel y 940.000 euros en multas tras la caída de la red que distribuía droga en una floristería del Orzán de A Coruña: les pedían 'pimientos' y 'caramelitos
- El restaurante de A Coruña elegido para rodar la nueva temporada de ‘Clanes’ de Netflix: 'Buscaban un lugar que recordase a China
- Todo listo para O Burgo Fest, que se celebrará el sábado en el paseo