Opinión | O Grupo Hábitat opina
Elia Pérez e Manuel Cernadas
Sobre as vacalouras e os vagalumes

Vagalumes nun bosque ao anoitecer. / EFE
Hai animais que forman parte dos recordos dos veráns da infancia. Para moitas persoas, entre estes animais están as vacalouras e os vagalumes. Nas casas dos avós, nas aldeas ou para quen medrou no rural, era habitual atopalos durante aquelas longas tardes de verán que se prolongaban ata a noite. Saiamos máis, xogabamos fóra ata tarde e coincidiamos precisamente co momento no que estes insectos comezan a facerse visibles. As vacalouras (Lucanus cervus), os nosos escaravellos de maior tamaño, presentan a súa máxima actividade durante o luscofusco. É entón cando os adultos voan entre as árbores ou atravesan torpemente camiños e corredoiras. Pouco despois, coa chegada da escuridade, eran os vagalumes ou lucecús os que chamaban a atención coas súas pequenas luces entre a vexetación.

Vacaloura. / LOC
Poderiamos pensar que agora os vemos menos simplemente porque tamén cambiaron os nosos costumes. De adultos paseamos menos ao anoitecer e mesmo os nenos pasan menos horas xogando fóra a esas horas. Pero esa explicación é só unha parte da historia: moitas poboacións de insectos están sufrindo importantes declives nas súas poboacións. Como podemos sabelo? Contándoos. Existen programas de seguimento a escala europea que permiten rexistrar ano tras ano a presenza e abundancia de determinadas especies, como a vacaloura, e analizar a súa evolución ao longo do tempo. Desde o Grupo Naturalista Hábitat participamos no European Stag Beetle Monitoring Network contribuíndo ao seguimento das poboacións de vacaloura. Ademais, aproveitamos esas noites para observar outro grupo moito máis discreto: os vagalumes.
As ameazas son numerosas. A iluminación artificial nocturna pode interferir na comunicación luminosa dos vagalumes; tamén inflúen o uso de praguicidas, a eliminación das súas presas (entre elas caracois e lesmas), os desbroces intensivos e a transformación das marxes, prados e beiravías onde viven. Para a vacaloura resulta especialmente importante conservar os bosques caducifolios maduros e, con eles, algo que demasiadas veces eliminamos por consideralo inútil: a madeira morta. As súas larvas permanecen varios anos desenvolvéndose asociadas á madeira en descomposición de árbores caducifolias. Retirar sistematicamente troncos, raíces e madeira vella ou substituír estes bosques por formacións forestais máis pobres significa facer desaparecer tamén o lugar onde transcorre a maior parte da súa vida.
Conclusión: quizais vexamos menos vacalouras e vagalumes porque xa non pasamos tantas noites de verán fóra como cando eramos pequenos, pero tamén porque as paisaxes nas que viven están cambiando. Dende o G. N. Hábitat defendemos que seguir contándoos é fundamental para coñecer a súa evolución, pero tamén que conservalos require manter bosques maduros, madeira morta, marxes diversas e noites realmente escuras. Se queremos que sigan formando parte dos recordos dos veráns, non abonda con botar de menos aqueles de antes: temos que conservar os lugares nos que aínda poden vivir.
- La panadería de A Coruña que hace uno de los tres mejores panes de España: “Hacemos 200 kilos al día y necesitamos seis horas”
- Cierra una de las históricas gasolineras de la N-6 en Oleiros
- De iconos de la noche de A Coruña a locales vacíos: los pubs históricos que no se alquilan
- Cierre en varias instalaciones de Termaria en A Coruña por filtraciones de agua marina
- El Gobierno local de A Coruña da luz verde a las nuevas torres de 16 plantas y dos zócalos junto al Ágora con el voto del PP
- Seis condenados a cárcel y 940.000 euros en multas tras la caída de la red que distribuía droga en una floristería del Orzán de A Coruña: les pedían 'pimientos' y 'caramelitos
- El restaurante de A Coruña elegido para rodar la nueva temporada de ‘Clanes’ de Netflix: 'Buscaban un lugar que recordase a China
- Todo listo para O Burgo Fest, que se celebrará el sábado en el paseo